03:33 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-12-2012

Despois de que un drone pilotado por un axente da CIA desde a metrópole rebentase ao seu curmán Anuar, o mozo Tariq decidiu facerse fotógrafo

Drones (e 3): A loita global e a conexión galega

Valorar (22)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Despois de que un drone pilotado por un axente da CIA desde a metrópole rebentase ao seu curmán Anuar, o mozo Tariq decidiu facerse fotógrafo. Asistido por un prestixioso avogado especializado en dereitos humanos, Tariq toleaba por lle amosar ao mundo a terríbel devastación que a guerra secreta está a infrinxir nas pequenas vilas do seu Waziristán paquistaní. Aos seus dezaseis anos, Tariq acudiu cargado do seu testemuño a unha xuntanza que unha organización estranxeira organizaba en Islamabad. Alí Tariq contoulle a investigadores británicos que vía dez ou quince drones por día, que sentía o seu zunido día e noite, que non podía durmir, que se estaba volvendo tolo, que había que facer algo.      

Tres días despois Tariq viaxaba en coche xunto con Wahid, un outro seu curmán de doce anos, por unha pista de Waziristán. Non chegou ao seu destino: dous mísiles Predator fixeron dos dous curmáns as vítimas menores de idade números 175 e 176 da guerra secreta dos drones en Paquistán. Chamada a contas por medios independentes, a CIA confirmaba o asasinato. Non fora un erro: ían por eles.       

A vileza do asasinato teledirixido de Tariq e a resonancia que obtivo a súa morte en limitados círculos pacifistas fixeron do mozo un pequeno símbolo da loita contra a guerra dos drones, unha loita que está a coller pulo tanto en Paquistán como na propia metrópole. En setembro pasado unha marcha motorizada liderada por Imran Khan, un famoso deportista paquistaní, procuraba sen éxito un permiso militar para introducirse na zona tribal. Imran denunciaba o obvio: a complicidade corrupta do goberno paquistaní na guerra contra o seu propio pobo.      

Do brazo de Imran Khan apareceu aqueles días, quizá sen demasiada relevancia mediática, a activista norteamericana Medea Benjamin. A veterana Medea, xudía neoiorquina de familia acomodada –a nice Jewish girl from Long Island, segundo a súa propia descrición- forxouse na loita antiimperialista durante as últimas catro décadas. Sendo unha das poucas cidadás norteamericanas que viviron en Cuba durante anos, que coñecen fondamente Latino América e que expresan abertamente o seu apoio aos procesos revolucionarios que vive o continente, Medea recibe agora ondadas de críticas conservadoras pola feroz loita mediática que mantén contra os drones. Pero tamén fortes apoios, tanto a ela como á súa organización Codepink - Mulleres pola Paz.      

Medea e as Codepink saben que a loita contra os robots asasinos é máis dura que a que mantiveron contra as minas unipersoais nos noventa, ou contra a que desenvolveron contra os escuadróns da morte na Latino América dos oitenta. Hoxe Codepink desenmascara multinacionais e  empresas de menor porte que baixo cuberta traballan para a industria mortífera. Este é o caso, por exemplo, da aparentemente inocente Rolls Royce, que fabrica en Indianapolis motores para o Global Hawk.    

Grazas ás inxentes cantidades de diñeiro que se moven en torno á investigación, ao ensaio e á proliferación das máquinas de guerra do futuro, lugares como Gaza, Afganistán, Paquistán, Etiopía, Filipinas, Iraq ou Irán, son hoxe escenarios do ensaio dunha tecnoloxía militar robotizada que pode asegurar a supremacía imperial nas próximas décadas. Mozos e nenos como Tariq, Wahid e Anuar non son máis que pequenos estorbos nesta estratexia global, obstáculos que convén eliminar.    

É unha estratexia global na que Galiza pode estar chamada a representar un papel que nada lle interesa. Foi desconcertante para moitos dos seus partidarios unha iniciativa do entón senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza en apoio da instalación en Trasmiras (A Limia) dun Centro de Excelencia de avións non tripulados (UAV) do consorcio europeo EADS. O consorcio EADS é a corporación industrial paneuropea especializada na fabricación de aeronaves civís e militares, mísiles, foguetes espaciais e sistemas relacionados.    

Por volume de negocio, EADS é o segundo fabricante de armas en Europa. Está participada nun 5% polo estado español a través da SEPI e, como non, conta no seu consello de administración con exministros como o popular Josep Piqué, quen en maio de 2012 substituíu no posto ao socialista Juan Manuel Eguiagaray, ministro en varios gobernos de Felipe González.    

Entre outras lindezas, EADS está acusada por diversos medios tanto gobernamentais como independentes de fabricar compoñentes para bombas de fragmentación e para armamento nuclear, así como de subornos e corruptelas en países como Arabia Saudí ou Sudáfrica. Cassidian, a división militar de EADS, é a responsable da fabricación de varios drones militares como o Talarion ou o Euro Hawk, unha versión europea do estadounidense Global Hawk. Meses despois da pregunta do senador foi o propio goberno estadounidense a través da OTAN quen se interesaba por Trasmiras  como posíbel base de drones. Esta instalación militar viría substituír á conxestionada base siciliana de Signorella, desde onde a organización militar liderada por EEUU lanzou a devastadora guerra de Libia.    

A arriscada aposta do senador, xustificada no presunto impulso económico da zona, creou ampolas nunha organización política cuxa traxectoria antiimperialista de décadas puido quedar maltreita en cuestión de minutos. Xa desvinculado da organización nacionalista, o político ourensán poderá agora, se o desexa, defender a súa proposta atlantista desde outra plataforma política da súa elección, no caso de que os EEUU renoven o seu interese polo concello limián.    

É beneficioso o uso dos drones para  observar niveis de radiación, como en Fukushima, para controlar o estado da vida selvaxe en áreas protexidas ou para loitar contra lumes ou inundacións. Será acaída a utilización de minidrones ‘cívicos’ para contrarrestar condutas policiais agresivas, tal e como fixeron os manifestantes de Occupy Wall Street hai un ano con aparatos de 300 dólares comprados en grandes almacéns. Mais a miserábel estratexia imperial dos crimes selectivos a distancia e a través dos robots asasinos, eses novos símbolos da ditadura global, debe ser coñecida, desenmascarada, enfrontada e vencida.    

Por riba de todas as fronteiras, muros e valados, saberemos a quen darlle a man, facendo nosa a súa loita e irmandando os nosos soños. E saberemos tamén a que poderes lla debemos negar, para non a tinxir de sangue.


[20-12-2012 11:51] amador comentou:

Parabens pelos artigos, e obrigado por desmascarar o treidor.

"Ó tu, Sertório, ó nobre Coriolano,
Catilina, e vós outros dos antigos,
Que contra vossas pátrias, com profano
Coração, vos fizestes inimigos,
Se lá no reino escuro de Sumano
Receberdes gravíssimos castigos,
Dizei-lhe que também dos Portugueses
Alguns tredores houve algumas vezes.

Os Lusiadas, Canto IV,33

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña