08:25 Sabado, 20 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-03-2013

Esta opinión da orixe vexetal do topónimo non acaba de satisfacernos de cheo

As “Mezquitas” da Galiza (I)

Valorar (18)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Sendo certo o que nos contan os historiadores, de que os musulmás non chegaron a asentar na nosa Terra, resulta ben sorpresivo que pola parte de Ourense teñamos varios lugares que locen o nome de A MEZQUITA.  

O grande P. Sarmento xa reparou  niso no ano 1.745 e ditaminou que estes topónimos nada tiñan a ver cos mouros e si co nome dun arbusto de puntuadas follas que é a “xilbardeira”, “rusco” ou “xardón“, pois todos estes nomes loce a tal planta, á que tamén escoitou chamar “MESQUITA” polas terras de Montes.  

Da nosa infancia lembramos como se varrían as rúas dos nosos pobos con vasoiras confeccionadas con xestas e co picudo ramallo de “xilbardeiras”.    

Esta opinión da orixe vexetal do topónimo non acaba de satisfacernos de cheo, pois se así fose cabería esperar un  nome abundancial do arbusto, tal como: MESQUITAL, MESQUITEDO, MESQUITOSO ou MESQUITEIRA.    

O caso é que ningún deles aparece nos nomenclátores de lugares do País.    

O noso escepticismo ante a explicación persiste, pois o nome individual dun arbusto non xera tan facilmente un topónimo.    

Outro feito que chama a atención é que se o nome se debese a un oratorio musulmán cabería esperar que os nomes de MEZQUITA abondasen no centro e sur da Península segundo a historia que nos ensinaron na escola; mais acontece o contrario, os lugares con tal nome están no Norte, moitos no noso País.      

Durante a nosa práctica docente con alumnos musulmáns tamén nos sorprendeu o feito de que eles para designar aos seus lugares de oración non usan a palabra MEZQUITA, nomeándoos en cambio co termo XENMÁ, que significa: “a asemblea” ou  “a reunión”. Ben é certo, que os máis cultos tamén usan o nome de MADGHID, na linguaxe litúrxica do “FOXHA” ou árabe clásico.    

De feito, MEZQUITA é un termo alleo a eles, e os que a coñecen é a través dos seus estudos españois e enténdena como unha palabra española que non pertence nin á súa lingua nin a súa cultura.    

Se os próprios musulmás descoñecen esta palabra, que nós pensabamos orixinaria deles, de onde saíu?    

A súa orixe non deixa de ser controversia, velaí:

O soado investigador catalán Coromines afirma, no seu Diccionario Etimológico, que é ben difícil que desde o árabe culto MADGHID  se chegue ao actual MEZQUITA seguindo os pasos evolutivos da Gramática Histórica.    

No “Diccionario de arabismos” da gran autoridade  Federico Corriente explícase que: “ … tanto Machado como Coromines buscan en la interferencia de una lengua muy alejada de la escena y el momento, gr.o armenio, la explicación de la muy temprana pero anómala transmisión  del ár. Masjid al rom., con reflejo oclusivo de /j/ y género fem., fenómenos ambos que se repiten en el no menos antiguo préstamo al br., tamezgida,lo que se explica por el  hecho de la mayoría yemení de los primeros conquistadores musulmanes de Occidente, cuyos dialectos se caracterizaban por conservar dicha articulación oclusiva y por frecuentes oscilaciones en el uso del género y sus morfemas. Tampoco se ha sospechado que los mozárabes pudieran haber alterado jocosamente esta voz convirtiéndoloa por mofa en *ma/usqíta  “la que hace caer en el error”, lo que podría, además, explicar las formas europeas en “mos-“ De fr. ing.y alemán,incluso el italiano “moschea”,pues hay todo tipo de indicios para suponer que los cristianos que visitaban Alandalús entraban en contacto, predominantemente, con sus correligionarios locales. Es también posible que la acepción “estiércol”de la voz ct.también responda a parecidos propósitos escarnecedores.    

De hecho está atestiguada la voz masqát como estercolero en los documentos mozárabes de Toledo, fácilmente convertible en el citado *ma/usqita que se habría prestado al malévolo juego de palabras.    

Es sorprendente en un filólogo de la talla de Coromines el anacronismo que encierra suponer que dicho término fuese traído por las Cruzadas, cuando la primera de estas no pone pié en Oriente antes de 1097,mientras que los primeros testimonios de dicho arabismo hispánico son algo anteriores. Es, por otra parte, impensable que institución tan fundamental del islam no tuviese inmediato reflejo lingüístico en el bl. Y rom. peninsulares….”    

Até aquí a opinión do gran arabista Federico Corriente, que a día de hoxe é a teoría académica aceptada.      

No ámbito galego, o toponomista Gonzalo Navaza no seu magnífico estudo da FITOPONIMIA GALEGA, descubre que o lugar celanovense de S.PEDRO DA MEZQUITA aparece rexistrado antes do ano 1000 como “ villam quam dicunt Ecclesiola” e conta tamén de como El Rei enviou alí ao seu saión SARRACINO para tomar no seu nome, pose do lugar.    

De aí aventura o toponomista que: ”É moi posible que a orixe foránea do novo posesor, e especialmente o seu nome (Sarracino), favorecesen a alteración humorística de ECCLESIOLA en MEZQUITA”.    

Perguntámonos se nos outros lugares que se chaman de MEZQUITA iría o mesmo SARRACINO a facerlle graciña aos nativos para acabar chamando MEZUITAS ás súas IGREXOAS?      

Ambas teorías tratan de explicar a etimoloxía da palabra baseándose na intensidade das migracións dos mozárabes: “…desde luego los mozárabes fueron minoría en todas partes pero una minoría que mandaba mucho…”. Sábese de poderosos señores mozárabes que se asentaron no noso País; máis serían en tal cantidade que tivesen poder de mudar a toponimia da terra?    

Qué palabra traerían na súa boca para chamar aos oratorios: a culta MADGHID ou a popular XEMMÁ ?    

Sería Mezquita que como xa comentamos aínda hoxe non é usada polos musulmáns?    

En calquera caso, ben raro nos parece que os cristiás fosen quen de mudar os seus antigos topónimos por chamadoiros alleos.      

O profesor Corriente apela a motivos escarnecedores que estarían no fondo da orixe da palabra MEZQUITA e o noso Navaza basea no sentido humorístico o motivo de mudar o nome de Ecclesiola para Mezquita.      

Moito sospeitamos que motivos psicolóxicos individuais poidan ser a explicación dos topónimos.      

Así o manifestamos cando deducimos que non era a “alegría” a base dos topónimos de MONTALEGRE ou PORTALEGRE do mesmo xeito que non era a “bondosidade” nin a “maldosidade” a base de nomes como VILABOA ou CASTROMAO.      

E aínda mais, se os franceses, ingleses, alemás e italianos aprenderon dos cristiás da Península que estaban en contacto cos mouros esa palabra, ¿Cómo é que eles pillaron os nomes de MOSQUE, MOSQUÉE ou MOSCHEA sendo que escoitaban MEZQUITA ?    

Moitas dúbidas que non se satisfan coas teorías á vista.    

Seica non haberá una vía galega para dar una explicazón mais aquelada do caso?    

Ímolo tentar nun segundo traballo!


[10-03-2013 11:15] salgado comentou:

Agardamos pois polo traballo anunciado, xa que é un ledicia artigos tan ben documentados, pedagoxicos e ilustrativos como o que nos agasalla o noso camarada Cesar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña