18:50 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-12-2012

As múltiples accións reivindicativas que se levan a cabo cada día no noso País demostran que a sociedade galega está viva e activa

Galiza: Por un 2013 combativo

Valorar (15)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



As múltiples accións reivindicativas que se levan a cabo cada día no noso País demostran que a sociedade galega está viva e activa.

A semana pasada asistín a unha das moitas concentracións de afectados polas preferentes no Concello de Lugo. Foi despois da ampla manifestación celebrada na nosa cidade polo mesmo tema o sábado 22 de decembro. Nela escoitei como os traballadores/as dos medios de comunicación que cubrían o acto lles espetaban aos portavoces da plataforma que eran moi poucos (en número de asistentes) e que as súas reclamacións polo tanto tiñan menos valor que se fosen moitos.

Para min esta é unha curiosa maneira de entender a realidade, sobre todo por parte de quen recentemente pediron de todos os grupos políticos que nos solidarizaramos con eles como traballadores dos medios polas precarias condicións laborais nas que teñen que desenvolver o seu labor. A súa apreciación neste caso levaríamos a pensar que como eles non saen a rúa a reclamar os seus dereitos colectivos, as súas reivindicacións teñen tamén menos valor.

Quen así analiza as cousas dende logo ten unha percepción da realidade bastante sesgada, pois ás veces o número non é indicativo de nada ou de moi pouco. En Lugo no último mes foron ducias as accións sociais desenvoltas por colectivos do máis variado. Podemos destacar as xa referidas das preferentes, que practicamente se celebran cada semana. A elas hai que sumar as dos traballadores de Cementos Cosmos (a única cementeira galega que existe e que está en Sarria, cementeira que queren pechar para producir cemento en León) que fixeron unha caravana de camións de Sarria a Lugo en fin de semana e unha manifestación en Sarria que non se recorda outra igual.

Manifestación pola Preferentes cebrada en Lugo o pasado 22 de decembro de 2012

Pero seguimos con máis acción reivindicativa. A Plataforma Stop Desafiuzamentos de Lugo celebrou tamén dúas concentracións no último mes reclamando medidas concretas para paralizar a perda de fogar por parte de tantas persoas, e xa ten convocada outra. Tamén se celebrou a primeira concentración convocada polo Foro Social Galego que ben pouca repercusión tivo nos medios de comunicación a pesar de ser moitos os colectivos implicados. Houbo outra concentración diante do edificio da Xunta en defensa do ensino público. E non podemos esquecer a dos traballadores/as de NovaGalicia Banco (NGB) que se concentraron diante da sede central da entidade na Praza Maior o día 24 de decembro.

Estou falando só das celebradas en Lugo, pero é que son ducias e ducias as que hai por todo o país, o que quere dicir que non nos conformamos co que vén, que queremos cambiar prácticas e políticas que son totalmente lesivas para as persoas. Seremos máis ou menos quen asistimos, pero tamén é certo que representamos as demandas de amplos sectores da poboación que están en desacordo coas políticas que están aplicando desde a Troika, desde o Estado e desde a Xunta, as políticas da dereita política e social que nos están levando ao desastre.

Ás veces non estaría de máis que os propios traballadores/as dos medios de comunicación, independentemente da orientación da empresa pública ou privada para a que traballan, se parasen a pensar no que din, porque tamén vai con eles o que está acontecendo. Sábeno ben os da RTVG e os de Tele Madrid, exemplos claros de a onde quere levar o PP aos medios de comunicación públicos.

E tampouco estaría de máis que quen participamos en todas estas reivindicacións, nas que por certo sempre está presente o BNG, cando se di que somos poucos, que poñamos en valor todas e cada unha das accións sociais que se están desenvolvendo polo país adiante, independentemente do número de persoas que participen en cada unha delas. Que unha cidade como Lugo, envellecida e empobrecida, sexa quen de manter este nivel de reivindicación na rúa, é digno de recoñecer. Como é digno de recoñecer o duro labor que teñen que desenvolver quen están ao fronte de cada unha destas accións, accións que en 2013 imos ter que incrementar pois está claro que os recortes van seguir e polo menos non poden contar co silencio cómplice da sociedade. Non mentres poidamos saír a rúa a facernos ver e a transmitirlle a todo o mundo a necesidade de actuar de maneira colectiva e organizada. Porque no 2013 temos que estar aínda máis activos/as que en 2012, máis combativos e reivindicativos. A actual situación merece todo o noso esforzo, o individual e o colectivo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña