04:49 Luns, 04 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-12-2012

Ou a arquitectura pastoril en funcionamento

Ancares, Angoares e Anllares

Valorar (22)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Somos da idea de que os nomes da maioría dos montes débense, ou ben á abundancia dun vexetal característico, como os casos do COUREL ou do XISTRAL, ou senón, aos casetos e construcións debidas aos pegureiros que botaban a noite co gando.

No Varón, parroquia do Carballiño, temos unha fonte que loce o nome de FONTE ANTIGA; a nosa teima é que esta designación nada ten que ver coa vetustede da fonte, mais si cos esteos, columnas e antas que deberon soster en tempos un anteparo ou adro que faría máis cómodo coller auga ao estar a xente protexida por estas construcións de pedra. Na actualidade, dita fonte deita a súa auga desde o medio dunha parede de pedra de nova construción, pensamos que remedando a vella fonte, se cadra do xeito das medievais FONTES TELLADAS. Sospeitamos que a FONTE ANTIGA non se orixina da palabra latina  ANTIQUA, senón de ANTICA,  que era como os latinos chamaban  á “porta na parede dianteira da casa”. De aí interpretamos tamén que procede o nome dunha advocación mariana: “La virgen de LA ANTIGUA”, devoción esta, estendida por toda a península e aínda por América. Seica a orixe desa devoción procede dunha ermida existente desde centos de anos nun pobiño leonés chamado LA ANTIGUA, que entendemos referirse a un adro, baldaquino ou porche que ampararía a imaxe da santa.

Mais volvamos ao País. Seica o nome de ANCARES, procede dun pequeno río que estendeu o seu nome ao val e logo abrangueu aos montes circundantes. Os ríos, sobre todo cando son pequenos, adoitan tomar o nome dun dos pobos por onde pasan. A nosa idea é que o río tomou o nome dun lugar polo que pasaba, este lugar estaría daquela cheo de ANTICARES, ou sexa, construcións pastorís formadas por paredes, esteos ou ANTAS. ANTICARES > ANT´CARES > ANCARES, sería un posible camiño evolutivo ao chamadeiro de hoxe. O que non sabemos con exactitude é  qué tipo de construción con ANTAS eran ás que se referiría o topónimo. Seica, eses ANTICARES, non sería o xeito antigo de chamar ás coñecidas “pallozas”? Serían simples refuxios porticados dos pegureiros do gando? Ou, il non serían un tipo de hórreo, construción esta que recebe nomes tan diferentes ao longo do País? Non serían, se cadra, abrigos nocturnos para o gando que pacería libre polo día? Tamén poderían ser un xeito de chamar aos montes ou terreos que estaban delimitados con divisas, que serían os marcos ou ANTAS.

 Anta de Ferreirúas (Navia de Suarna) por Xabier Moure

Seica non daría para matinar que, SOBRADO (casa con andar) é unha mellora dun ANT´CADO ou ANCADO, que se referiría a una casa térrea dotada dunha simple porta de ANTAS? Cando falamos dunha ANTELA, non nos estaremos referindo a unha ANTANELA? se cadra o xeito popular para designar un monumento megalítico tipo dolmen ou menhir? Non o sabemos, pero o que si se constata é que esta familia de nomes inzou abondo ao longo e largo do País.

Da mesma orixe sería o monte de ANCOS, nas terras ferrolás, que foron designadas no alto medievo, como TERRA DE TRASANCOS. Este nome de ANCOS estanos facendo referencia a posibles construcións dos pegureiros para pernoctaren xunto co gando nas tempadas do verán, aproveitando así os pastos do monte ao estilo dos “vaqueiros de alzada”. Estas obras estarían feitas con antas cunha porta, ao xeito dunha albariza de colmeas, dunha palloza ou semellante ás reconstrucións que se fai hoxe dos habitáculos castrexos. Gando e pastores pasando a noite xuntos esperando o alborear para aproveitar os pastos. O nome deste chouzo sería, ANTICO > ÁNT´CO > ANCO e nomearía a este monte do mesmo xeito que moitos outros montes galegos que locen os nomes dos diferentes xeitos de chamar a este tipo de construcións pastorís.

Nosa sospeita esténdese a que os lugares galegos de nome  ANTIQUEIRA, e se cadra a ANTEQUERA andaluza, deben tamén os seus nomes a antigas paredes ou portas de pedra armadas sobre ANTAS.

O mesmo matinamos da orixe do nome do lugar da Maía, de ANGUEIRA de Castro, nun proceso evolutivo como: ANTICARIA > ANTIGUEIRA > ANT´GUEIRA > ANGUEIRA Xa que as dúas acepcións da palabra que aparecen no dicionario de Estravís, sexa como: a) Quefazer, cuidados ou negocios que cada pessoa tem. Ou como: b) Serviço que o vasalo debía fazer ao senhor com seus animais de carga, carros ou trabalho pessoal. De ambos significados, dificilmente se entendería como poderían criar un topónimo. Parece mais doado que o dito nome teña a ver coas construcións pastorís das que estamos falando. E aínda máis! Desde un  ANTICULARES > ANTIGUARES > ANT´GOARES e chegamos a ANGOARES, parroquia de PONTAREAS; e como os nomes crían mundos, o nome desta parroquia criou SERAOGNA, que é o mundo poético de Afonso Pexegueiro, nativo do lugar.

En fin, o tema das ANTAS aínda vai lonxe e deixamos para outro artigo o seu desenvolvemento; non obstante serve para conferir como as necesidades do pobo, dos labregos, dos pastores e da xente do común é quén de por nome ao entorno que o envolve.


anterior 1 2

[11-12-2012 13:17] Rubinos de Souto comentou:

Andaba por alí un criado que lle chamaban Torallo que sempre lle pedían que dixese as provincias; el repetía de memoria: Pena do Cabrón, Campa das Lebres,Pena das Paleiras, Grobo da Creixaliña, Chao de Sebes, Pena Quente... Outra palabra bastante usada por alí é salagre: é un terreo abrupto e escarpado ou una persoa con mal carácter. A maioría deses nomes xa só quedan no mapa da memoria, tan propenso a borrarse.

[11-12-2012 10:42] balonga.prebello comentou:

Nos Ancares hai moitas aldeas. A miña chámase Prebello, de onde provén ese nome tan orixinal?.
Hai outros nomes xeográficos como Calangros, Dentabú.Chavasqueiro e non xeográficos como dexovar, dexoso,Dexobar, dexoso. (suxo, que non está limpo).
Parva, parvear
Murría. (animal ou persoa moi enfraquecida).
Mariñas (patacas).
Cotroso (aforrón)
Corolos (castañas cocidas sen a casca)
amozcar as castañas coa navalla
Chuchar, Chuchos (bicar, bicos).
Chiscar. (foder).
Rin, riña. (mao,malo,mala).
Calangros (barranco na beira dun río, dificil acceso).
Dentabru (folgueiras nun humedal).
Chavasqueiro. (prado rin e pequeno)
Manaias a ti/els. (Sorte de ti/eles).
estreloxo, estremundar, esnogar o pe
nin trécolas nin requilorios.

anterior 1 2
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña