01:43 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-02-2013

É o momento de formular outro modelo de inserción de Galiza en Europa (que non necesariamente na UE) e outro modelo de organización económica e social

España: GAME OVER

Valorar (21)

RUBÉN CELA DÍAZ



De neno, antes de que na escola comezara a ter clases de inglés, había unha expresión anglosaxona que, a pesar de non saber traducir literalmente, sabía o que significaba: GAME OVER. Cando esa expresión saía nunha partida dun videoxogo, sabía que a partida rematara, e que perdera. Non me facía falta saber inglés.  Hoxe non fai falta ser politólogo nin sisudo analista para ver claramente que o Reino de España como proxecto político chegou ao seu particular GAME OVER.    

UNHA CRISE POLÍTICA SISTÉMICA


Tense repetido en moitas ocasións que a actual crise económica, non é conxuntural, senón unha crise sistémica. É certo. A actual crise política española tamén é unha crise sistémica.      
Os últimos casos de corrupción coñecidos no entorno da casa real e no Partido Popular non deixan de ser a punta do iceberg dun sistema intrinsecamente corrupto. Que as cloacas do estado comecen –moi parcialmente- a saír á superficie, só acelera un proceso que, máis cedo ca tarde, acabaría evidenciándose: o modelo xurdido na transición (pactado coa ditadura) fai augas por todas partes.      

Actualmente, de xeito máis ou menos consciente, existe unha parte importante da poboación que  cuestiona todos ou algúns dos piares nos que se sustenta o actual estado español.      

Hoxe en calquera cafetería podemos escoitar persoas cuestionar, de xeito máis ou menos contundente, aos poderes formais e reais do Estado, como nunca antes se fixera. A comezar pola propia xefatura do estado (e o resto da Casa Real), o Presidente e o Goberno de España, o partido con maior respaldo electoral do Estado (e non menos ao seu cabalo de refresco), a xustiza en xeral e o Tribunal de Contas, Supremo, Constitucional e Consello Xeral do Poder Xudicial en particular. Cuestiónase o papel da banca, as súas normas e os seus directivos. Cuestionase a patronal, os seus representantes e as súas propostas. Cuestiónanse os privilexios da Igrexa católica e até se cuestiona a Unión Europea e o mesmísimo euro.      

A pesar de que en España rexorde con forza un afán  recentralizador propio doutras épocas, non é menos certo que unha parte da poboación cuestiona abertamente o modelo de “café para todos” e pregunta se ten sentido que Murcia ou La Rioja teñan que ter parlamentos autonómicos. Outros cuestionan o concepto de España coma un estado uninacional onde o único suxeito político existente é o “pobo español”. Un respaldo claro en Cataluña cara o dereito a decidir, un respaldo contundente ás forzas soberanistas en Euskal Herria e un respaldo popular menor, pero non menos importante, en Galiza. Ao tempo prodúcense dous fenómenos que non son indiferentes: a práctica erradicación da loita armada na vella Europa (fundamentalmente os casos do IRA e ETA) e os procesos de consultas democráticas sobre o dereito á autodeterminación no marco da Unión Europea como o será no 2014 o referendo pola independencia de Escocia e inmediatamente despois o de Flandes ou o referendo de reunificación en Irlanda do Norte. E por suposto, con independencia do seu carácter formalmente non vinculante, a consulta catalá.      

Tamén son máis cuestionados socialmente algúns dos principios básicos do neoliberalismo. Unha parte importante da poboación non precisa ler as obras completas de Marx para saber que este sistema económico é tremendamente inxusto e que lle está a arruinar a vida a milleiros de traballadores e traballadoras. Víveo todos os días. Unha inmensa maioría da poboación non está de acordo coa privatización da sanidade, da educación, da introdución de taxas xudiciais, da privatización de empresas públicas rendíbeis, da privatización das pensións, de copagamentos, de aumento dos impostos indirectos pero non substancialmente dos directos, do abaratamento do despedimento e a desregularización do mercado laboral, das reducións salariais e a perda de dereitos. Cada vez hai máis xente que é consciente de que as receitas de sempre só conducen a un empobrecemento brutal da poboación e a un retroceso histórico en materia de dereitos e liberdades.      

Cada día unha parte máis importante da poboación cre que vive nunha democracia de ínfima calidade e aspira a un modelo baseado en algo máis que simplemente ter dereito a votar cada catro anos. Esixe transparencia e tolerancia cero coa corrupción. Esixe unha separación de poderes real. Esixe outro modelo de funcionamento das institucións e de participación directa na toma das decisións esencias por parte da poboación. Esixe outro modelo electoral. Esixe unhas institución próximas, elixidas democraticamente e ás que poder esixir contas.      

Este cuestionamento xeral sería impensábel hai unha década. Durante moitos anos vendéusenos a transición como algo exemplar. Nada máis lonxe da realidade. O concepto de España que se intentou construír artificiosamente desde esa transición está hoxe moribundo. De feito, atopámonos xa inmersos nun proceso de transición. A cuestión é cara onde.      

Existen dúas vías: unha cara unha maior recentralización e unha aplicación máis dura das actuais políticas económicas e sociais (sexa con este goberno, cun de “unidade nacional” ou cun “spanishMonti”) e outra cara o recoñecemento do dereito a decidir das nacións que compoñen o Estado español, unha auténtica rexeneración democrática e un xiro de 180 graos nas políticas económicas e sociais.      

Eles tentarán instrumentalizar esta situación criminalizando aínda máis a política e os partidos políticos (por extensión tamén sindicatos e outro tipo de entidades), tentando canalizar a indignación, carraxe e frustración dunha parte importante da poboación mediante expresións de loita o menos sólidas  estruturadas posíbeis. Pretenderán aproveitar a conxuntura  para que a ultradereita máis extrema se faga co control do Estado e que se sigan ao ditado as “recomendacións” da Troika.      
Se non somos capaces de influír nese proceso, Galiza desaparecerá como suxeito político diluído (aínda máis) como unha pedra de azucre nun Reino de España cada día máis recentralizado e menos democrático. Cada día máis empobrecido e menos social. Cada día con menos capacidade de decisión e máis vasalo dos intereses económicos de Bruxelas e Berlín.      

Temos que evidenciar que o actual modelo de Reino de España é un proxecto errado, que fai augas por todas partes e irremediabelmente afunde; que non é emendábel e por iso é  preciso demandar un auténtico proceso constituínte.      

É o momento de formular outro modelo de inserción de Galiza en Europa (que non necesariamente na UE) e outro modelo de organización económica e social. Con prudencia, con pedagoxía, sendo conscientes no nivel de conciencia nacional e social existente no noso país, pero sen medo.      

Despois de aprender o significado de GAME OVER, aprendín o de INSERT COIN. É o momento de xogar unha nova partida, pero con outras regras. E como en calquera videoxogo, aquí non hai sitio para o empate. Ou gañamos nós ou gañan eles.    


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña