22:09 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2012

Falo de Claudio Pérez Prieto, o fuista, o dirixente nacionalista, o activista cultural, o exiliado, o militante antifranquista, o boticario, aquel vello oso branco permanente en Fole.

Claudín de Dona Eudosia

Valorar (68)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Falo de Claudio Pérez Prieto, o fuista, o dirixente nacionalista, o activista cultural, o exiliado, o militante antifranquista, o boticario, aquel vello oso branco permanente en Fole. Si falo do “Licenciado Craudio López Prieto”, presente como adírente, protector ou anunciante en toda a prensa nacionalista do período republicano, do fillo tenro e protector, do espírito e destemido tamén da voz e do ouvido atento a todo o que significase Galiza. E hoxe traio aquí a un dos esquecidos, a un máis dos que fixeron posíbel que o nacionalismo avanzase ou retrocedese pero sempre existente, porque o nacionalismo non é ninguén somos todos e precisamos como o ar saber de nos, descubrirnos, saír da clandestinidade, recoñecernos e tamén querernos.    

E está con nos un outro estudante contra a Casa da Troia, dirixente da Asociación da Facultade de Farmacia, cocido/curtido naquela universidade que a finais da década dos 20 se revoltou contra Primo de Rivera. Canda el os seus compañeiros do directorio compostelán da FUE e para sempre ao seu lado aqueles amigos que nin o tempo nin a xeografía separaron con Fole, Seoane, Manteiga á cabeza. Corazón e cabezas novas, unha mestura explosiva que arromba con todo, xa daquela os primeiros contactos co nacionalismo, corría o ano 29 á par dos Suárez Couto, de Francisco Lanza, de López Otero organizados outra vez máis nas Irmandades, após anos de desencanto, por un viaxante da zapatería Senra, o noso Víctor Casas.    

Sempre acción, Claudín non acouga.1931, toca Pontevedra, constituír o Partido Galeguista para unificar o nacionalismo dividido desde 1923. Xeiras de axitación e propaganda, axit-prop diciamos daquela, polas vilas e parroquias do norte galego. Secretario do Partido Galeguista en Ribadeo, primeiro cunha delegación e após 1935 cun grupo xa constituído, membro do Consello executivo do PG e tamén Presidente de Honra da Irmandade Galega coa que o noso Bermúdez converteu ao Conforto da Pontenova nunha sorte de patria liberada. Presidente do veterano orfeón “Cantigas da Mariña” fundado por Suárez Couto ao inicio das Irmandades e co que seguimos en débeda polo seu papel na difusión e recuperación da musica galega, dirixente do Ateneo, entidade que non chegou a presidir por cadrar o seu nomeamento co inicio da barbarie e tamén organizador principal daqueles concerto de organillo co que se rebentaban ao son do Himno Galego e do Republicano cantos funerais e cabodanos celebraba en honra de Afonso XIII aquel cura metade místico, metade esotérico, deixémolo en Galuá.    

Non ficou parado, confrontou a sublevación desde o primeiro momento, participando na dirección da resistencia en Ribadeo até o punto de ser el quen tomou a palabra o 20 de xullo de 1936 desde o balcón da Casa do Concello instando ao pobo a repeler a toma da vila. Unha vez ocupada a porta norte de Galiza, cando a súa vida era o ben máis prezado polos falanxistas locais, agochouse no lugar duns parentes en Ove, mentres a súa casa, na que só quedaba unha nai vella, era asaltada por dúas veces. Tocaba fuxir ou morrer e fuxiu, primeiro a Portugal e desde Porto cruzou o mar para embarrancar, Porto Rico e despois Estados Unidos e así até preto de 14 anos de exilio. Anos duros para Claudín, un silencio na súa vida mesmo para os máis próximos, páxinas en branco que gardaremos coa complicidade de quen se sinte irmán e camarada.    

Máis unha vez Galiza, camiño de volta. Días en Vigo e sempre Ribadeo. Tocaba vivir e viviu conforme ao que sempre foi. Alén das hora de traballo como empregado dun laboratorio farmacéutico e despois de novo a botica, seguiu a participar e mesmo militar do nacionalismo na clandestinidade. Fixo parte do Partido Galeguista non así de Galaxia, recolleu a Antón Moreda, de quen era parente, no porto de Vigo á súa volta de América, chorou de emoción cando se volveu a izar a bandeira nacional en Ribadeo a finais dos 60 e seguiu sendo parcial, até o fanatismo, de Castelao e Víctor Casas. Negábase a recoñecer que Castelao perdera a visión ao final dos seus días, propaganda franquista pensaba, para manifestar de seguido, “Carallo se vía, vía o que lle conviña” e así seguiu a lembrar todos e cantos actos nos que tiña participado xunto ao de Rianxo en Ribadeo, A Pontenova ou Mondoñedo. Teimaba en trasladar ás novas xeración a paixón por Casas, o militante símbolo, poñendo como exemplo do que facer a aquel viaxante de comercio que aproveitaba as súas xiras por Galiza como empregado de senra para gañar persoas para a causa. Atento ao proceso de reorganización do nacionalismo, proceso co que simpatizaba polas súas posicións patrióticas e marxistas, insistía en rebaixar os ímpetos daquela primeira militancia da UPG da segunda década dos sesenta. Tanto é así que non sen inxenuidade, aconsellaba a estes a que limitasen o traballo político a concienciar e agardar polos supostos tanques de supostos países amigos que chegarían para liberar Galiza.    

Agardando morreu, o 27 de febreiro de 1977 en Ribadeo, tiña 70 anos.


[23-11-2012 22:38] A Lodeira. comentou:

Coñecin a Claudin, e a sua nai. Felicito o autor da semblanza. Tampouco hai que esquencer a seu irman conocido como Manolin de dona Eudosia, que tamen tuvo muito que ver con aquelos anos dificiles. ¿Por que non un nome de ambos irmans a una rua ribadense?.

[22-11-2012 11:23] Eoario comentou:

Coñecín a Claudíín Pérez Prieto, un dos dous fillos de dona Eudosia, muller forte e bondadosa como poucas. E teño estado na súa casa, no vello camiño cara a Vilaselán. Felicito ó autor da semblanza: fai un retrato fiel daquel home tan grande de corpo como de espíritu e dignidade. Un retrato que repara moitos anos de esquecemento e ingratitude. Claudín foi soterrado en Ribadeo, pero morreu en Lugo, no xa desaparecido sanatorio Pimentel.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal