12:28 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-12-2012

Os cetáceos sufriron as consecuencias do Prestige á par das aves, os arroaces comezaron a ter un comportamento estraño e irregular

As cicatrices do Prestige: II. Baleas e golfiños

Valorar (11)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


BALEA ALIBRANCA-MALPICA-FOTO CEMMA


Logo da primeira atacada do fuel á costa, a partir do 16 de novembro de 2002, viu a puntilla das ondadas de chapapote. As desacertadas decisións políticas de pasear o Prestige mar arriba e mar abaixo levaron a aumentar a fractura do casco e ao seu afundimento, na mañá do día 19 de novembro. Calquera mariñeiro que fóra consultado podía informar da dirección das correntes mariñas nese momento e da previsión das mesmas nas vindeiras semanas. Nesa altura estabamos baixo a influenza da corrente mariña costeira denominada Corrente de Nadal, que despraza a auga superficial cara ao norte diante das costas galegas, contrariamente á dirección da corrente do Golfo, maioritaria na área oceánica do Atlántico europeo, e á dirección das correntes durante o verán.        

Os especialistas da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA  tiñan coñecemento do impacto sobre a fauna mariña acontecido co Exxon Valdez en Alaska e máis recentemente co Erika nas costas francesas, coñecían a bibliografía sobre a afección aos mamíferos mariños e as investigacións do Centre de Recherche sur les Mammifères Marins-CRMM de La Rochelle. Así que só quedaba agardar, coas mans na cabeza, o que había de vir pola Canle Norte e o Freu da Porta, nas Illas Cíes, para dentro. E chegou.        

Os cetáceos sufriron as consecuencias do Prestige á par das aves, os arroaces comezaron a ter un comportamento estraño e irregular. Os especialistas estaban moi atentos á colocación das barreiras anticontaminación para evitar que quedaran mandas de arroaces illadas e atrapadas contra á costa.        

Os medios de comunicación publicaban sobre cada golfiño que aparecía varado, como unha grande traxedia, mais era unha traxedia anunciada e rutineira, pois a maioría non tiña nada a ver co chapapote. Por exemplo: o día 16 aparece varado un arroaz na praia de Alba, Arteixo, que xa levaba quince días morto. Nas vindeiras semanas déronse moitos casos similares, mais a desesperación, e o amarelismo, do momento imperaba e seguían saíndo novas nesa liña. Por iso, todo e canto cetáceo aparecía varado morto era examinado detalladamente polos especialistas da CEMMA. Mentres, recibíanse informacións de ter observado golfiños nadando no medio das manchas e mesmo entrando e saído das áreas balizadas.        

As primeiras baixas relacionadas co verquido déronse nas baleas. Un varamento dunha cría de balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata) nun cantil do concello de Barreiros deu as primeiras pistas de ter morto polo chapapote. Tiña enchoupadas as barbas da boca, mais dado os destrozos do seu corpo pola forza do mar, considerouse inicialmente que se manchara despois de morta. A aparición dun novo exemplar, desta volta en Malpica, confirmou o peor dos prognósticos. Daquela a balea morrera a causa dun grave traumatismo, o mar botouna con vida contra as pedras das Illas Sisargas, mais o motivo do seu achegamento á costa foi a súa lenta agonía ao confundir e tragar as galletas de chapapote que veñen entre augas, cun cardume de peixe. As súas barbas filtraron petróleo e o fígado rebentou tratando de procesar o producto que chegara ao estómago. Éis a primeira vez que se podía demostrar, a nivel mundial, a mortandade de baleas a causa da inxestión directa de petróleo.        

Despois comezaron a aparecer golfiños afectados. O varamento dun neonato, recen morto, de golfiño riscado (Stenella coeruleoabla) non ofrecía dúbidas, era unha verdadeira croqueta no medio do chapapote. O petróleo enchoupaba o seu sistema dixestivo e os pulmóns, e mesmo chegáralle ao sangue. Esta especie vive no mar maior, lonxe da costa, a súa chegada á costa no medio da mancha non foi casual, os golfiños buscaron refuxio na costa fuxindo do petróleo que avanzaba, mais contra o continente non atoparon saída. A dispersión da manda puxo en delicada situación aos máis débiles, animais xuvenís e doentes.      

Durante o verquido do Exxon Valdez, en Alaska, os investigadores americanos concluíron que afectara á colonia residente de candorcas (Orcinus orca), ao non atopar algúns exemplares coñecidos ao ano seguinte. Este seguemento realizouse mediante fotoidentificación, a través das fotografías individualizadas das súas aletas dorsais. En definitiva comprobaron a ausencia dalgunhas aletas do seu catálogo, mais non atoparon nin un só animal morto por causa directa do petróleo.        

Na Galiza atopamos unha ducia de baleas e golfiños afectados polo petróleo, anguriados no medio das manchas ou agonizantes por telo tragado. O balance foi de seis cetáceos mortos polo petróleo, con absoluta seguridade, e tres máis que sen atopar indicios suficientes, púidose comprobar que mantiveron contacto co hidrocarburo. A mortalidade foi estimada entre 100 e 225 cetáceos nese tempo.        

Mentres viviamos esta situación tiñamos que soportar as declaracións públicas de Federico Trillo de que aquilo non era unha marea negra e que as praias estaban esplendorosas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña