16:14 Xoves, 05 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-11-2012

Desde hai aproximadamente uns 30 anos, a gaita galega comezou a experimentar unha incríbel evolución sen renunciar á súa tímbrica, morfoloxía e características ornamentais distintivas

O Obradoiro de Gaitas Seivane: onde o buxo se converte na alma musical da Galiza

Valorar (25)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Desde hai aproximadamente uns 30 anos, a gaita galega comezou a experimentar unha incríbel evolución sen renunciar á súa tímbrica, morfoloxía e características ornamentais distintivas. Isto faina poder formar parte de calquera tipo de conxunto musical: banda de rock, cuarteto tradicional, dúo de gaita e piano, grupo folque, orquestra sinfónica etc. Era impensábel hai tres décadas pensar na grande expansión e recuperación que ía ter o noso instrumento máis representativo, o cal estivo vinculado secularmente á música tradicional e á interpretación dun repertorio máis ou menos clásico, só alterado nos primordios do século XX coa chegada de pasodobres, rumbas, polcas e outros xéneros polo estilo. É ben certo que, nesta marabillosa transformación, grupos como Milladoiro contribuíron de xeito decisivo para que a gaita soase con acordeóns, frautas, sintetizadores ou en orquestras, mais é tamén verdade que os artesáns desenvolveron igualmente un papel de primeira orde nesa óptima evolución. Precisamente, un dos obradoiros que máis ten coadxuvado na mellora e na constante investigación sobre as cornamusas galegas é o pertencente á familia Seivane, nun principio asentado en 1939 na Ribeira de Piquín, na fermosa montaña lucense, e hoxe en día instalado en Cecebre, no concello coruñés de Cambre.      

Non é exaxerada a afirmación de que a gaita galega non sería o mesmo sen o Obradoiro de Gaitas Seivane, tanto pola súa enorme contribución á expansión do instrumento canto pola escola que ten xerado. Aínda que non hai datos totalmente precisos, calcúlase que máis de 80% das gaitas galegas que hai no mundo foron construídas por esta familia ou foron baseadas directa o indirectamente nos seus modelos e nas súas tímbricas. Neste sentido, Pablo Carpintero, na obra Os instrumentos musicais na tradición galega (2009), pondera tamén a proxección do obradoiro ao servir como referente para outros moitos artesáns: hoxe en día hai excelentes profesionais que desenvolven o seu labor en diversas partes da Galiza, mais unha grande parte tivo e ten a marca Seivane como modelo, quer para se “inspirar”, quer para aprender e tomar boa nota dunha dedicación á gaita que leva máis de 60 anos convertendo a cana, a madeira e o coiro (hoxe en día gore-tex) na alma musical da nosa nación, parafraseando as palabras do escritor portugués Hugo Rocha no seu libro Itinerário na Galiza (1946).      

Podo presumir de me considerar amigo da familia, nomeadamente dos irmáns Álvaro e Xosé Manuel. Non tiven o pracer de tratar moito o patriarca, Xosé Seivane Rivas, mais nas ocasións en que puiden conversar con el sempre me pareceu unha persoa incribelmente intuitiva e dotada dunhas habilidades asaz infrecuentes para o traballo que levaba a cabo, que foi construír gaitas dunha calidade excepcional en momentos complicados para a sobrevivencia da nosa cultura. Cando o obradoiro estaba na Ribeira, nunha época en que as comunicacións terrestres eran máis cativas que agora, acudían gaiteiros e gaiteiras de todo o país para, case como nunha viaxe iniciática, encarregaren o seu instrumento ou iren por el cando xa estaba pronto; isto fixo que unha notoria cantidade de relatos e de anedotas acompañasen a historia gaiteiril da familia Seivane: músicos que demoraban horas en chegaren ao lugar, gaiteiros que se perdían pola serras orientais e que aparecián na Rúa de Petín, excursións de grupos de gaitas que acudían á Ribeira para botaren alá o día enteiro etc. Tamén a Cecebre se dirixen agora centos de encargas que ansían adquirir unha gaita feita alí ou repararen diversos pormenores do instrumento, como algún soprete infiel, unha palleta revirada en exceso, un vestido do fol que se fixo vello de tanto uso, algún pallón Seipal que precisa dun pequeno axuste, algunha embocadura malvada etc.; e nesta nova época, non se poden deixar de lado as avantaxes da sociedade da información, que, mediante a Internet, o correo electrónico e outras axudas informáticas, fan posíbel que o contacto entre o obradoiro e os gaiteiros e as gaiteiras se realice de forma case instantánea.      

Hai unhas semanas estivemos nas instalacións un sábado de mañá. Nesa visita cumpriuse un desexo moi ansiado, que era acompañarmos o proceso de construción dunha gaita desde que a madeira chega aos locais até que é probada nas propias dependencias. Centrándose no buxo, Xosé Manuel fixo de excelso anfitrión e foi comentando devagariño como se corta a madeira, en que condicións ten de secar, cantos anos debe apousar á espera de ser destinada á construción dun instrumento, como se deben furar os diferentes tacos que logo darán orixe aos bordóns e ao punteiro, que tempo e cantas probas hai que agardar entre o momento en que un punteiro está case preparado até se entregar etc. A primeira parte da visita terminou na coñecida como “Sala de Afinación”, un local cheo de instrumentos, sopretes, farrapos, pallóns, palletas, punteiros etc., onde cada gaita descansa varias semanas e onde son testadas para estaren en perfectas condicións no momento da súa entrega. A segunda parte do itinerario concluíu no pequeno mais extraordinario museo de gaitas que está no primeiro andar. Alí, xunto a requintas e frautas, e a carón dunha zanfona e dun violino construídos por Xosé Seivane, están expostas gaitas doutras épocas, antigas e modernas, ben como diversos modelos de cornamusas galegas feitas polo patriarca ou polos seus fillos Álvaro e Xosé Manuel. En definitivo, toda unha viaxe que, en pouco máis de media hora, foi capaz de sintetizar as seculares artes da construción da gaita, que parten do instante en que se corta a madeira nas ancestrais fragas da Galiza, até que dá forma ao instrumento máis emblemático do noso país.      

Varias características definen con clareza o artesanato do Obradoiro Seivane. Un dos trazos máis identificativos é que os seus membros se ocupan de todo o proceso de elaboración, desde a adquisición e tratamento da madeira até á elaboración das anelas  ou inclusive a manufactura de palletas: cada “filla” que sae de Cecebre foi minuciosamente controlada desde os momentos iniciais até cando principia a producir as súas primeiras melodías. Un outro elemento distintivo é un extraordinario coidado tanto dos trazos máis relevantes canto dos pormenores minúsculos, pois a unha afinación e a unha tímbrica nitidamente identificábeis, admiradas, imitadas e respectadas en todo o mundo, únese unha preocupación e unha profesionalidade dignas de nota: a perfección no torneado da madeira, a atención demorada ao proceso de vernizado, a preocupación individualizada para que a lonxitude do soprete sexa a adecuada a cada gaiteira ou gaiteiro, a elegante confección do vestido do fol, o constante traballo de investigación etc.      

Porén, nunha época de crise dos valores nacionais do pobo galego (a cultura, a lingua e, obviamente, a música), o selo Seivane tamén é sinónimo da galeguidade e da dignidade do instrumento. Lonxe de loucuras colectivas como as levadas a cabo pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e as súas miserábeis fotocopias pagadas fraudulentamente con diñeiros públicos, a coherencia e a manutención dos valores tradicionais da música galega (sen por iso renunciar ás múltiplas posibilidades harmónicas e melódicas da nosa cornamusa) son outros dos alicerces do Obradoiro Seivane: gaitas en moitas tonalidades, quer de catro elementos sonoros (as máis complexas) quer só de dous (as máis sinxelas e máis parecidas aos modelos antigos), feitas de buxo (a madeira tradicional para a súa construción) ou construídas de granadillo ou cocobolo, adornadas con anelas de prata ou ornamentadas con aros de madeira, con vestido para o fol feito de veludo ou de tecido brocado etc., todas e cada unha delas son capaces de transmitiren as esencias morfolóxicas e acústico-tímbricas da gaita galega, herdada de xeracións en xeracións polo menos desde a Alta Idade Media, cando algún canteiro anónimo a representou no famoso capitel de Melide aló no século XI.      

Persoalmente, non hesito en que non hai gaiteiro ou gaiteira que se precie que non coñeza o traballo que se desenvolve no Obradoiro Seivane. E tampouco me non cabe dúbida de que se o famoso gaiteiro de Penalta, inmortalizado por Curros Enríquez e mestre de Faustino Santalices, vivise hoxe en día, interpretaría as súas antigas melodías cunha gaita construída artesanalmente por Álvaro e Xosé Manuel, como tamén o faría Avelino Cachafeiro, responsábel da coñecida “Muiñeira de Chantada”. Parabéns, por tanto, para estes dous luthiers e tamén para as outras persoas que traballan actualmente en Cecebre na mellora, dignificación e proxección internacional da gaita galega, o noso instrumento nacional.


[06-04-2016 22:47] Xosé Manuel García Paz comentou:

Lendo este artigo vése a tremenda admiración que sentes pola familia e polo Obradoiro Seivane. Mais, na miña humilde opinión, acho que caes un pouco na idolatría... ou dá esa impresión. Nada do que contas é mentira, pero tamén hai máis artesáns que están contribuíndo ó desenvolvemento vital da gaita, da requinta e de outros instrumentos tradicionais, nun grao únicamente incomparable se atendemos ó volume absoluto de ventas. Por exemplo, artesáns coma Oli ou Roi Quián estánse gañando a pulso a fama de seren os mellores artesáns de requintas. E se falamos de gaitas, todo o que relatas de Seivane tamén o fai Afonso Castro no Rosal ou, outra vez, Oli Xiráldez. E hai outro factor que estás obviando: nestas décadas que van xa de existencia da escola de Corral na EMAO de Vigo, cántos discípulos se formaron?. E xa non falo do propio Antón.
O nobre e admirado oficio de artesán de gaitas non corre ningún perigo, non hai máis que ver cántos aparecen rexistrados na web a Asociación de Gaiteiros Galegos. Precisamente, quizáis o maior perigo sexa esa abundancia, xa se verá co tempo.
Dende o traballo de Seivane e Corral nos 70, as melloras nas cualidades sonoras da gaita foron tremendas, pero tiveron quizais unha contrapartida: danaron gravemente a grande variedade existente entre as gaitas de case cada comarca galega, pois en tempos, aquí tocábase en aberto e alá en pechado, ou aquí era típica a tonalidade de Do brillante, mentras que alá predominaba o Si. Detalles coma éses e moitos máis eran posibles "grazas" ás malas comunicacións, a que prácticamente cada artesán tivese o seu método e os seus gustos. A uniformización actual acabou con todo iso, e cántas desas gaitas se perderían para sempre?. Ligando con outro artigo que escribiches neste Terra e Tempo, eses tesouros do noso patrimonio debían ser preservados e divulgados polas institucións, pois precisamente esa grande variedade xa constitúe outra riqueza máis en sí mesma.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña