04:35 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-04-2010

Estamos gobernados por unha Xunta inconsciente

236.449 desempregados en marzo, 35.000 máis que hai un ano e aquí ninguén se fai cargo

Valorar (7)

ROCÍO GARRIDO CARAMÉS


Feixóo no entroido de comadres en Verín (El País)


As cifras do paro increméntanse de mes a mes, si en marzo do 2009 en Galiza había 211.484 persoas na lista do paro, no mes de marzo deste ano a cifra total ascende a 236.449 persoas e con toda certeza este auxe seguira nos próximos meses xa que non existe unha política baseada na creación e no mantemento do emprego senón todo o contrario: Galiza esta vivindo unha época de destrución laboral.

Esta destrución é grazas a un presidente da Xunta que goberna un país de costas a realidade, presumía na campaña electoral de que a súa primeira medida ía ser reducir o numero de desempregados de Galiza, pero resultou ser todo o contrario, o aumento de desempregados. Para agora sacar un plan onde a “cohesión social, a dinamización económica, o equilibrio territorial e sostible” vai quedar plasmado nas 100 medidas e nas 300 accións do plan estratéxico 2010-2014.

Quizais unha das medidas estrelas sexa apoiar o abaratamento dos despedimentos e así seguir encabezando a listaxe das comunidades cos salarios máis baixos, coas pensións máis baixas e cunha poboación avellentada e sen posibilidades para os máis novos. Premiarase os contratos lixo e os axustes dos cadros de persoal substituíndo emprego cualificado por contratos temporais e cun chisco de sorte o agrazado dese contrato poderá dicir que -cando menos- é mileurista nunha Galiza paralizada.

Mentres seguen agachándoses detrás dunha crise para ocultar a incapacidade de pór a Galiza no sitio que lle corresponde: Galiza ten potencial pero esta gobernada polos que dubidan dese potencial. Pouco a pouco estase a esnaquizar o tecido empresarial a base de inxección de subvención pero sen pór os medios necesarios para controlar que esas subvencións garantan a permanencia dos traballadores ou a creación de novos postos.

Non cren en Galiza como potencia pesqueira e por iso e máis doado fomentar a redución da flota pesqueira que en apoiar este sector, esquecemos a formación e premiamos a reconversión dos mariñeiros noutros ámbitos. Prefiren ser meros espectadores e non por solución ao sector naval que tanto emprego pode xerar, non cren na súa revitalización e é mellor vivir os luns ó sol.

Non cren en Galiza como potencia cultural sendo un dos sectores que nos últimos anos creaba máis postos de traballo que outros sectores tradicionais no noso país, pero de que nos imos estrañar cando pensan que a nosa cultura “esta ensimesmada e acomplexada” e para saír deste complexo nada mellor que adxudicar todos os contratos a empresas coa razón social fora de Galiza na que para vender o noso país se preguntan: “Agora é cando, Galicia é onde?” para promocionar un Xacobeo que esta pasando inadvertido na sociedade galega e no sector turístico.

Eu tamén me fago a mesma cando? Cando se vai volver revalorizar o rural? Cando se vai volver crer nunha Galiza pioneira en gandeiría, en agricultura e en silvicultura? E deixar de ver como os gandeiros teñen que vender o leite máis barato que en Asturias ou os agricultores da Limia tirar as patacas porque as de Marrocos son máis baratas e volver ver montes produtores de madeira de calidade e non cheos de eucaliptos porque vai sendo hora de deixar de pór en prática políticas que son pan para hoxe pero fame para maña.

Aló menos inda temos 3 anos máis de ver como os recursos que se deberían investir no noso pais van caer en empresas amigas ou en empresas que para o único que se acordan de Galiza e para explotar pero esquecense dela para investir, aliméntanse de Galiza pero sen embargo non alimentan os galegos.

Que menciña será boa para acabar con este goberno? ¡Quen a vira! Porque co rumbo que levamos, imos empeorando. Por iso hoxe máis que nunca as verbas escritas por Lamas Carvajal no seu Catecismo do Labrego cobran sentido: “Abonda para ser cacique ter a feitura de home. Aqueles que levan por corazón un carozo, por cabeza unha cabaza e por conciencia o aire, son os caciques máis enxebres. Non pensan noutra cousa senón en fartarse. Para eles, ter o estómago ben agarimado é ter a conciencia tranquila; […] o poder nas súas mans vén a ser como o garrote nas do verdugo: non deixa de apertar hasta que a vítima bote a lingua para fora i estarrique a pata”.

[19-04-2010 ] marusía comentou:

Xa dicía eu, o da foto, ¿ é Freixóo ?, por que da a sensación , de que o tema dos "desempregados Galegos, non vai con él " e por íso anda ao que sabe, "venga , que vamos hacer unha fiesta hasta por la mañana, que me espera María", moi bo sr. Feijóo, pero que saiba, que na Galiza somos , precisamente 236.449 Galegas-os, que atopámonos no "PARO", e vostede "de festa e camiñata" co "camiño marcado" , e "o noso non" , DIMITA sr. Feijóo , antes de que sexa demasiado tarde pra Galiza , por certo, a foto xa o dí todo , Noches Festéiras in the Galician ,

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña