08:51 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2012

A ORGA e a Federación Republicana Gallega: do éxito electoral ao fracaso histórico

O soño esnaquizado de Antón Vilar Ponte

Valorar (50)

MANUEL LÓPEZ FOXO



O último sol do verán entra aínda de cheo pola rúa Real e cega aos que camiñan ou pasean nesta hora da tarde en dirección ao Obelisco. No café do Cantón coruñés Antón Vilar Ponte fuma un dos seus cigarriños en alegre conversa con Ánxel Casal, que estes días anda a traballar nos obradoiros de “Nós” na impresión de Pelerinaxes de Ramón Otero Pedrayo, que seguramente sairá do prelo a fin de mes. Antón Vilar Ponte e Ánxel Casal veñen de reunirse no local da Editorial, en Linares Rivas, con Santiago Casares Quiroga. Na xuntanza participaron tamén Alfredo Somoza, Emilio González López e Arturo Taracido. Todos eles acaban de acordar a creación dunha organización política de carácter republicano e autonomista “que sin que esté con ela o nazonalismo galego sexa dirixida pol-os nazonalistas por verbo d´Antón, unha orgaizazión para traballar en Galiza e por Galiza sin agardar nin ter nada que ver con Madrí e que como non se chama nazonalista (inda que o sexa) permitirá que moitos veñan a ela traballar pol-as nosas cousas…”, como lle di a Ramón Vilar Ponte o propio Ánxel Casal nunha  carta que este lle escribe ás poucas horas de saír da reunión. É o 5 de setembro de 1929. Casares Quiroga está a vivir unha das súas maiores satisfaccións políticas: por fin conseguiu arrastrar cara á súa estratexia as figuras máis destacadas do nacionalismo galego da cidade da Coruña. E o viveirense Antón Vilar Ponte é, ademais, unha das personalidades históricas dese movemento político que xurdiu coas Irmandades da Fala. “O nome de Antón significa para min o orixe do galeguismo”, escribiu Castelao. O autor do folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional daralle a lexitimidade galeguista que lle falta ao republicanismo de Casares Quiroga. O achegamento dos nacionalistas aos republicanos de Casares Quiroga viña producíndose de feito desde había xa algún tempo. En varios traballos xornalísticos, publicados no Galicia de Valentín Paz Andrade, Antón Vilar Ponte mesmo defendera con absoluta clareza a idea de que era preciso esluír o nacionalismo nunha alternativa máis ampla. Incluso en marzo de 1927 algúns destes dirixentes nacionalistas asinan un recordo-homenaxe a “Don Alejandro Lerroux y García, ilustre caudillo del republicanismo español”. O proxecto político que vén de nacer chamarase finalmente ORGA: Organización Republicana Gallega Autónoma.      

É obvio que aínda que os irmáns Vilar Ponte e Ánxel Casal son persoas de firmes conviccións nacionalistas, esta opción que veñen de tomar deixa ao descuberto que ningún deles confía nas posibilidades de éxito do nacionalismo de concorrer este como tal ás inminentes eleccións a Cortes. De aí que lles pareza moi acertada unha plataforma autonomista e republicana como ORGA, capaz de chegar socialmente a onde de seguro non o podería conseguir unha organización de carácter abertamente nacionalista. Realmente están moi ilusionados co novo proxecto, que, por outra parte, tal como acordaron, poñerase en marcha baixo a dirección dos nacionalistas. Por suposto, a participación dos militantes da Irmandade da Coruña na fundación de ORGA senta moi mal aos outros irmáns nacionalistas. O camiño que agora viña de coller o círculo galeguista coruñés con Antón Vilar Ponte ao fronte cae como unha xarra de auga fría nos restantes grupos nacionalistas que nese momento existen no país. Onde os irmáns Vilar Ponte, Ánxel Casal, Lugrís Freire, Víctor Casas ou Ramón Suárez Picallo ven unha oportunidade para mellor defender os ideais do nacionalismo, Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo ou Vicente Risco ven unha renuncia clara a construír a organización política nacionalista que o país precisa. Certamente, están doídos, mais nin se suman á aventura de ORGA nin se quedan de brazos cruzados, e póñense moi axiña a traballar na reorganización do nacionalismo, un proceso que desemboca finalmente na asemblea que ten lugar en Pontevedra o 5 e 6 de decembro de 1931, na que nace o Partido Galeguista.      

Casares Quiroga, que é un político moi intelixente, e astuto, unha vez creada ORGA, pensa en como pode dotar dunha base social moito máis ampla o republicanismo que el encabeza en Galiza. E é entón cando promove o Pacto de Lestrove, do que nace a Federación Republicana Gallega, na que se integran outras dúas organizacións republicanas, o Partido Radical e o Partido Republicano Radical Socialista, acordando tamén nesa xuntanza clandestina que ten lugar no pazo no que vivira e morrera don Xosé de la Hermida que sexa Santiago Casares Quiroga o que represente a todo o republicanismo galego no que posteriormente se coñecerá como Pacto de San Sebastián. Pouco despois, en xuño de 1931, celébranse as eleccións a Cortes Constituíntes. As candidaturas da FRG acadan un claro triunfo. É a forza vencedora en Galiza, con 15 escanos no conxunto do país. Entre os deputados electos figuran Antón Vilar Ponte e Ramón Suárez Picallo. O nacionalismo na Coruña case desaparece e só en Ourense e Pontevedra logran que o nacionalismo galego quede representado nas Cortes. Unicamente Castelao e Ramón Otero Pedrayo acadan acta de deputado, o primeiro polo Partido Galeguista de Pontevedra e o segundo polo Partido Nazonalista Repubricán de Ourense. 2 deputados das candidaturas galeguistas fronte aos 15 deputados que obtén a Federación Republicana Gallega que lideran Casares Quiroga e Antón Vilar Ponte. Está claro que a estratexia destes dous políticos resultou ser un gran acerto desde o punto de vista social e electoral. Queda agora por ver o que este triunfo en votos vai significar para o noso país. Castelao e Otero, non obstante, non se senten derrotados. De todo ese grupo de deputados galegos, eles dous son os únicos que se presentaron ás eleccións como galeguistas, e aquelo para Castelao ten moita importancia. “Non desazoes, Ramón, nós somos os únicos: os demais veñen mesturados”, dille Castelao a Otero naquela primeira viaxe en tren a Madrid.      

As diferenzas entre os casaristas e os nacionalistas afloran de inmediato con forza e as decepcións para os nacionalistas que forman parte de ORGA-FRG non tardan en chegar. Víctor Casas retoma moi pronto a opción do nacionalismo e é un dos que participa xa na fundación do Partido Galeguista. O mesmo fará don Manuel Lugrís Freire, que incluso se encarga de redactar os estatutos da nova organización. Outro dos primeiros en abandonar o proxecto político de Casares Quiroga e en integrarse no PG será o editor Ánxel Casal, que fora un dos máis afervoados impulsores de ORGA. O seguinte persoeiro que se dá de baixa nas filas do republicanismo autonomista é Ramón Vilar Ponte, que se afilia en 1932 ao Partido Galeguista de Viveiro. Pola súa parte, Ramón Suárez Picallo, aínda pertencendo á minoría parlamentaria que en Madrid lidera Casares Quiroga, ponse tamén ao servizo do PG desde decembro de 1931. As razóns destes abandonos teñen a súa raíz na profunda decepción que o político republicano coruñés lles está a producir día a día, cada vez máis alonxado dos compromisos que no seu momento adquirira cos nacionalistas para a defensa da autonomía de Galiza e a cada paso tamén máis instalado na política ao servizo de España. O home que no Pacto de San Sebastián dixera aquilo de que “para Galiza os mesmos dereitos que lle fosen outorgados a Cataluña”, logo esqueceuse das súas propias palabras. Castelao, no Sempre en Galiza, será moi claro: “o noso ministro esqueceu os acordos de Lestrove e non fixo honor ás verbas que pronunciara na xuntanza de San Sebastián. Abondará lembrar que ningún dos moitos decretos do Goberno provisional da República -outorgados nos primeiros meses a favor de Cataluña- tivo estensión a Galiza. E se non fose polo medo a parecer teimoso aínda demostraría que o noso ministro foi o pior nemigo que tivemos n-aquel Goberno”.      

De nada lle serviu ao noso país a forza electoral de ORGA-FRG, a súa importante presenza nas Cortes Constituíntes e a súa influencia na política española a través da figura de Casares Quiroga. Foi a ilusión e a frustración de Antón Vilar Ponte. Foi tamén para o país unha frustración histórica máis. Haberá que agardar a que o Partido Galeguista se reorganice de novo despois da derrota de 1933 -na que perden as actas Castelao e os outros deputados nacionalistas- e desde a súa condición de forza minoritaria impulse a  aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza en 1936, do que o PG foi o verdadeiro motor. Para ese labor, esta vez si, Antón Vilar Ponte xa estaba de novo nas filas do nacionalismo, dentro do Partido Galeguista, tras romper a súa relación con Santiago Casares Quiroga en 1934. Ben é verdade que Antón, Otero e Castelao nunca deixaron de tratarse como irmáns. O regreso de Antón Vilar Ponte ás filas do nacionalismo foi correspondido coa máis viva emoción e coa aperta máis fraternal por todos cantos militaban no Partido Galeguista. A Ánxel Casal facheoulle o sol na cara ao coñecer a noticia por Paco del Riego unha fría mañá de marzo nos soportais da rúa do Vilar. Castelao celebrou o seu retorno con palabras que só poden nacer dun corazón que non cabe no peito: “Volve dunha longa e arriscada aventura polo deserto, e volve san e limpo. Deixádeme que o reciban os meus brazos de irmán vello”.


[22-11-2012 11:43] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Parabéns polo texto, Manuel. Os teus artigos non deixan ninguén na indiferenza, mais antes serven para nos abriren os ollos, para nos ilustraren e, neste caso, para aprendermos do pasado. Os pobos que non coñecen a súa historia están condeandos a repetírena e vemos como agora algunhas persoas, imitando así os roedores de Hameln e guiadas pola frauta máxica dun vello druída de recoñecida obsolescencia, voltan a pór os pés nos esvaradíos “pasás” dun proxecto españolista que só tenta laminar a estratexia xeral e plural de construción nacional en que nos achamos.
Benvindas sexan as palabras que, como as túas, poñen en evidencia o perpasado músico. Oxalá que os bos e xenerosos desa aventura, que os hai, sexan capaces de recapacitaren, como Vilar Ponte. Mais oxalá tamén que os roedores fiquen no seu verdadeiro sitio, que non é outro que o mundo da auga fétida e de pensamentos fecais.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña