16:03 Sabado, 28 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-01-2013

O BNG ten un sólido futuro político sobre a base da loita polo dereito á autodeterminación

A voltas co piñeirismo

Valorar (42)

FRANCISCO GRAÑA



A Galiza da “longa noite de pedra” foi campo abonado para influencia das ideas de Ramón Piñeiro. As dificultades para erguer organizacións propias do país no ámbito galego baixo a ditadura fascista, axudaron ao dominio destas ideas que reducen a acción galeguista á promoción da cultura galega como única actividade posíbel diante da represión das liberdades democráticas. Rompendo con estas ideas, xorde na clandestinidade, nos anos 60, con moito voluntarismo a UPG e o PSG, dúas organizacións políticas nacionalistas que loitan pola emancipación da nación galega e polo seu dereito á autodeterminación.          

A transición política española (1975-1979) é portadora de dúas saídas ao réxime franquista: a reforma política ou a ruptura democrática. Nesta etapa emerxe con forza da man da UPG un movemento nacionalista galego pola soberanía (Bases constitucionais da Nazón Galega, ANPG....). Mais o trunfo da reforma política fai inviábel o tránsito da aposta pola soberanía, cara un Estado Galego. Finalmente, imponse unha Constitución Española que, despois de Franco, lexitima a opresión españolista. negando o dereito á autodeterminación das nacións sen Estado (Galiza, Euskadi e Cataluña).    

Coa promulgación do Estado das Autonomías, o españolismo consegue diluír con “café para todos” os dereitos democráticos destas nacións entre todas as autonomías outorgadas para todo o territorio estatal. Deste xeito, só queda unha vía legal para que o nacionalismo político poida loitar polos dereitos nacionais e sociais do pobo galego, aproveitando as estreitas canles do Estatuto de Autonomía de Galiza. Outros grupos galegos optaron polo seu rexeitamento, operando no marxinal, pola independencia nacional.      

As forzas políticas nacionalistas que transitan pola vía autonómica, chegan a confluíren progresivamente no Bloque Nacionalista Galego (1982). O crecemento do BNG e do nacionalismo, tanto na faceta institucional representativa como na social, (sindicalismo, asociacionismo....) é importante.      

Porén, tanto a dereita como a esquerda españolista, tamén encontraron neste marco autonómico un instrumento eficaz para gobernaren á súa medida e desmobilizar o galeguismo político, acrecentando a opresión nacional. Da man da dereita máis reaccionaria a autonomía galega convértese nunha quinta Deputación para a promoción e actualización do máis noxento caciquismo e a dependencia servil do noso pobo.      

A incorporación do Estado español na Europa do capital transnacional, e por tanto a maior subordinación ao imperialismo global a través da Unión Europea e do Estado español, agudizou o papel dependente de Galiza, reducindo aínda máis as súas xa diminuídas capacidades produtivas até límites que poñen en perigo a súa existencia como pobo; e este proceso destrutivo continúa hoxe. Todo isto contribuíu ao medre dunha opinión pública favorábel ao nacionalismo galego, malia que nun ambiente de pasividade e invertebración social que marcou negativamente o medre electoral dun BNG instalado nas institucións representativas e parlamentarias. A diminución do peso electoral do BNG provocou unha crise de liderado, inzada de falsos debates personalistas, que se mantiveron nos seguintes anos na vía da autonomía. Neste contexto, a participación do BNG no goberno bipartito co PSOE non puido capitalizar no seu favor a boa xestión do mesmo, que na posterioridade favoreceu á dereita españolista, xerando amplas frustracións.      

A irrupción da crise económica capitalista deu orixe a certa contestación e estoupidos sociais puntuais; amais da reanimación dos movementos sociais. Especialmente no sindical, o nacionalismo gañou en organización e capacidade de mobilización.      

O avance das reivindicacións pola soberanía en Cataluña e Euskadi conseguiron a hexemonía na representación institucional pola banda dos nacionalistas, nestes ámbitos nacionais, facendo inútil e inviábel o Estado das Autonomías; xa que este foi deseñado e imposto polo españolismo de dereitas e esquerdas para a integración forzada das nacións sen Estado, baixo o centralismo español e negando o dereito á autodeterminación.      

O esgotamento do Estado das Autonomías simétricas fai inservíbel a vía política pola autonomía tamén na Galiza, tendo variadas repercusións. Na asemblea de Ámio do BNG apróbanse as teses pola Soberanía Nacional, e o Estatuto de Nazón é abandonado. Malia esta histórica asemblea, o debate pola soberanía se tapa coa crise de liderado e os intereses personalistas son magnificados polo poder españolista dos medios, desvirtuando o verdadeiro alcance deste debate á opinión pública; este fica reducido a “liortas polo poder entre políticos nacionalistas”. O posterior abandono dunha parte importante do BNG agranda esta negativa imaxe ante a sociedade galega. As eleccións autonómicas do 2012 carrexan un forte desgaste para o BNG, e tamén a quebra da outra pata do bipartidismo, visualizándose un novo escenario institucional máis plural. Por unha banda, aprécianse as reticencias da burguesía galega para asumir o galeguismo político coa súa incorporación a loita independente pola emancipación do pais, optando por seguir sendo apéndice da burguesía española; e por outra banda, móstrase a incapacidade dun sector nacionalista para autoorganizarse politicamente sen recorrer as andadeiras do españolismo político. En ambos os casos son versións plurais de andainas que mostran a feble autoestima colectiva e a confianza na capacidade do pais, tendo como consecuencia que a Galiza-Nación volve a ser invisíbel; mais a realidade é teimuda e existe. Xa que logo, o BNG é máis necesario que nunca e faise preciso a súa renovación sobre renacidas bases, como punto de encontro das forzas políticas e sociais que hoxe apostan pola soberanía , aproveitando as vantaxes da nova situación política, que impón máis tarde ou máis cedo, a elaboración dunha nova regulación xurídico-política para o conxunto do Estado español, diante do fracaso que supuxo para o españolismo, tanto de dereitas como de esquerdas, o esgotamento do Estado das Autonomías, xa que a súa solución non é a alternancia esquerda-dereita, senón unha articulación libre e independente da relación galeguismo-españolismo.        

Nesta nova situación a unidade do nacionalismo en torno ao BNG ten un sólido futuro político sobre a base da loita polo dereito á autodeterminación do noso pais, tendo presente que, a capacidade de decidirmos por nós mesmos, só é posíbel avanzando cara unha República Galega, cun Estado propio, para que as galegas e os galegos poidamos decidir en liberdade, sen inxerencias, que relacións queremos manter co resto dos pobos e nacións que forman hoxe o Estado español, a U.E. e o resto do mundo.        

Neste novo contexto a política marxinal só debe quedar reservada para os grupos que se subordinan, e pretenden subordinar o país ao centralismo español, xa que a capacidade da maioría social galega é incuestionábel e só necesita ser activada póndose en movemento. Quen o vai facer senón o BNG ?


1 2 seguinte

[20-01-2013 11:37] Alex comentou:

A defesa da nossa pátria é, sem mais adorno nem rodeio, a nossa razom de viver. Nom fai falta que venha ninguem a descreber-nos realidades que bem conhecemos e bem sabemos como interpretar, ou pensa alguém que somos parvos/as? Pensa alguém que o monopólio informativo que sofre o País é alheio ao estado de opiniom maioritário da populaçom, às vitórias do PP ou às bandeiras espanholas nas casas?
Medo ao BNG? As minhas desculpas. Eu levo dúzias de anos observando medo ao PP -e ao PSOE!- no rural, por isso se lhes vota. Pensa alguém que já rematou a longa noite de pedra?
Parabéns polo artigo. Dignidade, força e unidade.

[15-01-2013 14:19] Tome comentou:

O BNG ten un sólido futuro político sobre a base da loita polo dereito á autodeterminación. Estades de coña??? Se nas festas das vilas nin se pon a bandeira galega nos balcons,se cando gaña España galicia e mais Española que Murcia. Se a xente non vos vota, por que vos ten medo, medo a ter o dereito a autodeterminacion. En fin seguides confundindo prioridades vosas coas da maioria! De rocha en rocha ate o hostiazo final!

[14-01-2013 21:06] Xose Sanchez comentou:

Un saudo agarimoso Paco.Non sabes ben a ledicia que me das lerte e saber que seguimos .!! Aqueles tempos da COGAVE!!

[14-01-2013 11:45] Colaborador comentou:

Avante sen tregua republica galega!!

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña