07:49 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-01-2013

Cómpre ler e reler a súa prosa xornalística para comprender a verdadeira dimensión humana, intelectual e patriótica do poeta

A outra obra de Antón Avilés de Taramancos

Valorar (15)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Nada sabiamos nós da existencia de Antón Avilés de Taramancos -e non digamos xa da súa obra poética- até que en 1982 apareceu O tempo no espello,  aquel fermoso libro co que Edicións do Castro, na súa colección de poesía, nos descubriu aos lectores e ás lectoras da literatura galega un grandísimo poeta e unha poesía escrita entre 1955 e 1981, da que só uns poucos amigos tiñan coñecemento, entre eles o seu vello amigo Salvador García-Bodaño, a quen lle debemos unha inesquecíbel e impagábel “Noticia de Antón Avilés de Taramancos”, publicada na revista Grial xa en 1971 e reproducida no magnífico prólogo que o poeta de Compostela fixo para o volume O tempo no espello. Como era posíbel que aquel poeta tan extraordinario non estivese presente en calquera historia, estudo ou escolma da nosa poesía? Era como se Avilés de Taramancos non existira nunca. E o de Noia era xa poeta en galego con libro de seu en 1955!: As moradías do vento.            

A poesía que escribe Antón Avilés de Taramancos desde o seu regreso de Colombia até a súa morte en 1992 non fixo máis que agrandar a súa enorme figura como poeta, consolidándoo de forma definitiva como unha das voces máis persoais e poderosas da poesía galega do século XX. Aí está a súa Obra poética completa que no seu día editou Espiral Maior, coa sensibilidade e o corazón que só Miguel Anxo Fernán-Vello posúe. Se a morte prematura de Antón Avilés nos deixou a todos feridos, tamén é aínda hoxe profunda a tristeza que nos produce pensar todo o que perdeu a poesía galega coa súa desaparición aos 56 anos de idade. Que outros cantos non tería escrito Avilés de Taramancos só con dez anos máis de vida! A obra de Avilés, como a de Rosalía ou a de Baudelaire, quedou, certamente, a medio facer, e aínda así os tres están entre os máis grandes poetas do universo.            

Mais non era hoxe da poesía de Antón Avilés do que aquí queriamos falar, nin sequera do libro de relatos Nova Crónica das Indias, senón desa outra obra que Antón Avilés de Taramancos deixou escrita en xornais e revistas ou en forma de discursos pronunciados aquí e acolá, as máis das veces como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Unha e outra vez regresamos a aquel volume que editou Laiovento pouco despois do pasamento do poeta e que baixo o título de Obra viva recolle algunhas das mellores prosas do noso xornalismo cultural. Cómpre ler e reler ese libro para comprender a verdadeira dimensión humana, patriótica e intelectual de Antón Avilés de Taramancos. En poucas ocasións atoparemos unha traxectoria vital tan apaixonante e unha prosa xornalística tan coidada, tan brillante, tan rica e de tan alto valor literario. Ese libro é a memoria viva do poeta. Aí está a súa vida e o seu pensamento. Tamén a crónica desta patria que el tanto amou. De algunha maneira esta obra é, así mesmo, o seu Libro dos Amigos a medio facer. Nas súas páxinas o poeta escribiu a lembranza íntima e emocionada de personalidades como Urbano Lugrís, Álvaro Cebreiro, Uxío Carré Alvarellos, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Reimundo Patiño, Xohán Casal, Miguel González Garcés, Pablo Neruda, Miguelito Valdés..., figuras todas que el coñeceu e tratou na súa época coruñesa ou nos anos do exilio en Colombia.            

Neste libro, nunha das prosas máis evocadoras dunha paisaxe de nós que xa non existe, “Elexía de vellas árvores e antigos perfumes”, o poeta fala do perfume da madeira fresca dos freixos e dos castiñeiros, das grandes cerdeiras florecidas ou das vellas nogueiras do país: “Chegaban as nosas noces a Bos Aires ou Nova Iorque como chegan agora as de California a calquera recuncho da nosa terra. Un sinte aínda como zoaba o vento nas grandes nogueiras da Chaínza e do Obre (…) deixádeme agora lembrar das vellas árvores, dos outos castiñeiros, das figueiras esguías cheas de figos maduros, das pereiras de toda crás e mil sabores, dos fatoeiros e das claudias....”. Para quen isto escribe, este artigo de Avilés tivo sempre un especial significado, xa que a miña nenez e a miña adolescencia está intimamente vencellada ás árbores froiteiras da miña horta. Meu avó plantara todo tipo de árbores arredor da casa, mais sobranceaban as maciñeiras, que co paso dos anos fóronse facendo árbores enormes como carballos. Nos nosos máis felices días da nenez moitas foron as veces que subimos ás pólas do curuto das maciñeiras como quen busca un refuxio para soñar e para contemplar desde alí toda a vida da parroquia. E nas cálidas tardes de outono, na baixante da lúa, cantas mazás collimos á man para gardar durante todo o inverno, mesmo até marzo ou abril! E que ben se conservaban entre a palla do faiado! Eu lembro agora con nostalxia aqueles duros e longos invernos de Ortigueira nos que íamos ao faiado da casa e podiamos contemplar marabillados cestos e cestos de mazás de ollo amorosamente colocadas unha a unha enriba do piso de madeira, entre a palla da última malla. Aquilo era un pracer para a vista e para o olfacto. Creo que aínda levo en min o arrecendo a aquelas mazás da horta. Nunca máis outras mazás me souberon como aquelas!            

Dicía Álvaro Cunqueiro que el necesitaba as mazás de Mondoñedo no seu piso de Vigo para poder escribir, que sen o arrecendo das mazás non lle viñan as palabras. E todos os que pasaron por Marqués de Valladares saben moi ben que as mazás das hortas do val mindoniense estaban estradas polo chan, por riba das mesas, no salón, no cuarto no que o escritor traballaba… “Non hai mazás coma as daquelas hortas!”, proclamaba aos amigos que o visitaban un gozoso Álvaro Cunqueiro.  

Todo isto vénnos agora á memoria ao reler a Obra viva de Avilés de Taramancos, unha lectura sempre imprescindíbel para adentrármonos no inmenso mar da súa Obra poética completa



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña