13:15 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-04-2010

O experimento das Fundacións Sanitarias deseñado hai 20 anos por Feixóo resultou ser un estrepitoso fracaso que hoxe tenta reeditar

Coa saúde non se xoga

Valorar (3)

CARME FOUCES DÍAZ


Manifestación en defensa da sanidade pública. Ferrol, 11 de abril


Parece que foi onte cando o señor Romai Beccaría, Conselleiro de Sanidade, e o seu fiel escudeiro, Alberte Nuñez Feixóo, presentaban a súa marabillosa idea de crear unha rede de novos hospitais que chamarían "Fundacións Sanitarias". Daquela,  o flamante Secretario Xeral presumía de ser un técnico independente sen carné do PP, e con ese aval defendía o modelo de Fundación para mellorar a xestión da sanidade. Visto en perspectiva, debeu aprender na Escola de Técnicos Independentes que coa súa xestión nos levaron á crise que estamos a padecer.

Ían ser centros xestionados con criterios privados mais coa mesma calidade e medios que calquera outro hospital. A atención seguiría a ser universal e gratuíta para toda a poboación pero conseguindo a cuadratura do círculo: a atención sanitaria máis barata mantendo a mesma calidade.

Non cabe dúbida de que todo é susceptible de mellorar e, probablemente, os centros sanitarios arrastren problemas históricos na súa xestión que é preciso acometer, pero o experimento deseñado hai 20 anos polo actual Presidente da Xunta resultou ser un estrepitoso fracaso que hoxe tenta reeditar con algunhas variantes, en Pontevedra e en Vigo. O resto do país que poña as barbas a remollo.

Non foron Valencia nin Madrid os primeiros en privatizaren a Sanidade Pública. Foi Galiza con Núñez Feixóo como Secretario Xeral da Consellaría de Sanidade. As Fundacións sanitarias galegas aturaron numerosos estudos en todo o estado por ter sido as máis desenvoltas e unanimemente, en todo o que atinxe a criterios técnicos, os resultados foron demoledores. Nas Fundacións había menos camas por habitante, menos persoal en todas as categorías, menos ingresos de doentes, menos intervencións cirúrxicas, menos retribucións salariais, agás nos facultativos, menos satisfacción laboral...Comparando o parámetro de Unidades de Producción Hospitalaria (UPH, que é un índice de productividade axustada pola complexidade da patoloxía atendida) os hospitais de modelo tradicional- SANIDADE PÚBLICA- obteñen uns valores moi superiores ás Fundacións-Feijoo. A todo isto, hai que engadir os informes do Consello de Contas que detectaron a existencia de numerosas anomalías contábeis así como nas contratacións externas para poder presentar uns resultados que demostraran que o custo por doente era menor. O truco era sinxelo: se alguén ingresaba  cunha escordadura dun pé ou con un esvaecemento, permanecía en "observación" un tempo considerablemente maior que nun centro hospitalario público, máis se o diagnóstico era de infarto, rapidamente se trasladaba ao hospital de referencia.

O problema é que co que pretenden facer en Pontevedra, non vai existir tal hospital de referencia, polo que todo se complica, a non ser que pretendan utilizar os hospitais privados da cidade, pero non debemos ser tan mal pensados!.

A mediados do 2007 a prensa publica que o Goberno do bipartito poñía fin a estes "chiringuitos" despois de sanear unha débeda de 16 millóns de euros.

Todo isto non foi ciencia ficción, e non o deseñou un personaxe co que xa ninguén conta por inepto, non. Todo saíu da cabeza do actual Presidente da Xunta, que cando viñeron mal dadas, marchou para Madrid a facer outra das súas desfeitas en Correos.

Na xestión sanitaria só hai tres tendencias:

1. A Estratexia de Saúde para Todos e Todas da OMS que, por certo, a capital do imperio empeza a tela en conta.

2. As liberalizacións da Economía e os Servizos Públicos propostas pola Organización Mundial do Comercio e o Banco Mundial onde creo que sobran comentarios.

3. As restriccións orzamentarias e intentos de diminuír o gasto público  coas devastadoras consecuencias na poboación que dispón de menor renda.

Hai que escoller. Non hai máis opcións. A cidadanía organizada pode frear a un goberno que tenta  colocar a Galiza na situación de hai 20 anos. Xa que logo, todas e todos estaremos en Pontevedra o 16 de abril, defendendo unha sanidade pública; é o mellor que temos!

[14-04-2010 ] Abelardo del Caño comentou:

Non esquezamos a finalidade última do modelo "liberal" que é trasladar os cartos públicos (de todos) transformados en Centros de Saúde, escolas, etc... aos "amiguetes", dispostos, como ben dís, en fundacions privadas. Logo os nosos cartos desaparecen, teóricamente para o noso ben, nos seus petos

[14-04-2010 ] carmen comentou:

Que no nos enganen, en Vigo queremos un hospital 100% público, non hai máis que mirar para outras autonomías que teñen o modelo que queren impoñer, e vai moi mal por certo, por qué se empeñan en metelo en Galicia? que intereses teñen?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña