06:50 Martes, 22 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-01-2013

O pasado 22 de novembro abriu ao público o chamado Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL)

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL)

Valorar (11)

ADOLFO DE ABEL VILELA


O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL)


O pasado 22 de novembro abriu ao público o chamado Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), un proxecto do alcalde José Clemente López Orozco que no mes de outubro de 2005 anunciou como que sería o segundo interactivo de España. O primeiro foi a Casa das Ciencias da Coruña. Así que aos lucenses pareceunos unha boa idea porque non só beneficiaría ao turismo cultural na cidade senón que tamén serviría para que os lucenses, e sobre todo os escolares, adquirisen un maior coñecemento da historia da súa cidade coa facilidade que ofrecen para  os rapaces as novas tecnoloxías.        

O edificio faríase fóra do recinto histórico, nun solar da antiga FRIGSA, co obxecto de dar un aliciente máis á zona norte da cidade. Hai que dicir que a adquisición polo Concello nos anos 80 da enorme extensión que ocuparon nos anos 50 do pasado século os Frigoríficos Industriais de Galicia, S. A., foi unha das operacións máis rendibles para a cidade, pois niso Lugo foi pioneira en recuperar unha zona industrial para uso público, librándoa da especulación inmobiliaria á que estaba destinada.      

A zona verde abriuse ao público como parque e axiña se transformou unha nave en auditorio, un edificio foi destinado a biblioteca municipal, outro a centro social, ao que seguiron diversas instalacións deportivas, cubertas e ao aire libre, de maneira que aos poucos as sucesivas corporacións foron transformando a paisaxe daquela zona que agora se culmina coa construción dun magnífico edificio destinado ao museo.      

O agravio que no seu día recibiron os veciños da parroquia de Albeiros ao expropiarlles as súas terras de labor, pois eran a maioría labregos, o enxeño popular dicía que FRIGSA quería dicir “Facémonos Ricos Instalándonos Gratis Sobre Albeiros”, medio século despois vese socialmente compensado con todos estes servizos reunidos nun gran complexo social, deportivo e cultural. Así que parabéns.        

O edificio      

Para a construción do edificio convocouse un concurso que foi gañado polo estudo de arquitectura Nieto-Sobejano, fundado en 1983 polo matrimonio formado por Fuensanta Nieto de la Cierva e Enrique Sobejano García. A calidade dos seus traballos está abalada pola obtención de diversos premios e por ser seleccionados para facer obras tan importantes como o Museo de Medina Azahara (Córdoba), Premio Piranesi de Roma 2011; o Centro de Creación Contemporánea de Córdoba; o Palacio da Ópera de Oslo; a ampliación do Museo Nacional de Escultura do Colegio de San Gregorio de Valladolid, polo que lles concederon o Premio Nacional de Restauración e Conservación de Bens Culturais; a ampliación do Museo de San Telmo en San Sebastián; a ampliación do Museo de Moritzburg. Halle, Alemaña; a ampliación do Museo de San Telmo en San Sebastián e a ampliación do museo Joanneum, Graz (Austria), entre outros.        

O edificio é discreto en superficie, pois só se ven cilindros de aceiro corten de distintos tamaños e texturas que parecen esculturas no medio da herba, sendo moi espectacular no interior, onde as formas curvas moldean o espazo a base de vidro, formigón e aceiro corten, todo baixo terra. Así que nada que obxectar á obra de arquitectura que é espléndida, nin sequera ao custo, máis de 10 millóns de euros, porque Lugo gana un bo edificio de arquitectura contemporánea, pero si aos gastos de mantemento acrecidos pola súa peculiaridade de estas soterrado, e, moi especialmente polo contido do museo. En síntese podo dicir que é un gran contedor para un moi escaso contido.      

Intervención de Flavia Sparacino  

Orozco entusiasmouse con algo que viu feito pola italo norteamericana Flavia Sparacino, investigadora do Media Lab do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), que deseña contornas arquitectónicas con sensores, modelos matemáticos, multimedia e gráficos en 3D. A súa tecnoloxía pode transformar unha cidade, ou calquera dos seus edificios, nun monumento interactivo capaz de responder aos xestos e emocións dos seus habitantes e visitantes. E isto quería o alcalde de Lugo que o aplicase Sparacino ao Museo da Historia da Cidade e contratouna.      

En marzo de 2006 díxose que Sparacino, que a presentaba Orozco como unha das maiores especialistas en museoloxía e museografía do mundo, faría o deseño en 3 D dos contidos, que definirían un comité científico formado por historiadores entre os que estaban Felipe Arias Vilas, Antonio Rodríguez Colmenero, Covadonga Carreño Gascón, Pegerto Saavedra, Ramón Villares Paz, Antonio Prado, Julio Reboredo Pazos, María Jesús Saavedra, entre outros. As previsións que se barallaban era a de que esta fase do traballo estaría terminada para finais dese ano.      

Os arquitectos Nieto e Sobejano mantiveron reunións con Flavia Sparacino, para coñecer as necesidades museográficas do MIHL e poder adaptar o proxecto arquitectónico ás funcións do museo, sufrindo importantes cambios, especialmente en superficie dos distintos espazos, o que aumentou o custo da obra que foi financiada con fondos municipais e un crédito de sete millóns  de euros concedido polo Ministerio de Industria.      

A seguinte fase era a construción do edificio que primeiro comezaría no 2007, e despois no verán de 2008. O prazo de execución era de 24 meses, “por lo que nada me haría más feliz como Alcalde que tener acabado el Mihl para finales de verano de 2010”, manifestou López Orozco. Inaugurouse o 22 de novembro de 2012.  

Nin museo nin interactivo
 

O Museo é un fiasco como tal, porque nin é museo nin interactivo. Orozco dixo que serviría “para que los lucenses disfruten más de su ciudad y, a la vez, atraer más turistas, por lo que una de las primeras medidas que se llevarán a cabo, tan pronto esté licitada la obra, será iniciar una campaña de promoción y explicación del museo para captar nuevos visitantes”. Nada disto se fíxo.      

Pero o máis rechamante é que a tal Sparacino desapareceu do proxecto sen que se explicase a razón e sen que chegase a realizar o seu traballo, que se lle adxudicou a unha empresa catalá, de maneira que o que se ofrece é unha montaxe a base de vídeos, como os que se ofrecen noutros centros de interpretación municipais, pero de inferior calidade. Dos disparates históricos que se dicían nos guións, asumidos por unha profesora de historia da Arte do Campus de Lugo, prefiro non falar. Neste punto non deixa en bo lugar ao Comité Científico que se supón que debería de telos revisado, e se o fixo e non se decatou deles, entón é que no coñecen ben a historia da cidade. Non se debe dar información falsa e menos nun Museo que se pretende que sirva para que os lucenses e os forasteiros coñezan a historia de Lugo.      

O que se atopa o visitante é un gran edificio, baleiro, pois o tamaño do contedor cómese o contido, moi escaso para unha cidade que ten 2.000 anos de historia. O peso dos contidos recae sobre o Lugo romano, menos de cinco séculos, e o Lugo dos séculos XIX e XX. O resto, uns 1.300 anos de historia, despáchanse cun vídeo protagonizado polo bispo frei Francisco Izquierdo (1748-1762), que serve de pretexto para dicir algo das disputas entre os burgueses e a mitra na época medieval.        

As pezas para ilustrar o discurso son escasas, moitas reproducións, curiosamente a maior parte cedidas en depósito polo Cabido da catedral. O Museo Provincial, que é o que ten pezas procedentes da cidade, moitas delas depósito do Concello, que serían as adecuadas para estar expostas, non ten ningunha, non sei si por falta de xestión política, o cal non parece lóxico xa que a Deputación e o Concello están presididos polo mesmo partido, ou porque fan máis caso ao pernicioso síndrome de propiedade dos funcionarios que se negan a que saian as pezas ata dos almacéns. Non hai un sentido do público e do interese colectivo.        

A inauguración fíxose case que de tapadillo, cunha exposición de arte contemporánea de artistas galegos, tamén bastante escasa en cantidade de obras. Así que o tal Museo Interactivo, quedouse só no nome. Esperemos que no futuro se faga unha revisión da súa denominación, dos contidos e que se amplíen. O resto do espazo é magnífico para completar o seu baleiro cunha mostra de obras de artistas contemporáneos lucenses, dos que hoxe a cidade ten a un excelente plantel.



[26-01-2013 13:23] Julio Reboredo Pazos comentou:

A don Adolfo de Abel:

Dos han sido, cuando menos, los comités científicos a los que se pidió colaboración para el MIHL; al segundo he pertenecido yo, junto con otros historiadores por usted citados en el artículo, además del medievalista José M. Andrade Cernadas.

Desconozco si los guiones que usted ha podido leer son los que nosotros hicimos, pero debo ponerlo en duda, por cuanto en ellos no iba ingún disparate, como usted afirma, y todos -cada uno en su especialidad- conocemos bien la historia de la ciudad, como sobradamente le consta.

En este sentido puedo decirle que, desde tiempo antes de que la empresa catalana y la profesora a la que usted alude se hiciesen cargo de la \"musealización\", al menos don José M. Andrade, don Antonio Prado y yo mismo no hemos tenido relación con nada, absolutamente nada, de lo que se ha hecho o dejado de hacer en el MIHL. Antes al contrario, el señor Prado y yo fuimos llamados por la profesora del Campus de Lugo para prestar nuestra colaboración, lo que condicionamos a una entrevista con el alcalde para tratar de encarrilar el proyecto por otros derroteros que hacia los que parecía ir. Nunca tuvimos respuesta alguna y nadie nos volvió a llamar ni mucho menos a pedir nada, a pesar del \'placet\' del señor López Orozco a nuestras discrepancias radicales con lo que se iba a hacer.

Atentamente le saluda

Julio Reboredo Pazos

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña