07:38 Sabado, 20 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-12-2012

Esta é a crónica, negra polo narrado, do que aconteceu na reunión do último xurado que concedeu o Premio Otero Pedrayo 2011, instituído polas Deputacións provinciais, e do que nada se contou

Os novos bárbaros

Valorar (37)

LOIS DIÉGUEZ



Non tiña eu mala experiencia de facer parte do xurado que decidía cada ano o premio Otero Pedrayo, creado por estas institucións provinciais en lembranza deste home exemplo de  gloria, fidelidade e amor real á nación galega e ao noso idioma. Non a tiña porque nas edicións últimas que corresponderon a Ourense ou á Coruña, e na maioría das convocatorias, había como un acordo tácito para que se respectase a proposta elixida pola Deputación que lle correspondese a convocatoria anual. Isto, loxicamente, se non rompía os mínimos criterios de asuncións culturais ou ideolóxicas.  

Así que, tanto na Coruña como en Ourense aceitamos as propostas dos seus presidentes. Mais hai uns días, cando lle tocou a organización á Deputación de Lugo que representaban como tal institución os deputados Antón Veiga e Mario Outeiro, do BNG, posto que forman parte do goberno que levan co PSOE, o ambiente, xa de inicio, mudou radicalmente. E esa certa tensión que o portavoz, Mario Outeiro, trataba de romper, foi bravamente enfrontada cunha choiva de propostas nada habitual neste premio; despois, obviamente, de que a institución fixese a proposta que premiaba e recoñecía o traballo de dous grandes escritores e ensaístas do noso tempo: Xosé Chao Rego e Francisco Carballo.  

Inmediatamente deplorei o enfrontamento que se guindaba  sobre a mesa, con formas coidadas, iso si, aprendidas nesa escola tan amada polos conservadores de espetar o puñal co sorriso máis aberto e cativador.  A mesa estaba presidida polo representante da Xunta, o ben coñecido pola súa traxectoria de persecución implacábel  ao noso idioma, Anxo Lorenzo, e compoñíana tamén representantes das universidades galegas, da RAG, do Instituto Padre Sarmiento, das catro Deputacións... Obviamente, estes últimos, coa súa listaxe de aliados teñen unha maioría esmagante neste momento e poden facer o que lles pete, obviando o máis sagrado ante casos deste tipo: o consenso, o respecto, como dicía, á entidade que fai a convocatoria, a cesión intelixente e sentida. Pensemos que a fin do premio é o destacar a persoas ou entidades que se distinguiron por un traballo nítido  a favor da nosa nación (de aí o nome de Otero Pedrayo que leva o premio).  

Non faltaron os aliados directos, eses que comezan a pulular nestes momentos de caos e agresividade política, intelectuais ou escritores con alta dose de vaidade e fame de gloria e sustento, que usan para o seu traballo o noso idioma e que, contraditoriamente, profesan de alianza interesada cos verdugos que o queren borrar das nosas vidas. A historia dos turiferarios sempre se repite.  

O PP deu un paso perigoso nesta edición, rompendo o consenso tácito, a boa vontade de respectar as decisións plurais e variadas, o mínimo da convivencia e respecto tamén á loita pola nación que Otero Pedrayo personifica. Un banzo que alimenta unha vez máis a súa ansia de control absoluto e imposición da súa vontade. Porque por moita maioría que teña, impoñela sempre e pola brava é totalitarismo puro.  Día a día asistimos a unha violentación dos nosos dereitos nacionais e colectivos, mesmo individuais, sen tregua algunha, sen respiro, e isto xa asoma con descaro e chulería e dun xeito altamente perigoso.   Coidado, ditadores agachados baixo a  bandeira da democracia e do diálogo, novos bárbaros destes tempos de fame e afogo (onde un ventiño urxente para aliviar tanta indignación?), oportunistas do bandullo sempre insaciábel, segadores dos dereitos de expresión e información real...

Coidado, digo, pois non esquezades nunca que os tempos negros non duran a vida toda. Franco morreu hai anos e non o ides resucitar. Os bárbaros tamén foron derrotados. Sempre, ao longo da loita heroica e valente dos que xamais se axeonllaron.


[19-12-2012 21:48] Carroucheiro comentou:

Se hai un acordo tácito para que cada ano lle dean o premio a quen propoña a Deputación convocante (neste caso Lugo, o ano que vén Pontevedra ou Ourense), que sentido ten que vaian o resto de institucións (universidades, RAG etc.) e que se faga un paripé de votación? A Deputación convocante propón e o resto de institucións acoden ao xurado, cobran dietas, aplauden e todos felices, é iso o que propón Lois Diéguez? Pois non, non estou de acordo.

[07-12-2012 11:38] Xosé Martinez comentou:

Coidado, non teñen escrúpulos e son sanguinarios. Son oportunistas e desaparecen cando as condicións non lles favorecen. Moi gráfico, Lois, cos turiferarios e ditadores agachados. Son coma vampiros e témolos por todas partes.

[07-12-2012 00:20] Carlos comentou:

Aproveito esta ocasiom para parabenizar ao Lois Diéguez, polo artigo, pola Canción do Vagamundo e para agradecer-lhe a colaboraboraçom coa associaçom cultural na que trabalhei na minha mocidade e onde se foi forjando a minha consciência.
Socialismo ou Barbárie!
http://www.youtube.com/watch?v=Rl0--sUMHCM&feature=plcp

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña