06:01 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-04-2010

A miña intención é reflexionar sobre o que se deu en chamar erótica do poder. Dos perigos que encerra pór os fins ao servizo dos medios empregados para logralos

Erotismo e poder

Valorar (78)

BAUTISTA ÁLVAREZ



¿É verdade que o presidente dos Estados Unidos é o home máis poderoso do mundo? Así sería se non estivese amarrado polo Pentágono ou pola Central de Intelixencia. Sobre todo por Wall Street. Non están na súa man as chaves para pechar Guantánamo nin para deter as Guerras de Oriente Medio. Por iso, cando recolleu o premio Nobel da paz, supoño que llo entregaría ao exército do seu país, o que tortura e mata no Irak. Pode que sexa un deus menor do panteón no que a suprema divinidade é o capital. O verdadeiro poder de mando está no cetro do imperialismo. Ese monstro ao que o debuxo de Castelao lle abríu a barriga, e nas tripas apareceu unha morea de caveiras deglutidas pola gula canibalista do sistema. Pero, non vou falar disto. Tampouco quero facerlle a gata ás ilusións do primeiro presidente que tinxíu de negro a Casa Branca.

A miña intención é reflexionar sobre o que se deu en chamar erótica do poder. Dos perigos que encerra pór os fins ao servizo dos medios empregados para logralos. Nunca foi mellor aplicada esta expresión metafórica. Se o erotismo consiste na atracción intensa polo pracer sexual, non polos resultados biolóxicos que do coito se poidan derivar, pura pornografía é utilizar a política para satisfacción da líbido, da egolatría, sacrificando ao deleite persoal os principios e intereses populares. Sempre existíu o risco, ben é verdade, de converter en patrimonio propio o que pertence á polis. O perigo é maior se os perfís ideolóxicos entre os diferentes partidos aparecen diluídos, como acontece nunha "democracia" que reducíu os adversarios a simples rivais. Algo que infelizmente sucede despois de que certa esquerda, desamparada polos seus titores, se botase no colo da dereita. Non é de extrañar, xa que logo, que quen se deitou pola noite declarado socialista espertase mansiño pola mañá no curral dos populares. Disque foi polo engado do novo presidente provincial do partido de adopción. Será -pensando mal- que lle faría unha anasyrma, a que os escultores románicos do medievo esculpían frecuentemente nas igrexas, e que consiste en levantar a roupa para ensinar os xenitais. Mesmamente, o que facía o Manoliño alá polos setenta, sorprendendo maliciosamente ás mozas na praza do Toural en Compostela. Tempos que fixeron época, cando o Bretón coa súa escoba, o Catalán co seu graffiti e o Manoliño coa saia de flanela eran os animadores da cidade vella santiaguesa. A Ferradura débelles aos tres sendas esculturas, para coller de ganchete ás Marías que agardan solitarias na zona pavimentada do paseo. Os estudantes, anos atrás os seus cortexadores, deixáronas plantadas para ir de botellón. Agora que puxo de moda a temática sexual a nova esquerda, a que financia mapas con diñeiro público para cartografar o clítoris, máis progre sería se importase a moda do swinging, moda practicada actualmente por moitos matrimonios americanos. Coñécese que non está aínda a la page a directora do Instituto da Muller. Todo vai ben entre colegas. ¿Non cambiamos a miúdo de vestido? ¿Por qué vai ser amoral mudar de ideas? Como dicía un famoso Marx -o dos Irmáns e non o do marxismo- "estes son os meus principios, e se non lles gostan tamén teño outros".

Non me maxino a Emilio Botín militando no partido socialista de Pablo Iglesias, aínda que hoxe sexa admirador do socialismo de Zapatero. Ten o poder e cartos abondo para mercar a lealdade dos tránsfugas e preas que para el traballan dentro da política. El, e os colegas coma el, blindaron a fidelidade da servidume co diñeiro. Aquí está a diferenza entre os que utilizan as institucións públicas como coiraza para defender o seu poder, e os que carecendo del agardan conquistalo polas vías de participación que o sistema puxo ao seu dispor. Coirazas son as dúas, retrucaráse. Pode ser. Pero a primeira é de ferro e de xuncos a segunda. Se me permitides a banalidade dunha imaxe deportiva, xogadores formados nas escolas de equipos modestos rematan case sempre como adversarios deles unha vez vendidos aos clubes poderosos. Se os idólatras do balón lesen máis a Marx e menos "Marca" terían resolto o desenlace do campionato antes de comezar a competición. Os ídolos non xogan. So serven para veneración dos pánfilos. Quen compiten son os cartos.

Vou deixar as alegorías e pousar a pluma no discurso pedagóxico. Á marxe das teorías de Aristóteles e Platón, a interpretación máis benévola que o pensamento burgués fai deste concepto é a que define a política como a técnica para levar á práctica un proxecto social determinado. Váleme como premisa das miñas deducións, aínda que hai outros -entre os que me atopo- que a consideran o instrumento utilizado por unha clase para combater a outra. Non toca hoxe dirimir a controversia entre os diferentes conceptos. O proxecto social pode defenderse de distintas formas. Sen saírme do campo no que ideoloxicamente me movo, as Irmandades da Fala enarboraron a bandeira do idioma para iniciar a reconquista da Terra asoballada. Xa denantes, cando aínda o nacionalismo andaba a gatas, probou con afouteza a rebelión armada, que rematou no fracaso de Carral. Fracaso relativo, pois o sangue faríase semente. Cando a liza está centrada na política, sería unha grave irresponsabilidade deixar a palestra para uso exclusivo do adversario. Este foi o dilema que tivo que resolver -e resolveu acertadamente- o Partido Galeguista ao inicio da República. Ningunha das vías é excluínte das outras que conducen ao mesmo fin. Por iso foi erro, e tamén traizón, a tentativa -felizmente fracasada- dos santóns que pretenderon conxelar o nacionalismo galego na neveira da metafísica. Morreron, como todos os traidores, no leito do inimigo. E como Roma non paga traidores, nin sequera lles pagou unhas misas gregorianas.

Galiza precisa dos esforzos, da entrega heroica e xenerosa, dos que non queremos vestirnos de loito e acompañarmos o noso país ao cemiterio. Merecen figurar no santuario nacionalista os profesores que puxeron en perigo a súa profisión por meteren o galego no ensino. Os que mantiveron ergueita a cabeza e a ideoloxía cando lles puxeron diante o prato de lentellas. Non digamos xa os Moncho Reboiras, os Alexandre Bóveda, os mártires sacrificados aos que o verdugo lles permitíu a única licenza de morreren cantando o himno galego. Firme era o compromiso de todos eles coa súa patria, á que non lle pediron outro galardón que a satisfacción de tela servido.

Castelao, polifacético na arte, foino tamén no servizo da nación. Nos seus escritos, no desterro en Badaxoz e no exilio da Arxentina. Con Otero Pedrayo, foi excelente tribuno parlamentario, que levou ao Congreso a voz da súa Terra. Asumíu a representación política como obriga e non por vocación. Ministro do Goberno Republicano exiliado en Francia, nunca vendeu os ideais á erótica do poder. A súa herdanza, que eu coñeza, uns cantos libros e unha estilográfica enriba da mesa de madeira no cuarto hospitalario do Centro Galego de Bos Aires onde se despedíu de nós.

Sempre, pero sobre todo agora, é fundamental a resposta política do nacionalismo, cando politicamente se pretende dar cobertura legal á dependencia. Resulta necesaria a presencia nas institucións públicas, que non son nosas, aproveitándoas para proxectar na sociedade unha alternativa de soberanía nacional. Para nada máis. Que a súa facenda a xestionen eles. Este é o obxectivo: máis deputados para máis Galiza; máis alcaldes para máis Galiza; máis votos para máis Galiza. Se sacrificamos o proxecto á representación é cando esta se converte en atracción erótica. Rexéitase a prole (o ideario), por considerala un contrapeso incómodo que penaliza o pracer do coito. O nacionalismo non é alleo á praga do erotismo. Facer o galego idioma oficial das rúas e dos establecementos públicos non dá votos. Promover un conflito entre bandeiras pode provocar alerxias. Desmarcarse con argumentos propios das manidas e rituais condenas do terrorismo pode marxinarnos. ¡A que seguir! Elúdese a confrontación para aforrar o traballo de clarificar ideoloxicamente ás masas. Con parecidos argumentos razoan os eróticos, os que están a converter a política en vergoñenta pornografía.

¿Remedio? ¿Castración ou celibato? A solución está na responsabilidade que teñen as organizacións de tomarlle todos os días a lección aos seus representantes, como nos tomaba o mestre, cando eu era rillote, a nosa lección de silabario. En recuperar o hábito da crítica, que na esquerda é unha virtude. Sobre todo á hora de elaborar candidaturas, que nunca se deben considerar prebendas, senón compromisos contraídos polos máis loitadores e capacitados. Ao criterio de firmeza ideolóxica non poden antepoñerse as cotas para as diferentes sensibilidades, como se se tratase do reparto dunha herdanza. Os Gürtel son os fetos que o erotismo xera na política. Metelos debaixo da alcatifa, como fai o Partido Popular, é propio de alcaiotes. Os rixosos e saídos, os que toman a representación como se fose unha barregá, dereitiños ao prostíbulo.

1 2 seguinte

[21-04-2010 ] Ceive comentou:

Moita razón en este artigo, deberiamos tomar boa nota, que as ansias de gobernar non nos leven á práctica de un populismos valeiro e lábil. Deberían tomar conta dos teus consellos todos os cargos e parlamentarios do BNG.

[20-04-2010 ] políticamente incorrecto comentou:

Unha vez máis, Bautista, pondo os puntos sobre os ís.

[20-04-2010 ] fumador comentou:

Plas, plas, plas, plas, plas...

[20-04-2010 ] Dun de tantos comentou:

Xa é hora de que alguén lle poña o cascabel ao gato, por iso é de agradecer o contido e tamen o continente do artigo de Bautista.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña