00:37 Xoves, 09 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-02-2013

Esta importante sentenza avala a legalidade da actuación do Concello de Allariz na aplicación da Lei de Facendas Locais e dos recibos do IBI que a igrexa debe pagar

Pagar relixiosamente a Contribución Urbana en Allariz

Valorar (13)

FRANCISCO GARCÍA SUÁREZ



Nunha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo Nº 2 de Ourense desestimouse o recurso presentado pola Diócese de Ourense contra o acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Allariz do 20-XI-2011, acordo que consideraba axustado á legalidade a esixencia do pagamento do IBI das fincas urbanas da igrexa en Allariz. 

Esta importante sentenza avala a legalidade da actuación do Concello de Allariz na aplicación da Lei de Facendas Locais e dos recibos do IBI que a igrexa debe pagar. 

A Sentenza aclara que o propio Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais establece no seu artigo 62.1.c que están exentos do IBI os inmobles da igrexa católica nos termos previstos no Acordo entre o Estado Español e a Santa Sé sobre asuntos económicos. 

Os termos no que este Acordo recolle a exención de Contribución Territorial Urbana aos inmobles da igrexa son os seguintes:

1. Os templos e capelas dedicados ao culto e así mesmo as dependencias, edificios ou locais anexos destinados á actividade pastoral.   
2. A residencia dos bispos, dos cóengos e dos sacerdotes con cura de almas.
3. Os locais destinados a oficinas, a Curia Diocesana e a oficinas parroquiais.
4. Os seminarios destinados á formación do clero diocesano e relixioso e as Universidades eclesiásticas que impartan ensinanzas propias de disciplinas eclesiásticas.
5. Os edificios destinados primordialmente a casas ou conventos das Ordes, Congregacións relixiosas e Institutos de vida consagrada.
 
Polo tanto os inmobles da igrexa que non se correspondan con ningún destes supostos de exención legalmente previstos deben pagar o correspondente IBI, así o entendeu o Concello de Allariz na súa esixencia de pagamento do IBI correspondente a inmobles propiedade da igrexa que non teñen razón algunha para considerarse exentos.  

Nun documentado e interesante artigo sobre a financiación da igrexa do portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago de Compostela, Rubén Cela, titulado “o paraíso (fiscal) da igrexa católica: o caso do IBI” publicado na revista Terra e Tempo xullo 2011-xuño 2012, púñase de manifesto o importante traballo social e institucional realizado polo BNG defendendo o pagamento do correspondente IBI do patrimonio inmobiliario da igrexa de uso non relixioso e da supresión doutros privilexios fiscais dos que seguen gozando (imposto de sociedades, de transmisións patrimoniais, imposto de sucesións e doazóns ou o imposto de actividades económicas).  

Os nosos representantes no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e mesmo no Parlamento europeo teñen presentado múltiples iniciativas neste sentido.  

Este traballo defendido por unha ampla maioría da sociedade debe reforzarse agora precisamente nun momento no que os recortes sociais e a suba de impostos aos traballadores, pensionistas ou comerciantes deixa aínda mais en evidencia a inxustiza destes privilexios.  

Agora esta sentenza reforza a xustiza das nosas reivindicacións e o papel activo do BNG nesta tarefa de eliminación dos privilexios fiscais da igrexa.  

O seu significado é importante non só polo valor económico dos ingresos que os concellos deberían percibir senón tamén por razóns de igualdade de trato e xustiza social.  

A igrexa debe pagar como titular de moitas propiedades que teñen un uso comercial, urbanístico, propiedades nas que se desenvolven actividades económicas sen pagar impostos competindo de xeito desleal co resto dos propietarios que si os pagan.  

O pago do IBI destas propiedades é de mais necesidade e exemplaridade se cabe, nestes momentos nos que o resto dos veciños están a facer esforzos importantes para estar ao día no pagamento dos seus impostos e taxas necesarias para o mantemento de moitos servizos municipais.  

Se eles pagan relixiosamente a contribución urbana, a igrexa e nunca mellor dito, tamén debe facelo en todas as propiedades que non teñen relación co culto.


Nota. Acompañando a este artigo reproducimos a sentencia que lle dá a razón ao Concello de Allariz




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña