09:39 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-03-2013

Quen viaxe á capital europea poderá contemplar esta lápida en que se fala da Familia de Castro e Lemos, orixinaria do Reino de Galiza

Francisco de Castro enterrado en Bruxelas

Valorar (28)

MARTA DACOSTA ALONSO


Reprodución da páxina 40 do Nobiliario dos Países Baixos que reproduce o texto da lápida


Quen viaxe á capital europea poderá contemplar esta lápida en que se fala da Familia de Castro e Lemos, orixinaria do Reino de Galiza.   Francisco de Castro enterrado en Bruxelas   Nestes días pasados tiven que viaxar a Bruxelas para representar a AELG nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas organizado pola Alianza Libre Europea – Os verdes, da que o BNG forma parte. A AELG foi convidada pola nosa deputada Ana Miranda para expor ante a comisión a situación da nosa lingua neste momento, en que a maior ameaza procede do propio goberno da Xunta, primeiro, e do Estado, despois, malia ter asinado este a Carta europea das linguas minoritarias, pois se veñen adoptando medidas lexislativas que reducen a presenza da nosa lingua no ensino coa incidencia que isto pode ter na súa pervivencia.                  

Un amigo da A.C. O Galo, ao saber que debía viaxar a Bruxelas, pediume que visitase Notre Dame du Sablon e que buscase e fotografase a tumba dun nobre galego alí enterrado. Unha tumba sobre a que xa escribiron Pilar García Negro e Xavier Queipo en cadanseu artigo.                                
Así o fixen e, seguindo as súas indicacións, procurei a tumba do galego sen a atopar. Tiven que preguntar á muller que estaba na entrada da igrexa que ao escoitar "Galice" comprendeu inmediatamente e díxome que ía buscar un traballador da igrexa que sabía do tema. O traballador era Miguel, un home da Coruña que falaba español cun acento estranxeiro propio de quen leva moitos anos fóra do País. El levoume até a tumba que eu pasara por alto, por non ter reparado no chan da igrexa. A tumba está exactamente na nave da dereita e xusto embaixo do coro, confundida a súa cor negra coa cor negra do chan.                                          
A lápida está danada e hoxe xa non se pode ler o nome completo da familia á que se refere nin ver o escudo que a preside. Máis coa fotografía dixital primeiro e atopando despois o libro Inscricións funerarias de Notre-Dame du Sablon en Bruxelas, de Van der Haeghen, publicado en Gand en 1865, podemos comprobar o contido completo, que reproduzo a seguir, mesmo coa incorrección que contén na segunda data, como se pode contrastar coa fotografía da lápida, ao tempo que sabemos que o escudo é o escudo de armas da familia de Castro:                              
Cy bas est le caveau servant de sepulture a la tres ancienne et noble famille de Castro y Lemos bienfaitrice de cette eglise originaire du royaume de Galice en Espagne posee en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro vivant colonel de cavallerie et brigadiere des armées de sa Maj(te) Cath(que) Charles II lequel est décédé le 26 mars 1709
.

Fotografía da lápida de Francisco de Castro na igrexa de Notre-Dame du Sablon en Bruxelas

O certo é que non é doado traducir completamente o contido da lápida, especialmente no que se refere á parte: "posee en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro vivant..." fundamentalmente porque Mess(re), considerando o criterio de abreviatura seguido na propia lápida, indica o inicio e o final dunha palabra que soamente cabe ser interpretada como messagère, "mensaxeira", en feminino. Por outro feu pode ser o substantivo "lume", que non parece acaer a este contexto, ou o adxectivo "defunto" que ao preceder o substantivo ten forma invariábel. Debemos ler entón o moi literario: "posta en 1708 por defunta mensaxeira "? Realmente debo confesar a miña ignorancia. En todo caso, malia a escuridade desta pasaxe e á espera de que alguén con coñecemento poida facer unha mellor tradución, podemos entender no conxunto da lápida:                          

"Aquí embaixo está a bóveda que serve de sepultura á moi antiga e nobre familia de Castro e Lemos, benfeitora desta igrexa, orixinaria do Reino de Galiza, en España, colocada en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro, en vida coronel de cabalería e brigadier de armas da súa Maxestade Católica Carlos II, que faleceu o 26 de marzo de 1729."                        

De onde sabemos que se trata dunha obra da Familia de Castro e Lemos que, segundo consta era benfeitora da igrexa e, como alí di, procedía do Reino de Galiza en España. E foi precisamente esta mención a que chamou poderosamente a miña atención, sorprendida de que a tantos quilómetros do país alguén fose así recoñecido, como orixinario do Reino de Galiza.                          

Quen era Francisco de Castro e que facía un galego da familia de Castro e Lemos en Flandres, no século XVIII? Sorprende que se referencie a Francisco de Castro como home de armas ao servizo de Carlos II, rei xa morto no momento de ser enterrado o de Castro e Lemos, mais durante cuxo reinado tivo lugar a Guerra de Flandres. En calquera caso os feitos lévannos a pensar que foi unha persoa de recoñecido prestixio para así permanecer entre os monumentos funerarios dunha importante igrexa de Bruxelas.                                    

Procurando información a través da rede chego até o Nobiliario dos Países Baixos e o Condado de Bourgogne, elaborado por R. de Vergiano e publicado na cidade de Gand en 1865, que coincide co texto citado nas Inscricións funerarias, os Fragmentos xenealóxicos, volume III, onde atopamos a referencia a varios membros da familia de Castro, entre eles dous nenos:  Jean-François de Castro, morto novo, e Emmanuel François-Joseph de Castro, morto en 1708 á idade de 15 anos, fillos de Jean-François de Castro, edil, burgomestre e que ostenta un cargo no señorío de Oudenarde, morto o 31 de marzo de  1745. Mais non conseguimos atopar ningunha referencia a un Francisco de Castro morto en 1729.                                    
Nada podo achegar, tan só preguntas e unha fotografía que dan conta da morte dun galego en Flandres, enterrado nunha igrexa de Bruxelas. Mañá día 26 cumpriranse douscentos oitenta e catro anos da morte deste galego. Case tres séculos sen saber quen era, por que estaba alí, e que significa para nós. Outra evidencia de que se nos negou, e aínda se nos nega, a nosa historia.


1 2 seguinte

[08-04-2013 19:57] Manuel Souto Iglesias comentou:

Segundo a miña irmá, "Feu" quere dicir difunto, efectivamente. E "Mess" pode que sexa a abreviatura de Messire, antiga forma de Monsieur. O wiktionnaire di o seguinte: "Titre d’honneur qui se donnait anciennement, dans les actes, à des personnes de distinction" Apertas dende Bruxelas!

[25-03-2013 18:16] Alexandre comentou:

Marcos...xulgar a unha persoa do pasado coa vara de medir do presente nunca deu moi bos resultados. De aplicarmos esa teoría desterremos a frei Martiño Sarmento, ao crego de Fruíme ou ao padre Feijoo, en definitiva eclesiásticos ao servizo da rica xerarquía de Roma, non?, mais tamén desterremos a Eduardo Pondal por ter pertencido asemade durante un tempo ao corpo militar español, e xa postos a Hidacio e Osorio, que para alén de pertencer á xerarquía eclesiástica estaban ao servizo do Imperio Romano como galaico-romanos que eran...en fin.

[25-03-2013 17:37] Seamus comentou:

Marcos, pode ser que leves razom, mas os Castro forom exemplo muitas vezes de defesa dos interesses do Reino de Galiza ainda quando tinhamos perdida a soberania. Anselmo López Carreira tem estudado bastante isto em particular. Logo cumpre ter em conta que no antigo regimem, e sobre todo com os Austrias, Galiza jogou cartas na cena internacional em base aos seus próprios intereses e nom sempre com os melhores praces por parte dos monarcas espanhois. Pode que essas cousas nom sejam exemplo de nada mais que da teima por recuperar no Atlántico vinculos que tivo nom muito tempo atrás, quando era soberana, quando vendia vinho as ilhas e quando Santiago era o principal centro da cristiandade na Europa occidental. Em que medida fomos carne de canom na defesa de inetresses alheios, e em que medida fomos lá defender o que os nobles entendiam que era o melhor para os seus interesses e os do reino é algo que está, ao meu humilde entender, ainda por investigar. Porque nom se nos permitia ter umha força naval para a defesa da costa? Que aconteceu quando finalmente a tivemos? Ganhava algo Galiza entrendo em esses conflictos, ou só a igreja, os nobres e o monarca espanhol? Haverá que tirar do fio e ver que vai saindo.

[25-03-2013 13:28] Seamus comentou:

Pode que nom gostara dos Borbóns, e por isso ficou em Flandres. Há que ter em conta que Carlos II foi o último dos Austrias, e os Borbóns nom forom precisamente melhores para os interesses do Reino de Galiza e para os a nobreza galega do antigo régimem.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña