15:42 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-03-2013

A cultura fai os pobos seren máis fortes e máis resistentes á colonización e isto sábeno moito ben esas persoas que recortan subvencións ás manifestacións culturais

As subvencións de cultura do PP e a doentía ansia de erradicación do asociacionismo cultural

Valorar (22)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Na década de 60 e de 70 do pasado século xurdiron en diversas vilas e cidades do país agrupacións que tencionaban ser puntos de encontro e intercambio intelectual para aquelas persoas que, interesadas pola cultura e lingua galegas, percibían como os poderes oficiais tentaban que desaparecesen ou, no mellor dos casos, que fosen relegadas a certa casta de económico prebe ou adubamento folclórico. Pensamos, pois, en meritorias entidades como O Galo (Compostela, 1961), O Facho (A Coruña, 1963), Agrupación Cultural de Vigo (Vigo, 1965), Auriense (Ourense, 1967), Alexandre Bóveda (A Coruña, 1976), Lumieira (Carballo, 1976), Medulio (Ferrol, 1979) e tantas outras que foron aparecendo tamén nos anos seguintes, movidas por similares vontades de traballaren pola cultura do país. Os obxectivos e os recursos de todas elas nin sempre viraban exactamente equivalentes, mais todos eles eran perpasados por unhas metas comúns: primeiramente, poren en valor o idioma propio da Galiza; en segundo lugar, reivindicaren o potencial cultural do país; en terceiro lugar, serviren de confluencia entre o nacionalismo politicamente organizado e o asociacionismo cultural de base; e, en cuarto lugar, configurárense como núcleos de espallamento do ideario patriótico entre a sociedade.      

Após a instauración da monarquía parlamentar, o sistema de democracia burguesa no marco do Estado español e o axustado encorsetamento autonómico a que se viu sometida a nosa nación, tales colectivos continuaron a desenvolver un importante labor de proxección cultural, sempre guiados por aqueles mesmos principios que orientaron o seu aparecemento. Estamos a nos referir a actividades dirixidas a moito diferentes sectores da socidade, tales como aulas de lingua e literatura galegas, conferencias e palestras, debates, excursións a lugares do territorio de recoñecido valor ecolóxico, paisaxístico ou histórico, exposicións de fotografía e de pintura, lanzamentos de libros, mesas redondas sobre temas de actualiade política ou cultural, obradoiros de fotografía, obradoiros de teatro, organización de clubes de lectura, potenciamento do deporte de base etc. En resumo, un traballo singularmente orientado a sempre valorizar o idioma e as manifestacións culturais do pobo galego.      

O sustento económico desas asociacións conseguíase grazas ás cotas das persoas asociadas e á colaboración económica en forma de subvencións públicas municipais e provinciais. Tales axudas supuñan (e supoñen) a base da organización e funcionamento das entidades, pois, sen renunciar a elevadas doses de voluntarismo por parte dalgúns socios e socias, o certo é que a viabilidade do proxecto global desas agrupacións está moito de perto relacionado coa súa capacidade económica. No caso que mellor coñecemos, a AC Alexandre Bóveda, interesa pormos de relevo que, até á actual chegada do PP ao goberno municipal e provincial, nunca foi negada unha subvención á dita entidade. E traemos á memoria rexedores nacionalistas da Coruña (Domingos Merino) e socialistas (Losada) e presidentes provinciais tanto populares como socialistas: lembramos, poñamos por caso, Torres Colomer, Fernández Moreda ou Lendoiro. Falamos, pois, de diferentes cores políticas que nunca tiveron unha especial deferencia coa agrupación (pois xamais foi o desexo desta), mais si, cando menos, unhas relacións que se poderían catalogar adusta e estritamente de instititucionais.    

Na actualidade, no entanto, ao paso que asociacións como esta e outras cunha grande capacidade de organización cultural e veciñal, como a nucleada á volta da Biblioteca Pública de Atochas-Montealto, ven como se suspenden os convenios de colaboración e as axudas públicas, outros organismos, creados ad hoc polo PP ou próximos dos seus idearios, reciben cuantiosos apoios económicos, nunha declarada confrontación aberta para así se deixar constancia de colectivos pertencen á disidencia  e de cales son afíns en termos políticos: entre estes están a “Peña Taurina” da Coruña, a Paroquia de San Xorxe da mesma cidade, as “Hijas de Jesús”, a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais dos colexios privados, a herculina Grande Obra de Atocha etc.        

Vexamos algún casos como exemplos: a Asociación de Veciños e Empresarios de Montealto acolleu nas súas arcas unha notábel suma de diñeiro público e organizou, parece ser, unha sorte de churrascada (a súa única actividade en máis de un ano); a xa citada Biblioteca de Montealto, porén, que conta con case 30 anos de vida e que serve como punto de encontro e de expansión cultural a millares de persoas do populoso bairro coruñés, recibe a sorprendente cifra de 0 euros, a pesar de contar cunha persoa contratada que ve así perigar o seu posto de traballo. Por seu turno, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que organiza ao ano unha media de 70 actividades e que mobiliza perto dunhas 60.000 persoas (actividades polo Día da Galiza Mártir, actos nos propios locais, ciclos de conferencias e cursos polo Día das Letras Galegas, Concertos de Outono na Igrexa da Orde Terceira, cursos e campionatos de xadrez a nivel local, provincial e nacional, exposicións de pintura e fotografía, festividade do Samaín da Cidade Vella, Memorial de Teatro Amador “Ibán Toxeiro” no Teatro Rosalía de Castro, servizos gratuítos de biblioteca e Internet para as persoas socias etc.), tivo idéntica suma nas subvencións correspondentes ao ano 2012 por parte da deputación: 0 euros.        

Reparemos agora, contrastivamente, noutros datos curiosos: o “Club Basket Coruña”, con sede no concello ártabro e vinculado ao titular de deportes Julio Flores, ingresou a cifra de 15.000 euros por parte do Concello de Arteixo (!!!), (des)gobernado polo PP… (conforme diría Mourinho nos seus mellores tempos de chimpancé, “Por que, por que, por que”?). Ao mesmo tempo, verificamos hodiernamente como se acode aos diñeiros da cidadanía (uns 90.000 euros cada ano a través do IMCE) para subvencionar de maneira fraudulenta touradas que non son máis que pozos de cartos perdidos, para asentar estrafalarias festas rocieiras e feiras de abril ou para organizar concursos de bailes flamencos nalgúns bairros da Coruña. E, estándomos como estamos desde hai uns días perante unha Igrexa que, nas palabras do seu máximo rexedor, pretende ser pobre, asistimos ao feito de que a Deputación Provincial da Coruña concede unha subvención de 25.000 euros (78% do custo total da obra) destinada a reparar os sinos do templo de San Pedro, en Muros: en canto continúa sen pagar o IBI, que boas badaladas van repinicar con diñeiro proveniente dos fondos públicos!        

Á vista de todo isto, cabe facermos as seguintes preguntas: cales son os obxectivos que se perseguen? Que metas queren alcanzar os Negreiras, os Calvos e os Vázquez? En definitivo, cales escuros ideoloxemas os conducen a tales comportamentos laminatorios cunhas entidades e, polo contrario, cales os moven ao favoritismo con outras? As respostas a tales interrogantes viran evidentes e son xa coñecidas polo respectábel que acompaña os artigos desta revista. Aínda así, non por seren de dominio público merecen o silenciamento: antes ben o contrario, teñen de ser reiteradas e espalladas para que toda a cidadanía, até esa que se decantou nos comicios polas siglas da gaivota, coñeza como se comportan na realidade os seus iscariotes.        

Deste modo, a primeira finalidade é a erradicación de todo canto puider ofrecer a máis mínima dúbida sobre a discrepancia coas estratexias políticas e sociais do PP. Isto é, defesa do patrimonio cultural, histórico e ecolóxico da Galiza, igualdade real entre mulleres e homes, aborto libre e gratuíto, oposición ás medidas adoptadas polos gobernos nacional e estatal, promoción real (e non ritual) da lingua galega, desexo dunha sociedade máis xusta en termos socioeconómicos etc. Se, aínda por riba, existen asociacións e grupos de coñecida traxectoria que traballan por eses principios, a tal finalidade debe ser reforzada: repárese, neste sentido, no tratamento que se deu á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, ao Colectivo MilHomes, á Asociación Cultural Monte da Estrela de Arteixo, á propia Agrupación Alexandre Bóveda e a outras moitas do ámbito asociacionista de base.        

A segunda meta que marcaron deriva en parte do punto anterior e alicérzase no ataque aos sinais identitarios do pobo galego, a lingua o principal, para así avanzaren no proceso de centralización que padecen as nacións sen estado no actual marco político. Acabadas as actividades desas organizacións e asociacións, desaparece unha notabilísima parte do labor de dar a coñecer a cultura galega aos seus propios protagonistas, suxeitos históricos activos na súa creación e propagación, como é o conxunto da sociedade. Alguén pode imaxinar as liñas oficiais da estratexia político-cultural do PP a reivindicaren o pensamento de Bóveda, Carvalho Calero, Castelao, Celso Emilio, Curros, Rosalía, Vilar Ponte, Viqueira etc.? É doado vermos as concelleiras e concelleiros municipais e os membros do goberno provincial participando en conferencias e actividades sobre arte, literatura ou teatro? Até mesmo houbo importantes responsábeis de cultura durante a primeira Xunta de Feixoo que non sabían quen eran nin Manuel María nin Alexandre Bóveda... Alea iacta est!        

O terceiro e derradeiro obxectivo é a alienación sociocultural do país e, novamente, é consecuencia da meta anterior. O método é ben sinxelo: non ter en conta as propias manifestacións culturais e sucumbir, no máis puro estilo cosmopailanista, perante todo aquilo que proceder de fóra, aínda que a calidade artística deses produtos puider ser declaradamente inferior ou, no mellor dos casos, igual á dos propios. Así é como naceron os dez mandamentos sionistas orientados contra a cultura galega, que son os seguintes: 1º) Exterminarás a disidencia e resistencia cultural das diferentes agrupacións. 2º) Afogarás os colectivos de teatro amador e os grupos de música, sexa cal for o seu estilo, sempre e cando desenvolveren as súas actividades en galego. 3º) Santificarás os envelopes provenientes do narcotráfico, do proxenetismo, do desvío de fondos públicos e da extorsión para financiares os teus ideoloxemas. 4º) Honrarás o teu pai e a túa nai, isto é, o diñeiro ilícito e a corrupción. 5º) Acabarás coas bibliotecas públicas das agrupacións veciñais e culturais por seren probados centros subversivos e perigosos. 6º) Non desexarás nin apoiarás a cultura tradicional porque é “demasiado gallega”. 7º) Roubarás ao pobo galego a súa propia lingua e imporás, de unha vez por todas, o español. 8º) Mentirás ao dicires que son localistas, pobres e inferiores a cultura e a arte galegas, e universalistas, ricas e superiores as españolas. 9) Non cometarás actos impuros ao pensares que a cultura da Galiza non é nin mellor nin peor que outras, mais simplemente diferente. 10º) Serás unha persoa decentemente ignorante e as túas únicas lecturas serán, conforme o teu sexo e capacidades, a folla paroquial, El Camino daquel medíocre sacerdote vindo a ridículo santo, a Telva e o As.        

Porén, a pesar de os días viren mestos, tamén temos de dicir ben alto que non o conseguirán. Para ben ou para mal, os verdes castros están afeitos a soportaren vendavais de carácter económico (o propositado desmantelamento do agro e dos recursos gadeiros, o ataque á construción naval, a emigración, as taxas do leite, a proxectada aniquilación da pesca…), de índole política (as persoas asasinadas e represaliadas desde o ano 1936, o exilio, o silenciamento forzoso…) e de natureza cultural (a prohibición da súa propia lingua, a infravalorización da literatutra e da arte galegas…). Nesa loita permantente, urxe, máis que nunca, a reivindicación do potencial que posúen todas esas agrupacións culturais, como o levan demostrado desde o tardofranquismo. Faise preciso erguermos a bandeira da dignidade colectiva co exemplo daqueles actores e actrices, artistas, escritoras e escritores, intelectuais e outras tantas figuras que, xa desde Sarmiento, moran connosco entre as paredes dos locais e a través das actividades da AC Alexandre Bóveda, AC Monte da Estrela, AC O Galo, Biblioteca Pública de Atochas-Montealto, AC O Facho etc. A cultura fai os pobos seren máis fortes e máis resistentes á colonización e isto sábeno moito ben esas persoas que recortan subvencións ás manifestacións culturais mais que pagan en cada tourada suculentas cantidades de diñeiro público destinadas á morte cruenta de cinco ou seis bois.


[23-03-2013 03:18] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Obrigadiño, Alberte

[21-03-2013 18:17] Alberte Fernández Marinho comentou:

Obrigad@s Xosé Manuel! Totalmente dacordo co artigo. Debemos salientar a loita que @s unionistas emprenderon contra a cultura galega. Unha estratexia coa que pretenden erradicar toda identificación do movemento social e cultural coa causa da liberación nacional. Sorride porque imos loitar, sorride porque imos gañar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña