13:21 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-04-2010

Unha perspectiva desde o medio rural da defensa dos servizos públicos

25 e abril

Valorar (6)

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ


Escola fundada a comezos do XX na parroquia de Leiro (Rianxo)


A data do 25 de abril é para moitos nacionalistas un recordo importante do acontecido no país irmán do sur: a revolución dos cravos. Este vindeiro 25 no noso país tamén se vai celebrar un acontecemento importante para o noso presente e o futuro -que particularmente non gustaría ter que celebrar- pero estamos convocados polo goberno galego na súa teima por mobilizar o país É así que unha serie de organización se tivo que xuntar para promover una manifestación pola defensa dos servizos públicos.

Nunha sociedade avanzada teriamos que estar reivindicando melloras e avances das conquistas anteriormente logradas, pero aquí nesta Galiza gobernada polo PP en vez de avanzar, e seguir mellorando o presente, temos que estar a pelexar por non retroceder no tempo e volver ao pasado: defensa do idioma, defensa dos servizos públicos, etc.
Cando falamos dos servizos públicos como garantía de asistencia de calidade e gratuíta para toda a poboación, e en especial para as clases máis desfavorecidas, gustaría de facer uns apuntes sobre o medio rural, que todos defendemos pero que tamén esquecemos, quizais por aquilo de que somos poucos e moi dispersos.

Para situarnos, compre deixar ben claro que a maior parte da xente que vive no rural son maiores de 65 anos (70-80% aproximadamente), xente que vive soa nun medio no que os servizos non existen (nin públicos nin privados). Explícome: unha persoa maior para ir ao médico precisa dun taxi que o transporte, que non sempre o hai, nese caso terá que falar cun veciño para que o leve, mentres que en moitas ocasións o autobús do colexio pasa por diante da súa casa medio baleiro, pero para que nese autobús poidan viaxar as persoas maiores é preciso un acordo entre os concellos e a consellaría, algo moi sinxelo pero que segundo parece son incapaces de artellar.

Como o que impera no capitalismo é o negocio, as persoas somos simplemente mercadoría e así as nosas administración e o goberno da Xunta vén os vellos das aldeas como futuros “clientes” de fundacións tan sospeitosas como a San Rosendo de Ourense. En vez de crear centros de día no entorno dos maiores e aumentar a atención domiciliaria, a política a aplicar cos nosos maiores é o desarraigo, levalos a centros como o citado anteriormente.
De todos xeitos tamén hai que puntualizar e matizar certo tipo de servizos, e refírome a asistencia domiciliaria, que sendo un servizo gratuíto con cartos públicos son –en moitos casos- os alcaldes os que escollen a dedo os traballadores e tamén os asistidos, coa idea de recadar votos sen ter en conta as necesidades reais da poboación e o criterio dos traballadores e traballadoras sociais, xerándose así situacións -en moitos casos- de autentica inxustiza. Esta asistencia tería que ser regulada dalgunha forma.

Pero non só os nosos maiores do rural están esquecidos, todos os que vivimos neste medio temos que padecer a precariedade de moitos servizos públicos, como o subministro eléctrico, a calidade do servizo telefónico, e en moitos casos a inexistencia de servizos tales como o acceso a rede de internet. Co paradoxo, neste último caso, de que o incremento de antenas no rural non vai acompañado de mellorías no servizo para quen vivimos baixo as súas constantes ondas e radiacións.

En definitiva, no medio rural é preciso artellar urxentemente mecanismos de servizos (públicos, loxicamente) para dar resposta a uns problemas serios e que atallen a incesante perda de poboación no rural.

[22-04-2010 ] Medios comentou:

Mentres as parroquias segan a estar "xestionadas" polo pedane@-cacique non hai xeito de artellar nada, os presupostos dos concellos seguen a gastarse en grande medida en servizos e infrastructuras para a capitalidade, mentres o rural (a meirande parte da súa extensión) fica ao marxe no reparto da tarta.
Mentres nas proprias parroquias, non xordan colectivos que reclamen o que lexitimamente lles corresponden, as cousas seguerán igual que ata o de agora.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña