03:31 Domingo, 26 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-04-2010

O PP na Galiza está só na imposición da súa política lingüística e é preciso que tamén fique só na esfera internacional

Denuncia internacional

Valorar (9)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ


Ana Miranda (BNG), Carlos Callón (A Mesa), Bieito Lobeira (BNG), Anxo Louzao (CIG Ensino) no Parlamento Europeo


Hai 56 anos, en pleno franquismo, a VIII Conferencia Internacional da UNESCO recibía un informe-denuncia sobre a persecución da lingua galega no seu propio país. O documento era asinado por sete entidades galegas no exilio/emigración, e relataba a situación de exclusión que o noso idioma padecía en numerosos ámbitos da sociedade, así como a represión dos seus defensores.

56 anos despois, nunha conxuntura xurídico-política diferente, e mesmo cun marco legal mínimo, que cando menos recoñece o carácter oficial do galego, a Plataforma Queremos Galego viuse obrigada a trasladar a diversas instancias internacionais, novamente, que aquí, na Galiza, hai un Goberno do Partido Popular que conculca os tratados internacionais subscritos polo Estado español en materia de dereitos humanos, e que anula os dereitos democráticos (lingüísticos) do pobo galego. Máis aínda, alertando da posibilidade de represión aos docentes que ousen impartir determinadas materias en galego.

Tiven a honra de participar na delegación que a Plataforma Queremos Galego desprazou a Bruxelas, a fin de formalizar diversas denuncias en institucións diferentes en relación coa situación da lingua galega. Á marxe do recoñecemento obtido en termos de visualización internacional da Galiza, da súa lingua e cultura propias, así como dos seus dereitos políticos, sempre desde unha perspectiva non alienada,  folclorizante ou submetida a España, foi posíbel comprobar como xoga, tamén nesa esfera, o Partido Popular.

Presións realizadas polo PP-español no Parlamento Europeu aos seus colegas do PP-europeu para non participaren en ningún contacto coa delegación galega non só non deron os seus froitos, senón que mesmo nos foron transladadas, para o noso coñecemento, por parte de varios deputados desa formación política. Para todos eles é evidente, e eu tamén o creo, que o PP-español é o que mantén as maiores doses de intolerancia e combate á diversidade nacional e lingüística nesa institución comunitaria. Son os peores.

Así foi. Fóra do resultado concreto das reunións mantidas con membros da Comisión Europea, foi curioso comprobar como membros do PP-europeo ou do Grupo Liberal, que manteñen teses similares (que eu desde logo non comparto) no tocante ao modelo social e económico comunitario, si foron quen de nos mostrar a súa solidariedade e apoio á situación que estamos a padecer na Galiza do punto de vista lingüístico. Deputados desa adscrición ideolóxica pertencentes a diversas "minorías nacionais" con lingua propia diferente da oficial do Estado (en Letonia/minoría rusa, Finlandia ou Hungría), non tiveron problemas en se desmarcaren dos seus colegas españois, e en coherencia coa súa procedencia, manifestarnos a súa fraternal adhesión. Mágoa que outros, algúns nados na Galiza, no actúen do mesmo xeito cando chegan a postos de responsabilidade institucional que lles permitiría defender a súa lingua. Como fan outros. Por suposto, apoio pleno de nacionalistas flamencos, vascos, cataláns ou corsos, así como de ONG's lingüísticas e de dereitos humanos.

Conclusión práctica: É esta unha liña -a da denuncia internacional- que cumpre explorar en maior medida. O PP na Galiza está só na imposición da súa política lingüística (ou case só: UPyD, Galicia Bilingüe e similares), e é preciso que tamén fique só na esfera internacional. Evidentemente a batalla líbrase na Galiza e temos que gañala aquí, mais non é indiferente o apoio e a solidariedade que recibamos doutros países e institucións. Aínda que só sexa para que saiban na Europa e no mundo que o pobo galego existe por si mesmo e sabe loitar pola súa dignidade e liberdade, moi lonxe dese disfrace de pobo dócil, submiso, dependente e españolizante que nos queren impor.

Finalmente, enorgullece comprobar a existencia, tamén en Bruxelas, dun grupo de emigrantes galegos tan digno como o que se reúne en torno á Livraria "Orfeu", ou que participa na asociación "Couto Mixto". Son eles, si, a milleiros de quilómetros da súa Patria, os que organizan tamén concentracións de Queremos Galego coincidindo coas mobilizacións que se convocan na Galiza. Ou os que se reúnen, como me dicía unha delas, "só polo pracer de poder falar galego".

O PP na Galiza está só na imposición da súa política lingüística e é preciso que tamén fique só na esfera internacional.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña