14:02 Domingo, 29 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-01-2013

Pegadas da arquitectura labrega e pastoril na toponimia galega

Anllo, Anllada, Anllares e Anllóns

Valorar (14)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Entendemos que estes topónimos pertencen á familia dos ANCOS e ANCARES, dos que arriscamos proceder da palabra ANTA e os seus derivados.

As teorías académicas derivan istes nomes da palabra ÁNGULO, que no caso do río ANLLÓNS faría referencia a ás revoltas que forma o río bergantiñán antes de escoar as suas águas no mar.
Por ANLLAR, enténdese o recanto da cociña onde se gardaba a leña partida, e parece claro que lle acaecería ben a súa procedencia dun ANGULARIS latino.

Do mesmo xeito os ambientes universitarios sempre aceitaron a pertinecia de ÁNGULO para explicar o nome de RIANXO (dun RIVUS ANGULUS) aludindo ao entrante que fai o mar no lugar.
As nosas dúbidas xurden por non poder encaixar na liña anterior o nome das vendedoras de verduras ourensás, chamadas de “rianxeiras” porque veñen vender o seu verde e fresco producto, “o rianxo”, ao mercado das Burgas.

Qué terá a ver o ÁNGULO co seu sonoro nome?

O río ANLLÓNS, na nosa opinión,tomo o seu nome como tantos outros ríos do lugar de ANLLÓNS por onde pasa, que sería un sitio onde habería construidos moitos ÁNTICULONES > ÁNT´LLÓNS > ANLLÓNS, ou casetos pastorís.

O ANLLO que nós coñecemos, no concello do SAN AMARO, nen ten río nen mar que permita fundar o seu nome nun lugar anguloso.

Preferimos pensar que ANLLO  debe o seu nome a un ÁNTICULO >  ÁNT´CULO > ANLLO, en referencia a una construcción de  amparo do gando ou con outra finalidade agrícola.

ANLLOBÓ, é un lugar de MASIDE, onde pensamos que o sufixo ----BÓ, non se refire á bondosidade, e só resulta ser un redundante diminutivo.

A mesma orixe tería a carballeira de ANLLARES,onde inzarían os
ÁNTICULARES ou chouzos de pegureiros.

A ANLLADA, podería referirse a una casa ANTICULADA , ou sexa, térrea e con una porta de antas, ou , se cadra, refírese a una TERRA ANTICULALATA, é dicer, demarcada por antas de pedra.

O ANLLAR da cociña, o que os lugueses chaman de ROCHO, poderíase entender como procedente dun anticular ou casetiño con porta para gardar a leña.

Estes topónimos deben ser moi antigos e lévannos a tempos recuados onde os pastos do monte para o gando eran de suma importancia para a economía labrega.

Nos documentos medievais fálase de “greas de ovellas”,”fustes de vacas” e de “varas de porcos”que deberían ser levados ao monte para aproveitar os pastos mais frescos do verau.

A necesidade de pernoctar no monte na vixía do gando debeu xenerar todo un tipo de construcciós que orixinaría iste fato de topónimos baseados na popular palabra ANTA, se cadra non tan culta como o ÁNGULO que lle disputaría a explicazón.

Esteiro creado polo río Anllóns ao final do seu traxecto

Quén sabe se, esas costumes de facer chouzos temporais no mato, non estará na remota orixe de festas como a dos CANEIROS?

E moitas romarías do País, non deberán a súa orixe ás subidas ao monte, por parte da xente da aldea que ficara embaixo, para xuntarse coa outra parte da tribu que exercían de pegureiros temporais no monte?

Estes encontros xubilosos, baixo a protección do santo pàtrón,marcarían con una festa o remate do tempo anual de permanencia no monte.

Estes antigos amparos pétreos armados sobre  ANTAS , non serían a base para construir sobre eles moitas das ermidas que inzan nas paisaxes montesías do País?

E, será?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña