14:11 Venres, 19 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-02-2013

Deteñámonos un momento nunha análise telegráfica sobre o que representan as cúpulas de certas organizacións políticas e as súas relacións coa militancia ou afiliación de base

Cúpulas

Valorar (25)

LOIS DIÉGUEZ



Deteñámonos un momento nunha análise telegráfica sobre o  que representan as cúpulas de certas organizacións políticas e as súas relacións coa militancia ou afiliación de base.  

Quen diría hai uns meses que ese partido poderoso que levaba varios anos facendo gala de honestidade, honradez, coherencia e non sei cantas cousas máis, se ía esnafrar contra un sólido muro que rompería todas as súas mentiras? Era o símbolo da unidade e do entendemento internos, e calquera conflito (mesmo a uns niveis de formiga nada comparábeis cos seus) que tivese outro partido era aproveitado até chegar á súa deformación. A campaña dos últimos anos deste PP ensoberbado, disposto xa a campar por todo o Estado coa súa verdadeira cara de conservadorismo a ultranza e españolismo exacerbado, centrouse en manchar por todos os medios a aqueles outros partidos, grandes ou pequenos, co obxectivo de que a xente fose metendo na cabeza a idea de que todos son iguais, é dicir, corruptos, e con esta convicción, acabase por apoiar sen conflito o considerado con máis poder e influencia. Quen teña máis, mellor padriño será. E funcionoulles o choio.      

O escándalo destes últimos días non é máis que o resultado dun enorme barco vello e caduco que salta polos aires, corrompido por eses xermes que intentan manter as táboas podrecidas pero pintadas arreo para que pasen por novas e atraentes.  Non cabe dúbida de que o PP ten unha enorme base de afiliados e afiliadas; pero esa base pinta algo nas decisións importantes que toman? Coñece a verdadeira faciana dos centos de persoas que compoñen o aparato directivo, Xuntas ou Comités Executivos? Sabe o mínimo dese inmenso tecelán de organismos que compoñen o partido a imaxe e semellanza da ideoloxía que teima por estruturar o Estado en rexións? Participa activamente de forma democrática?        

E aí comeza a realidade dese barco putrefacto formado nos antigos e avivados arsenais do franquismo. A cúpula, así, consolida o seu elitismo, e as súas relacións multiplican  un intercambio de negocios persoais ou de grupo baixo o selo colectivo no que se agacha o PP. Homes e mulleres con moito capital detrás, relacionados, precisamente a partir da estrutura institucional da que se aproveitan, cos sectores económicos máis poderosos das empresas e dos bancos, males envelenados dos últimos anos a medrar sen nengún tipo de freo, porque son eles mesmos os que, a través desta cúpula, fan as leis. A cúpula, pois, que como nos séculos medievais, vive nunha orxía de riqueza sen que os seus aliados máis directos (os afiliad@s) se enteren, ou queiran ou podan facelo.  E sen que o resto da xente pareza tampouco non sabelo. Por que, logo, non podemos perder uns minutos cada día para coñecer como se moven os salóns destas cúpulas sen moral aferradas aos seus privilexios? Rei, duques e marqueses, fronte ao pobo indefenso e desarmado.        

Un home, unha muller, que pasa a súa vida facendo medrar para el o corno da abundancia, poida que lle soe algo iso de que á xente non lle vai moi ben , pero  seguro que nada o de sentir as dores ou traxedias que afogan cada día o seu vivir. E se non o sente, dificilmente o pode entender, e menos solucionar. Miren a biografía real, non a enfeitada, de cada un deses homes e mulleres que compoñen a cúpula do PP, de CIU ou mesmo do PSOE, que en menor medida, hai anos que caeu tamén na soberba do manchado (centos de persoas volven compoñer a súa estrutura federal de Comités e Executivas, máis democráticas, indubidabelmente, pero tamén enlazadas outra vez con bancos e empresas do grande capital). E miren despois a aqueles e aquelas que compoñen ou compuxeron os distintos gobernos, tanto estatais como nacionais ou autonómicos. Quen é cada un e cada unha dos conselleiros-as ou ministros-as que forman o goberno da Xunta de Galiza ou do Estado? Uns pobriños, uns simples profesionais ou pequenos empresarios, uns necesitados de posto de traballo? E quen é Feixó –o ínclito e puro que se refuxia no "comigo non vai", fiel a súa incapacidade de autocrítica; o loado e peiteado polos anxos da súa torre de almafí–, outro pobriño que non ten onde caer morto? Biografías, que se aireen  as biografías reais e as relacións empresariais e financeiras de cada un-unha.        

Onde cae cada persoa de goberno ou de cúpula unha vez que remata o seu mandato ou a súa función? De que vive cada persoa que foi presidente de goberno, ou ministro, ou concelleiro? Que negocios ten? Mais non estaría aí, aínda, o máis grave do conflito. O máis grave é que, dada a escasa moral destes presidentes, nos metan nas guerras armadas por outros homes ou mulleres de idéntica  catadura, que acostuman a ser norteamericanos, franceses, ingleses ou alemáns. Que lle dea por mandar os avións a matar xente a Libia, Siria, Malí ou Palestina. En nome de quen e con que argumentacións pode un home ou muller armado até os dentes e representante dun Estado, matar en Siria e roubar aquí? Está claro que a súa conciencia non amolece ante milleiros e millóns de nenos ou homes e mulleres asasinados impunemente en nome da democracia, nen ante milleiros e mesmo millóns de xentes desesperadas por falta de traballo. Quen os vai xulgar? O Tribunal Penal Internacional? Occidente enteiro está podrecido. As nosas mentes non son libres nen están independizadas, pois co silencio, tamén aceptamos todo iso.      

Cúpulas. De partidos, empresas, asociacións, sindicatos... Cúpulas montadas baixo o control dos cartos que a propia lexislación ampara, ou baixo o control de grupos de presión. Cúpulas do PP, de CIU e do PSOE, (coas diferenzas antes ditas, claro), perigosas, tal como se van formando e ante a pasividade máis ou menos consciente de quen compoñen esa sociedade ou organización. Non só política, quero dicir, senón tamén profesional ou doutro tipo.  Hai que destruílas. E esa necesaria destrución só pode vir cando introduzamos leis e mandatos definidos por un ideal realmente democrático no que cada persoa poda decidir con coñecemento de causa, con soberanía, con datos reais e non camuflados; cando as distintas organizacións non se distingan polos cartos que teñan ou que lle arrimen, senón polo ideal, e cando se asegure a presenza pública para todas sen ter que pagar por iso, sobre todo no tempo das campañas electorais (é nelas onde aparece a fonte principal da corrupción). Democracia real, non controlada polas empresas e entidades financeiras concentradas xa até niveis de suicidio. Consciencia para non caer na trampa de meter a todos os partidos, todos os políticos no mesmo saco, pois iso nega a esperanza e elimina as nosas armas. Comecemos por aí. Estamos dispost@s? Pois daquela ergamos a bandeira multicolor dun mundo novo e ilusionado e a loitar. Contra eles e todo o que representan. Por todos e todas as que están a sufrir.


[08-02-2013 08:59] Xosé Antón comentou:

Estou de acordo. Hai de derrubar esas cúpulas transformando esta sociedade por outra máis igualitaria, pero para iso hai que crear antes a conciencia colectiva precisa. Podemos e debemos aproveitar esta situación actual de corrupción deste Sistema para consolidar uns novos valores de democracia verdadeira, paz, tolerancia, xustiza global e reparto da riqueza no Mundo, contra a podredume e a malicia actuais, cunha estratexia pautada e ben pensada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña