02:29 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-01-2013

Pódese medir a profundidade desta crise detallando de maneira máis precisa a relación existente entre o déficit orzamentario e o déficit comercial de cada país

Por que saír do sistema euro? (e III)

Valorar (20)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



7. Da recesión á crise da débeda

Calquera recesión ten un impacto mecánico sobre o déficit público. Pero se se relaciona o afondamento do déficit entre 2007 e 2009 co retroceso do PIB en 2009, constátase unha gran diversidade na amplitude deste impacto. Globalmente, os países do Sur rexistran unha degradación do saldo orzamentario dunha amplitude moi superior á dos países do Norte.    

Faremos abstracción aquí das mediacións que explican esta repercusión diferencial para relacionala coas características estruturais de cada país, medidas polo indicador de diverxencia antes definido. Téstase unha nova ecuación econométrica que explica a degradación orzamentaria por dúas variables: a amplitude da recesión e o indicador de diverxencia. Esta ecuación proporciona resultados significativos. O resultado é importante, porque establece que a amplitude da degradación orzamentaria pode ser vinculada ás especificidades das economías nacionais.    

Dito doutra forma, a crise das débedas soberanas é a expresión dunha crise más sistémica que resulta da heteroxeneidade existente entre os países membros da zona euro. Globalmente, o déficit público é menos importante na zona euro que en outros grandes países capitalistas. No seu punto máis baixo, en 2009, representaba o 6,4% do PIB, menos que Xapón (8,7%), Reino Unido (11,0%) ou os Estados Unidos de América (11,6%). A amplitude particular da crise das débedas soberanas é resultado, dicímolo máis unha vez, das regras específicas do sistema euro.  

8. A historia do euro: un relato simplificado    

Os elementos de análise que preceden amosan que os países da zona euro están polarizados, de tal maneira que a distinción entre un "Norte" e un "Sur" é globalmente válida. Os países do Sur comparten características comúns a principal das cales é unha inflación estrutural máis elevada. Esta inflación conduce a unha perda de competitividade e a un afondamento dos déficits correntes, a pesar dun descenso da participación salarial na renda nacional similar á media da zona. Estes países rexistran sen embargo un crecemento superior durante o período 1995-2005. Este resultado foi permitido pola existencia de dúas "variábeis de fuga": as entradas de capital cobren os déficits exteriores que por definición non poñen en cuestión a moeda nacional; o descenso dos tipos de interese reais (contrapartida da inflación estrutural máis elevada) favorece un crecemento arrastrado polo endebedamento.    

Pero chega a crise e bota pola borda esta configuración. O resultado máis importante desta análise é sen dúbida o seguinte: a crise das débedas soberanas é o síntoma dunha crise específica do sistema euro. Non é evidentemente a única dimensión desta crise -que, máis en xeral, pon en cuestión o funcionamento do capitalismo realmente existente- pero é propia da zona euro e non se manifesta coa mesma agudeza nos outros países capitalistas: Estados Unidos, Reino Unido, Xapón, etc. É o resultado do modo de funcionamento coxo e interesado da zona euro, que puido perdurar unha decena de anos, aínda que en base a procesos que non se podían prolongar indefinidamente. Admitamos por un instante que se supera a crise das débedas: as disfuncións da zona euro non desaparecerían por iso, xa que a zona euro continuaría reunindo no seo dunha moeda única a países cuxas características estruturais son diferentes, se non hai nada previsto para xestionar esta situación ou para empuxar un proceso de converxencia.  

9. O retorno da ameaza exterior    

Pódese medir a profundidade desta crise detallando de maneira máis precisa a relación existente entre o déficit orzamentario e o déficit comercial de cada país. Hai que partir desta relación fundamental.

Esta igualdade contábel enuncia que a necesidade de financiamento público (positiva se o orzamento ten déficit) é cuberta a fin de contas por dous recursos posibles: polo aforro privado nacional (empresas e fogares) e/ou polas entradas de capital que corresponden ao déficit da balanza corrente. Esta relación é contable, o que quere dicir que é sempre verificábel. Dito doutra maneira, a variación dun dos seus termos é compensada forzosamente por unha variación dos outros dous, pero isto non quere dicir nada sobre os mecanismos de axuste que garanten a súa realización.    

Esta relación proporciona un filtro de lectura que permite, outra vez, distinguir claramente os países do Norte e os do Sur. Até a crise, a necesidade de financiamento público evoluciona de maneira relativamente similar nos dous grupos de países. Pero as súas contrapartidas fan aparecer as configuracións inversas.    

No Norte, a taxa de aforro nacional aumenta fortemente despois da implantación do euro, mentres que as exportacións de capitais, contrapartida dos excedentes comerciais, crecen tendencialmente: as entradas netas de capitais vólvense negativas.    

No Sur, a configuración é inversa, e fai aparecer unha periodización moi marcada. Antes da implantación do euro, os países do Sur reducen os seus déficits orzamentarios para satisfacer os criterios, tendo como contrapartida un descenso do aforro privado compensado por unha entrada suplementaria de capitais. Até a crise, os déficits públicos non se afondan, pero a partir de mediados dos anos 2000, vólvese pouco a pouco á configuración prevalecente antes do euro: os déficits exteriores afóndanse, conducindo a entradas de capitais que compensan o retroceso do aforro privado. O estoupido da crise tradúcese nun forte aumento dos déficits públicos. Ao mesmo tempo, os déficits exteriores redúcense, e polo tanto as entradas de capitais. O mecanismo cérrase cun gran descenso da taxa de aforro privado.    

Aquí intervén un elemento fundamental da crise: pon un prazo á entrada de capitais que até entón era case automática. Dito doutra forma, os países do Sur, os máis golpeados pola crise da débeda, deben reducir igualmente o seu déficit comercial. Isto so é posíbel aumentando o aforro nacional. Pero este modo de axuste so é compatíbel cun crecemento notabelmente reducido. Existe polo tanto unha relación moi estreita, nos países do Sur, entre a taxa de crecemento e as variacións da taxa de aforro privado. A conclusión desta análise é clara: os países do Sur rexistraron un crecemento superior ao dos países do Norte entre 1995 e 2005, pero este crecemento non era sostíbel porque se baseaba nun descenso da taxa de aforro nacional.

Este desaforro nos países do Sur tiña como contrapartida unha entrada crecente de capitais, favorecida pola desregulación financieira e a converxencia dos tipos de xuro. Pero a partir do momento en que estas entradas de capitais se deteñen, a ecuación de equilibrio dos saldos ponse a funcionar doutra maneira: a necesidade de financiamento público xa só pode ser cuberta por un aumento considerábel da taxa de aforro nacional -da orde do 10% do PIB- que á súa vez pesa sobre o crecemento.    

Esta nova configuración está chamada a durar e a posibilidade de reanudar o crecemento será tanto máis reducida nos países do Sur. Estes últimos acumularon un enorme déficit en termos de activos exteriores netos: estes representan perto do 60% do PIB, mentres que os países do Norte dispoñen de activos exteriores netos positivos, equivalentes a case o 35% do PIB.  

10. Fronte á catástrofe
   

O verme estaba dentro da mazá, por unha razón de fondo que era posíbel anticipar, isto é, nada, nin na teoría nin na práctica, permite soster o postulado de que a presión monetaria permitiría forzar a converxencia real dos países europeos. A moeda única postula a realización dun espazo homoxéneo á que se supón debe contribuír. Coa distancia do tempo, o estabelecemento do sistema euro aparecerá probabelmente como un terríbel erro que remite a unha cegueira dogmática, se non neurótica, e en todo caso a unha incomprensión total dos desafíos dunha verdadeira construción europea. Hoxe día, a zona euro tense convertido no elo débil da economía mundial, e incluso pódese dicir que Europa está devorando aos seus propios fillos. As políticas levadas a cabo a nivel europeo parécense a unha fuxida cega cara adiante que engule a toda a zona na infernal espiral austeridade/recesión. O desemprego incrústase a un nivel sen precedentes, e a única saída é unha terapia de choque cuxo obxectivo é a deconstrución do modelo social.    

O recente debate sobre o crecemento que habería que "engadir" ao conxunto de pactos de austeridade postos en pé baixo pretexto de saneamento orzamentario, é completamente falso, xa que o invocado "crecemento" debería atopar a súa fonte milagrosa en "reformas estruturais" que só poden empuxar a zona euro á recesión. Trátase dunha nova forma de obstinación dogmática que despreza totalmente a cuestión dos ritmos ao non facer ningunha distinción entre os incentivos dunha recuperación conxuntural, e un relanzamento do "crecemento potencial" cuxos hipotéticos efectos en todo caso so poderían facerse sentir a medio o largo prazo.    

A política europea abanea entre o axuste estrutural e a xestión “sobre a marcha”. Un día, bota aceite ao lume, ao día seguinte acciona o extintor. A historia recente de Europa é unha alternancia entre o reforzamento dos mecanismos de austeridade e o salvamento da situación ao borde do abismo. A hipocrisía destas sucesivas decisións, a incapacidade total para anticipar as evolucións son o sinal da funcionalidade do proxecto europeo. Estes balanceos en torno a unha traxectoria imposíbel contribúen a perfilar o que se podía chamar unha regulación caótica que é o horizonte do capitalismo despois da crise. A menos que nos resignemos a un afundimento na regresión social, hai que saír do Euro!


Nota do autor.- Para a elaboración desta serie de 3 artigos seguimos no básico os traballos dos seguintes autores dos que sacamos os dados e partillamos analises. Costas Lapavitsas, Jacqes Nikonoff, Paulo Painceiras, Michell Husson, Samir Amin, Thetonio dos Santos e David Harvey.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña