08:51 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-04-2013

Os sucesos nos telexornais da TVG como arma de españolización

Sucesos

Valorar (29)

LOIS DIÉGUEZ



Advertirían quen seguen as noticias dos telexornais da TVG (ou aínda teñen a paciencia de aturalos) as constantes e interminábeis manobras dos seus programadores a respecto de como han de camuflar unha idea tan partidista e sectaria dese partido que, desde Franco, gobernou case sempre a nosa nación.  Das diversas operacións que programan con esa idea (tempos dedicados a cada partido, sacrosanta presenza do mentireiro maior do reino, señor Feixó, nula presenza da actividade cultural e idiomática galegas...) é a dos sucesos a que recolle precisamente ese espazo que lle correspondería ao propio país na súa rica diversidade social.                                

Mais non é iso o que ateiga a sensibilidade, amor, confianza e respecto dos autores e autoras desta planificación covarde. Porque é de covardía utilizar, cando se ten a tixola polo mango, para proveito propio, o que pertence ao colectivo: no caso, a maioría dos votos, como se iso xa dese dereito a facer o que ao gañador lle pete.                                    

Castigaban a nosa infancia e adolescencia na época da ditadura con aqueles xornais e revistas dedicados integramente aos sucesos. O réxime facía escapar por esta vía as preocupacións da xente pola súa situación. Lembramos agora o máximo expoente do que digo, aquel xornal, El caso, que na portada sempre traía o suceso máis escabroso e mesmo morboso da semana. Era El caso aos sucesos como o aínda resistente Marca ao deporte, outro baluarte franquista que resiste nesta época de camuflaxe. Como a mesma idea de ter a xente apampada na vida íntima e diferente dos demais, persiste con novas formas adaptadas a estes tempos de democracia (jeje), e sirva de exemplo Tele 5, a televisión que programa o control da conciencia popular pola vía da bragueta e do chisme, campo sempre cultivado da nosa psicoloxía.                                    

Así que, volvendo ao que nos interesa no tema elixido para este mes, os Sucesos da TVG copian os xeitos que a ditadura tiña de apamparnos e despersonalizarnos, de ir borrando lenta e constantemente da nosa consciencia ese carácter propio que a nosa identidade foi definindo na historia. Poñer os sucesos da bágoa e da emotividade no circuíto da nosa xeografía propia como aspecto preferente, sería unha revolución, porque é o mesmo que alimentar unha idea de dereito nacional que os herdeiros do franquismo, obviamente, combaten a morte cada día mesmo até a agresividade.                                    

Os sucesos contados nos telexornais da TVG nacen aquí, na Galiza, un pouquiño, pero espállanse axiña por todo o Estado, e chegan a falar de cousas de tanta importancia nacional  como o accidente automobilístico dun mozo en Cuenca, ou o incendio dunha casa nunha aldea de Sevilla, ou a noticia dunha ovella que naceu con tres orellas  en Ríoconejos... casos moi didácticos para a nosa educación e dunha importancia tan grande que nos van solucionar coñecementos en calquera parte da nosa nación. Espazos tan valiosos no tempo que se aproveitan tamén para roubárllelo ás novas do país que si poderían axudar a darlle voz a quen non a ten, e carácter democrático e plural a unha programación xa asfixiante. Son estas cousas pequeniñas que parecen non ter importancia, mais o problema resulta máis profundo, pois é un xeito moi meditado para seguir introducindo o caos na nosa personalidade. Ese caos que axuda a manter a eiva máis enorme que posuímos: o complexo nacional.        


[09-04-2013 10:34] francisco comentou:

Efectivamente, introducir aínda máis caos e confusión na nosa conciencia, desnacionalizarnos até a estupidez. Esta é a función premeditada da TVG, agora máis do que nunca. Son moi necesarias este tipo de análises, que teñen unha base empírica tan evidente.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña