04:30 Luns, 04 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-02-2013

Non hai un no que non campase o autoodio, nin que non contase cun amplo elenco de colaboracionistas e asimilados

Modelos para a independencia

Valorar (28)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



A medida que o noso sistema educativo retrocede cara supostos mercantilistas e galegófobos con leis como a de Wert, os ollos da opinión pública viran cara modelos escolares que, como o finlandés, gozan de demostrado suceso. Desde a súa entrada na escola, calquera crianza finlandesa atopará ao seu dispor unhas aulas de soño, un comedor escolar ben disposto, uns acolledores obradoiros artesanais e de cociña, unhas instalacións deportivas de primeira e un profesorado organizado e esixente consigo mesmo.    

Trátase dun sistema educativo público e igualitario. Un sistema que é bo porque non é privado, nin busca máis beneficio que o ben común. Esta circunstancia cálase con moita frecuencia cando desde os medios ao uso se analizan as causas do suceso da escola finlandesa. Mais aínda hai outra causa que aínda aparece menos nas análises habituais: Finlandia é un pais novo, con menos de cen anos de historia. Un país que gañou a súa independencia a pulso e que soubo librarse da dramática situación diglósica que padeceu durante longos séculos escuros.    

Finlandia soubo recuperar, á forza de sangue, suor e bágoas, o orgullo de ser e de falar finlandés, e soubo asentar as bases dun sistema educativo nacional. Non sen encarnizadas polémicas lingüísticas, en Finlandia sóubose facer da minoría suecofalante, outrora a elite cultural e económica estabelecida ao longo do pais e hoxe localizada en certas áreas, un complemento respectábel e non unha ameaza para a supervivencia do idioma.     

Alguén imaxina unha situación escolar e social tan ben sucedida baixo un goberno sipaio que aceptase a subordinación e lexislase en contra do idioma nacional? Alguén imaxina isto nunha Finlandia dependente e ignorada, gobernada desde Estocolmo ou desde Moscova ao seu antollo, tal e como sucedeu até 1917? Se a resposta é negativa, será doado concluír que o milagre finlandés comeza pola independencia nacional.    

Letonia é un país pequeno e recente, que alberga un corenta por cento de poboación de lingua foránea, principalmente rusa. O número de falantes de letón é menor que o de galegofalantes en Galiza. Na capital do país, Riga, é tan frecuente escoitar ruso coma letón, se non máis. A época soviética non prohibiu a lingua letona como as ditaduras españolas fixeron en Galiza, pero púxoa a competir co idioma principal do estado e impulsou unha política de rusificación étnica que deixou un país con problemas poboacionais de calado.    

Cada certo tempo, os masivos festivais de música tradicional letona, nos que se xuntan miles de intérpretes, son un xeito sorprendente de reivindicación da lingua e a cultura nacionais, por séculos desprezadas e ameazadas. A pesares da nada favorábel situación económica actual, a independencia de Letonia non é cuestionada por ninguén. Veu para ficar.    

Falo de Finlandia e de Letonia porque son dous casos que coñezo coa proximidade necesaria para poder comparar e concluír que con estes pobos temos máis puntos de unión que de diverxencia. Pero hai moitos máis casos: os procesos de independencia nacional foron na Europa do século vinte non a excepción senón a norma. Só hai que comparar mapas históricos e descubrir que a maior parte das nacións europeas actuais naceron durante a pasada centuria. E o que se aveciña no século vinte e un vén polo mesmo camiño.    

De todos estes países envoltos en azarosos procesos independentistas non hai un que non atravesase por longas épocas de desánimo, confusión ou derrotismo. Non hai un que non tivese que superar esquemas impostos, prexuízos de ruralismo atrasado ou a condena á desaparición irremisíbel. Non hai un que non sufrise divisións inducidas entre nacionalistas nin tensións entre autonomismo e soberanismo.    

Non hai un no que durante séculos a maioría dos habitantes da nación oprimida non se considerasen a si mesmos máis que como unha clase un pouquiño peculiar e churrusqueira de súbditos do imperio. Non hai un no que as ideas emancipadoras non fosen consideradas no seu nacemento como exclusivas das elites intelectuais e ilustradas. Non hai un no que non campase o outoodio, nin que contase cun amplo elenco de colaboracionistas e asimilados.  

O camiño que hoxe percorremos as galegas e os galegos xa foi visitado por outros. Fóra complexos: o único no que nos avantaxan os países independizados é no feito de teren estado no lado certo no momento axeitado, de térenlles soprado o vento a favor ou de teren aproveitado conxunturas históricas que a nós aínda non se nos presentaron. Mais a roda segue a xirar, e se algo nos ensina a historia é que a cada pobo, ao final, sempre lle chega o seu momento.    

Hoxe, en Galiza, os dous referentes externos postos case en exclusiva como exemplo de procesos nacionais avanzados son Cataluña e Euskadi. Isto sucede tanto de xeito positivo, como cando se nos convida a reclamar un teito competencial ‘como o vasco ou o catalán’ ou negativo, como cando se recalca que ‘Galiza non é Cataluña’ no momento en que se queren marcar diferenzas tácticas co soberanismo.     

Galiza, xa o sabemos, non é Cataluña porque Galiza é Galiza. Galiza será Cataluña na mesma medida que Galiza é Irlanda, Finlandia, Letonia ou Eslovaquia. Ou Escocia, Flandres, Bretaña, Gales ou Euskal Herria, e a cousa tampouco ten por que parar en Europa. Seguramente teremos moitas cousas que facer xuntos cataláns e galegos, entre elas buscar a porta de saída desta detestábel cova de ladróns na que o noso Estado común está convertido, e procurar fórmulas de integración que nos insiran na comunidade internacional directamente, sen falsos intermediarios.   

Será normal que as referencias vasca e catalá estean permanentemente presentes, pero o mundo non remata nestas dúas realidades; máis ben comeza aí. Sabemos que non hai modelo que valla enteiro e que non é cuestión de cortar e pegar, porque as realidades históricas e sociais son complexas e diferenciadas. Que o mellor modelo para  a independencia é o que un pobo é capaz de crear por si mesmo, e que o camiño que vale é o que se percorre, non o que se deseña. Mais á hora de buscar referentes externos non estaría mal ampliar horizontes e, a carón de realidades xa coñecidas, procurar a riqueza de experiencias entre procesos independentistas rematados e ben sucedidos.     

De todos estes países independentes non hai un só no que non teñan existido patriotas que imaxinasen novas realidades. O reino máis antigo de Europa ten diante de si a difícil tarefa de sorprender ao mundo rexurdindo das súas cinzas e creando unha sociedade libre, democrática e igualitaria ou, dito dun outro xeito, construíndo a independencia e o socialismo do futuro. No entanto, sen pararmos de soñar, vaiamos facendo camiño, vaiamos mudando a realidade.


[18-02-2013 00:58] EFC comentou:

O luteranismo representa en Letonia non máis dun 34 por cento da poboación, polo que dificilmente pode ser considerado como \'un país luterano\'. Si é certo que a pertenza de Finlandia á órbita luterana posibilitou a tradución da Biblia ao idioma nacional desde o século XVI, e a utilización da lingua finlandesa nos oficios relixiosos. Son diferenzas obvias coa situación galega, que non impediron o feito que que existise unha forte situación de desvantaxe do idioma finlandés a respeito do idioma sueco.

Nese senso, Galiza sempre tivo má sorte. O imperio foi extremadamente cruel e castrador, e ademáis foi sempre o mesmo imperio desde hai cinco séculos. Estas diferenzas non son obstáculo que impidan a comparación da nosa realidade coa destes países, así como tampouco impiden chegar á conclusión de que a prosperidade dos pobos comeza pola fidelidade a si mesmos, e de que a independencia política é unha meta razoable, posible e desexable. Iso é, creo eu, o que di o artigo.

Sr. Decepcionado, vostede saber saberá comparar, pero o que non sabe moito é ler.

[16-02-2013 20:12] Decepcionado comentou:

E o modelo do título do artigo?!
Dígolle eu unha diferenza: tanto Finlandia como Letonia son países luteranos. A lingua foi patrimonio de protección da igrexa porque a diferenza relixiosa era un factor de diferenzazón con Rusia. No caso de Suecia e Finlandia foi a separación da coroa sueca o que potención a lingua finesa, abofé, pero de novo, con institucións de seu no cultural. Non dubido que coñeza estes dous casos... pero o que non sabe facer é comparar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña