14:38 Venres, 10 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2013

Feixóo dinos que non sabía a que se dedicaba un señor co que mantivo amizade durante varios anos, compartindo mesa, mantel e viaxes

Idiotas ou carotas

Valorar (17)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Dicía meu pai, que era un filósofo e pouco máis sabía que ler, escribir e as catro regras, que “o que é burro e o sabe, aínda non é moi burro”.
E ¿a que vén isto? Pois a que a estas alturas, vendo o que está pasando, eu non sei si realmente son burro ou si algúns me toman por tal. E eu négome a que personaxes que cobran do erario público, que lles pagamos todos as súas altísimas retribucións, se rían de min e me tomen por idiota.      

Ana Mato, ministra de Sanidade, non lle constaba que ao seu marido lle regalasen un Jaguar os da trama Gurtel, que lle fixesen agasallos e que lle pagasen as festas de aniversario dos seus fillos. Rajoy, que adoita non entender as notas que escribe el mesmo, tampouco sabe como se financia o partido que preside, e que na cúpula do PP houbese sobresoldos. O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, nega "rotundamente" que encargasen algunha xestión á princesa Corinna zu Sayn-Wittgenstein,  a amiga íntima de El Rey, mentres ela di que prestou gratuitamente servizos ao Estado. Francisco Camps, negou no seu día que a trama Gurtel lle pagase os traxes, xa que os pagaba co diñeiro que collía da caixa da farmacia da súa muller. Ana Botella, tampouco sabía que as 203 clases de golf que recibiu a familia no club de campo Villa de Madrid as pagara o Concello que preside agora.

E para non aburrir con máis exemplos estúpidos, Feijoo dinos que non sabía a que se dedicaba un señor co que mantivo amizade durante varios anos,  compartindo mesa, mantel e viaxes, e si estivo con el en Andorra, situada nos Pirineos cataláns ou nos Picos de Europa que están en Cantabria.      

Á vista de todo isto non queda máis remedio que chegar á conclusión de que ou estamos gobernados por unha panda de idiotas, que non se decatan de nada, ou de listiños, que se decatan de todo, pero que nos toman por parvos.

As fotos de Feijoo

Eu entendo que xornalistas, xornais e medios de comunicación afines ao PP, que son a maioría, traten de convencer á súa parroquia que son unhas fotos antigas, que non teñen importancia. Vexamos uns exemplos do publicado por aquí. Xosé Carlos Caneiro preguntaba “¿Es lícito que una foto estival de Feijoo en 1995 con un ciudadano (entonces sin cargos) sirva para juzgar mediáticamente a una persona que hasta ahora  ha demostrado diligencia, honestidad y entrega al servicio público?” “¿Una foto que nada dice es peor que mil millones desaparecidos de las arcas andaluzas?”. Señor Caneiro, ¿é lícito que unha foto estival de Quintana en 2003 cun cidadán (sen cargos) sirva para xulgar mediáticamente a unha persoa que ata agora demostrou dilixencia, honestidade e entrega ao servizo público? ¿Que ten que ver a foto cun contrabandista e narcotraficante cos ERE de Andalucía, que por certo son 136 millóns, non 1.000? ¿Como se pode dicir que é “Una foto que nada dice”?, ou que son “unas simples fotos”? ¡Que lle pregunten o significado a Carmen Avendaño e ás familias que viron morrer aos seus fillos víctimas da droga!

Fernando Ónega dinos que son “un borrón, no un motivo para dimitir”, “un problema de ingenuidad; una alegría de gente joven, seducida por ocasiones de ocio y, desde luego, en un ámbito de desinformación sobre el personaje Marcial Dorado”. Vexamos. Marcial Dorado na década dos 80 xa foi detido e procesado por contrabando, quedando libre porque os delitos prescribiran. En 1990 foi un dos detidos da Operación Nécora, xa que logo Feijoo non podía ignoralo.

Para Pilar Cernuda é un “juego sucio”, e despacha a cuestión cun “Quien esté libre de pecado que tire la primera piedra”, mentindo no relativo á foto de Quintana con Jacinto Rey.        

Outro dos socorristas, Abel Veiga Copo, nun artigo con título épico “La fortaleza de la honestidad”, dinos que “Solo son fotos. Nada más”, e que os que buscan forzar o guión “de una foto, y si me apuran, una dudosa compañía”,  “solo buscan la difamación y la insidia”. Digo eu que tamén son fotos as que a policía incauta nos ordenadores dos pederastas, e por iso ninguén con sentido di que “solo son fotos”, pois mentres a aos que as teñen lles dan pracer a outros danlles repugnancia. Eu non vin a estas compracentes plumas argumentar o mesmo coa foto de Quintana co señor Rey.

O xuíz José Antonio Vázquez Taín dixo unha perogrullada e unha obviedade, que nas fotos non hai indicios de delito, e en canto ás conversacións que eran citas “a xente non queda sen citarse”.

Salvar ao soldado Ryan

Estas manifestacións, voluntarias ou inducidas, sen dúbida teñen por finalidade “Salvar ao soldado Ryan”, unha tarefa, ao meu modo de ver, inútil. Resulta chocante que saíse no seu auxilio o outro protagonista das fotos, Marcial Dorado, a través do seu avogado, para certificar que nunca mantivo unha verdadeira amizade, unha “relación personal estrecha”, e que a súa esposa Otilia Ramos afirmase que nos rexistros levaron as fotos mentres o xuíz Tain di o contrario.     

Pero o máis indignante do asunto é o vitimismo de Feijoo. Agora resulta que a publicación das fotos, e todos os comentarios desfavorables a que deron lugar, son unha infamia. É dicir, os críticos co que representan e din esas imaxes, emulando o que un día dixo o mesmo Feijoo sobre Quintana, son os responsables do descrédito e da deshonra que lle poidan ocasionar.    

Pero en fin, a operación lanzada polo PP para socorrer a Feijoo está moi ben para a súa clientela, hai que xustificarse con conxuras e conspiracións, pero dubido da súa efectividade ante o resto da sociedade, farta dunha clase política sen credibilidade.      

Ademais o fondo da cuestión non é quen son as amizades de Feijoo, pasadas ou presentes, boas, ou pouco recomendables. O problema creouno o propio PP e Feijoo que puxo o listón da honradez e a honorabilidade moi alto cando se publicou en 2009 a foto de Quintana co empresario Jacinto Rey no seu barco. Naquel momento Feijoo esixiu “actitudes intachables” e pediu a súa dimisión “porque o Goberno non se pode fotografar con malas compañías”. ¿Pódeme explicar Feijoo e os seus turiferarios, porque era mala compañía o señor Rey para o goberno da Xunta presidido por Touriño e non o é agora o de Marcial Dorado presidido por el? ¿Por que non se aplica a súa propia recomendación e dimite?      

Agora Feijoo, conseguido o obxectivo de desaloxar da Xunta ao goberno bipartito, mírase no seu espello, esquécese do dano causado e da infamia cometida, retráctase do que dixo, e manifesta sen rubor que nunca dubidou da honorabilidade de Quintana e que nunca pediu a súa dimisión, un exercicio de cinismo que demostra que Feijoo é un profesional da política de pouco fiar. No que lle afecta da por rematada a infamia por interese propio, pero xa está tocado. O asunto acaba de empezar e o empurrón definitivo darallo algún dos seus correlixionarios.

Rajoy e a corrupción

A estas alturas, só os acérrimos do PP poden dubidar de que o presidente Rajoy hai tempo que perdeu a credibilidade, así o confirman as enquisas, e que, nunha actitude covarde escóndese dos xornalistas para evitar responder a preguntas para as que non ten resposta, incómodas ou comprometidas, comparecendo ante unha cámara de televisión para ler uns papeis que lle escriben, “llenos de confusiones y engaños”, como escribiu Soledad Gallego, para que uns xornalistas o vexan e escoiten a través dunha pantalla de plasma, faltándolles á súa dignidade profesional, indo ata a sé do PP para escoitar o que podían ver máis cómodamente nas súas redaccións.      

Xa sometidos polos editores a unha restricción da liberdade de expresión, mentres Feijoo avisa que actuará si se utilizan as fotos para difamalo, mentres o PP, que amagou co mesmo no caso Bárcenas, acusa á oposición de “amarillismo” e o seu colega da Comunidade de Madrid, Ignacio González, pide establecer “límites” ás informacións que se publican para evitar posibles danos a persoas e institucións. Coma se cada un non fose responsable do que fai e di. Os políticos serían felices si só se publicasen os panfletos laudatorios que envían os seus gabinetes de prensa, sen que ninguén fixera de contrapeso.        

Rajoy na última comparecencia televisada para os periodistas, falou da corrupción, pero non para facer unha limpeza, senón para negar que exista. Sendo este un asunto moi serio converteuno nunha tomadura de pelo. "No es verdad que en España haya un Estado generalizado de corrupción" "No es verdad, es una insidia"; "la inmensa mayoría de responsables públicos sirven al país honradamente", líbrenos Deus que non fóra así; que cando o PP tivo coñecemento de irregularidades "demostradas", actuou con "un nivel de exigencia que nadie ha igualado", sirva de exemplo a nova figura laboral de despedimento inventada por Dolores de Cospedal da “indemnización en diferido en forma efectivamente de simulación o de lo que hubiera sido en diferido”, do tesorero Bárcenas ou a de Jesús Sepúlveda, ex marido da ministra Ana Mato, ao que acordaron darlle por despedimento improcedente 229.000 €; que en "todas partes hay malas hierbas" pero en España as institucións "están sanas". Pouco despois o xuíz Castro imputaba á infanta Cristina.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña