05:07 Luns, 04 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-04-2013

Este sería o peor momento para cesar na reivindicación da soberanía, aínda que só for para tomar folgos ou para dar un rodeo

Argumentarmos a soberanía: unha proposta

Valorar (37)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



O MD avanza devagariño cara a cidade entre paseos marítimos, rías emporcalladas e zonas marxinais. A súbita aparición dunha paisaxe de graffitis intranscendentes e envases de plástico estrados derredor da vía anuncia a proximidade do destino final. Sabéndose como se sabe que a liña na que viaxo está entre as condenadas á desaparición, non podo evitar a nada orixinal pero moi desagradábel sensación de estar viaxando no derradeiro tren.

Cos camiños de ferro desmantelados o país avanza un paso máis cara a súa desestruturación. Eu pergúntome cantos viaxeiros dos que me arrodean –estudantes, idosos, parellas con bolsas da compra- pensarán coma min que a perda do tren como nexo de unión próximo e sustentábel é unha alegoría máis da imposibilidade histórica de organizarmos o noso país ao noso xeito.

A soberanía galega é cerne do noso ideario e punto de unión entre nacionalistas. Unha cuestión tan fundamental non merece ser posta en segundo plano, senón todo o contrario: merece ser traída con novos folgos e visións renovadas a primeira liña de debate. Merece o noso esforzo para ser tan ben explicada como sexamos capaces, e meréceo agora máis que nunca. Agora, cando se aveciñan tormentas de envergadura tanto en Europa como no Estado que acabarán con moita probabilidade dándolle unha configuración diferente tanto a unha como ao outro.

Outros movimentos nacionalistas equiparábeis ao noso xa teñen encetado na Rede o camiño da explicación didáctica da súa independencia. Unha rápida pescuda oferece resultados certamente interesantes a carón doutros non tan afortunados . Suso Mon ilustrábanos hai unhas semana desde as páxinas do Sermos dixital sobre o web El Clauer (O Chaveiro), ‘un argumentario sobre a independencia de Catalunya co apoio de catorce entidades de referencia’. El Clauer oferece un despregue atractivo e accesíbel, a carón duns comentarios en tres linguas que resultan claros, realistas e equilibrados sobre a futura independencia catalá. É sen dúbida unha excepcional páxina de referencia.  

A Rede é o noso campo de batalla. De sobra sabemos o que podemos agardar dos medios empresariais hexemónicos e o que poden dar de si medios públicos como a TVG, cuxos traballadores, igual que os ex da Voz, teñen que contar nun blogue o que non lles deixan contar na pantalla. A Rede é un campo extenso, e pode ser tan nosa coma deles.

Outro intento salientábel vennos desde Escocia. Newsnet Scotland, un portal nacionalista que nos considera ben, anuncia unha folla de datos sobre a independencia con respostas a perguntas frecuentes. Aínda sen a presenza, a concreción e a claridade de El Clauer, a sección The A to Z of Independence é unha achega positiva.

Outros intentos son menos afortunados, ben pola súa falta de atractivo visual ou polo seu escaso desenvolvemento. Este é o caso de welshindependence.net, ben orientada mais algo raquítica en contidos, ou o de emgann.chez.com, un web independentista bretón con pésimas traducións ao inglés e ao español. Seguro que as soberanías galesa e bretoa poden para moito máis na Rede.

Non me causou ningunha simpatía a páxina The Flemish Republic, na que se avoga pola independencia de Flandres. A pesar da súa concreción e dun pasábel despregue visual, algúns contidos exhalan un cheiro exclusivista, cando non xenófobo. Definitivamente, non son os meus. Outros webs de opcións independentistas máis próximas aos nosos valores como o Movimento Socialista Flamenco, principalmente en neerlandés, carecen do didactismo de El Clauer.

Unha vez ben argumentadas na Rede as vantaxes da soberanía –debemos facer un esforzo meditado pero urxente!-, cabería esperar do unionismo unha argumentación seria sobre as vantaxes da subordinación de Galiza a España. Unha defensa coherente que explique desde os seus presupostos os enormes beneficios que obtemos non podendo ter representación nos organismos internacionais para defender os sectores produtivos que máis nos interese, non podendo xestionar as nosas augas territoriais no noso proveito ou non podendo practicar soberanamente as políticas económicas que máis nos conveñan. Agardemos pacientemente argumentos unionistas que superen os tópicos ao uso: poida que cansemos de agardar.

Coa lingua en permanente estado de sitio e o camiño da lusofonía atrancado por intereses bastardos, coa Rede cultural case desfeita e os sinais de identidade baixo mínimos, co tecido industrial desmantelado e o rural, cerne do país, esmorecendo ante intereses alleos, cos camiños de ferro abandonados á mantenta polas elites económicas, cos recursos mineiros e enerxéticos explotados máis que nunca desde fóra, este sería o peor momento para cesar na reivindicación da soberanía, aínda que só for para tomar folgos ou para dar un rodeo. Somos nación incesante, non nación cesada.

Cómpre pois unha argumentación plural, clara, sinxela e accesíbel na Rede sobre a nosa proposta soberana. Unha argumentación a través dun web feito para as estudantes, para os idosos, para as parellas coa bolsa da compra e para todos os demais que nos acompañan no tren. Unha coidadosa ofensiva na batalla das ideas que argumente con efectividade que na vella Galiza a Revolución que nos move ou será galega ou non será nada.  

Nota
: A pescuda realizada na Rede, por urxente, non pode ser completa. Agradeceríanse achegas de novas páxinas argumentadoras de procesos soberanistas que non aparecen neste artigo. A sección de comentarios fica aberta para ese fin. Obrigado!


[17-04-2013 06:34] Novo dato comentou:

Outro argumentario sinxelo e claro sobre a independencia escocesa aparece na páxina web YesScotland, que ten como propósito pedir o voto afirmativo no referendum:
http://www.yesscotland.net/questions

[15-04-2013 22:33] ExVoz comentou:

Grazas pola referencia. Só constituimos unha máis das "demostracións" de que a información non circula como fora preciso nunha sociedade democrática. E cando son os profesionais da informaicón os que queren contar o que pasa, os atrancos son aínda máis altos. No caso dos compañeiros da TVG o fenómeno é máis grave, pois trátase dun medio que funciona cos cartos de todos os cidadáns.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña