08:21 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-03-2013

Loas a un home dunha historia de acertos, sacrificios e entrega ao colectivo, de sabedoría e práctica insubornábel, como contrapunto a tanta miseria humana que hoxe nos abafa

Diamante Bautista Álvarez

Valorar (32)

LOIS DIÉGUEZ



Loas a un home dunha historia de acertos, sacrificios e entrega ao colectivo, de sabedoría e práctica insubornábel, como contrapunto a tanta miseria humana que hoxe nos abafa.                

1966, quizabes 1967... Na Escola de Aparelladores de Madrid onde eu estudaba, vimos un anuncio que convidaba aos estudantes galegos a asistir a unhas clases sobre o idioma e cultura do noso país. Poñían o enderezo do Clube de Amigos da Unesco como lugar de encontro, un organismo que dependía precisamente desta organización das Nacións Unidas, o que evitaba a intervención da policía franquista. Alí ouvín por primeira vez a Bautista Álvarez nunha das súas sonadas e calorosas intervencións sobre Castelao. O contraste fronte á pouca idea e conciencia que eu tiña de Galiza foi determinante na miña vida.                

Non se había afastar xa Bautista Álvarez do meu proceso formativo, da miña actividade política e da propia amizade que nos uniu. A el, entre outras persoas como Manuel María, lle debo este orgullo de ser galego, e como tal, libre; quero dicir, sen complexo de idioma e cultura propias, pois quen sofre de tal anomalía dificilmente se pode considerar libre. Daquel tempo naceu tamén un grupo de homes e mulleres que, ao seu regreso a Galiza, axudaron a popularizar esa conquista democrática que se chama soberanía, non dependencia, liberdade colectiva para poder ser no propio sen censuras nen imposicións do alleo. Eran Raimundo Patiño, xa falecido, e Xabier Pousa, tamén falecido (o pintor da luz tamizada polos ollos claros e puros), Carmela Arbones, a Natalia Escrig (para nós sempre a Cuqui ) que, vendendo os discos editados por Edigsa logrou en gran medida popularizar a Nova Canción Galega polos anos 70, Vicente Vázquez e Pilar Allegue, o Manolo Conde, de Toledo, que pesaba bastante máis de 100 quilos, falaba un galego máis perfeccionado que o noso, e á hora dos viños pedía sempre como tapa medio pólo, a súa compañeira, Anita Caxiao, loira como unha valquiria... A algúns deles vinos, despois de varios anos, o sábado 2 de marzo en Cacheiras, na homenaxe a Bautista Álvarez.                

Foi grato ese día, e feliz, pois el, o Bautista, volvía reunirnos, con bastantes anos máis, coas ideas firmes tamén, coa lembranza acesa daqueles anos, coa pel en mil feridas arrimadas pola vida e a batalla, coas enrugas moi marcadas, e cunha ilusión tamén, acaso unha miguiña gastada. Co humanismo, si, revolución de agora máis que nunca na historia. Sabémolo ben os e as de moitos anos sobre o lombo. Sábeo ben o Bautista, pois a el, sobre todo, nunca o abandonou. Ilusión e humanismo, humildade, coherencia sen pinga de mancha... e diría tamén, pobreza. Pobreza de cartos, claro, que hoxe non puntúa nada na sociedade do roubo e da rapina. Toda a vida de político insubornábel e resulta que para vivir vai tirando. Coma sempre. Quen pode afirmar que todos os políticos son iguais? Como se pode ser tan inxusto e superficial? Mais el é político de vocación, de ideas, e isto xa o di todo.                

Destácase nesta etapa de estoupido do capitalismo máis agresivo disposto a non ceder no seu papel imperial, a un home alemán, nacionalizado francés que animou o Movemento 15-M, Stéphane Hessel. Non está mal o choio, mais iso non pode impedir que valoremos esas outras vidas que durante 60 ou 70 anos levan facendo da indignación a súa bandeira e que están á nosa beira, son parte directa de nós. Na práctica da súa teoría. E por causas que non eran precisamente aclamadas nos medios de comunicación que fachendean de plurais e libres (a soberanía da nación negada, dereito democrático que se segue a combater en nome precisamente da democracia). Contra vento e marea tivo que  asentar o noso compañeiro a dignidade firme fronte a policía da ditadura, a represión e persecución, o silencio e os novos franquistas que andan a virar as conquistas logradas nestes duros anos. Con leccións tiradas desa práctica que axudaron a formarnos. Os escritos e estudos de Bautista Álvarez fan gala dun profundo coñecemento político, filosófico e mesmo creativo, literario (demostrouno ben neses interesantes anos en que foi deputado no Parlamento de Galiza. Un, se non o mellor dos oradores que pasou pola Cámara). Lonxe dese espazo frío e árido que soe acompañar a expresión política. A maior homenaxe que se lle puido facer o 2 de marzo foi precisamente a entrega deses seus traballos dos últimos anos nun I volume ao que seguirán outros máis.                

Ergo o brazo en puño firme por el, polo camarada e amigo. Nos seus lúcidos e indignados 80 anos que lle dan o frescor máis cultivado da forza ideolóxica e da rebeldía, a flor sempre renovada da nación, a quentura da palabra e do xesto, o amor polos demais. Elegante, como dixo María do Carmo García Negro nese día da homenaxe, coa dignidade demostrada sen recreo algún, e o acento orgulloso do idioma e da cultura nacionais, cabalga sobre todas as miserias desta difícil etapa histórica mostrándonos o camiño tan luído por el, desde a Loucía do Castro de Las que o viu nacer até a última praia doce e brillante da nosa nación. Mais eu quero velo a pasear por todas as cidades e vilas da Galiza a exercer o maxisterio cultivado durante tantos anos. Porque estes tempos son quen de esnaquizar nun minuto toda a historia dunha vida, e de agachar con crueldade os nomes máis floridos que a Galiza deu. Rompendo a espada do esquezo ou da submisión, ou da ignorancia, digo isto, meus, miñas amigas, porque o diamante soterrado na area ou no camiño non pode ofrecer o seu brillo nen a súa fantástica beleza. Bautista Álvarez, o meu-noso presidente de Galiza. Non o podería haber mellor. Brindaremos outra vez cando cumpras 81. Chin chin.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña