13:30 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-11-2012

O pobo galego pode e debe valerse por si mesmo. E iso chámase tamén autoorganización nacional

Domestícate, hom, e verás que vida máis regalada!

Valorar (68)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ



Adóitanse limitar –coido eu, erroneamente- as análises electorais a unha relación máis ou menos avaliada das actuacións acertadas ou incorrectas executadas por unha formación política sobretodo na campaña electoral, fundamentadas no resultado –positivo ou negativo- desa mesma alternativa política neses comicios. Derívase deste método analítico a plena responsabilidade dos resultados en función case exclusiva da actuación desa formación, esquecendo a existencia doutros actores no panorama político-electoral, ou do contexto xeral no que se libra ese combate.           

Ao meu ver, no caso galego e, especificamente, no relativo a unha alternativa nacionalista como é a do BNG, á que lle toca operar no delicado contexto dun pobo historicamente colonizado, con poderosos resortes dirixidos á negación de si mesmo, á súa autoanulación, convén ter presentes os seguintes aspectos:    

1.- O contexto xeral. Crise do sistema capitalista e (a el vinculado) crise do Estado español    

Que o Estado español, ou se preferir, o réxime político constitucional vigorante dende 1978, que fundamenta a existencia desa estrutura xurídico-política e administrativa está en crise, é unha evidencia. Por certo, non pola actuación da esquerda española –política e sindical-, senón pola tensión vinculada aos problemas nacionais non resoltos. No actual momento histórico, nomeadamente, Catalunya. Previsibelmente a curto prazo, Euskal Herria.    

Existe auténtico pavor, no núcleo duro do poder económico,  político e mediático do Estado español, ás mal chamadas “tensións territoriais”. Dálles medo o que está a acontecer en Catalunya, cun pobo que é quen de marcar unha dinámica democrática que pon en cuestión a “intocábel” estrutura unitaria do mesmo Estado. Cáusalles arrepío, sumado ao “problema catalán”, o que pode acontecer en Euskal Herria, cunha maioría abertzale no Parlamento da CAV, e sen unha ETA que poida ser utilizada como coartada para negar dereitos nacionais. O problema, daquela, está situado en parámetros inequivocamente democráticos, o que funde o vello e falaz argumento da metrópole, segundo o cal, sen violencia, e con diálogo, se pode falar absolutamente de todo. Obviamente non é certo.    

E que pasa con Galiza? Neste vello e maltratado pobo, con máis necesidade de liberdade, mais lamentabelmente con menos instrumentos de autodefensa que as outras dúas nacións, cumpría eliminar a alternativa política que supón o maior risco para o Estado: o BNG. Fagámonos a pregunta inxenua e atrevida –aínda que nunca obteremos dela resposta cabal- do que acontecería no caso de que a organización nacionalista non só non sufrira procesos de ruptura, senón que durante os dous últimos anos se evitasen episodios públicos de discordia, disensión e discrepancia. E máis aínda: que todas e todos cantos conformaban o BNG vogaran co mesmo rumo, construíndo, persuadindo, convencendo, organizando, mobilizando. Nun marco de evidente desgaste do PSOE e da súa sucursal na Galiza. Que podería pasar? Nunca o saberemos. Mais o que si intuímos é que o “Poder”, no contexto estatal antes descrito, non estaría disposto a aturar un terceiro problema serio, esta vez  na Galiza e, por certo, cun nacionalismo, como o do BNG, non comparábel ao dunha CiU morna, amansábel, europeísta e comprometida co capitalismo.    

2.- O ataque contra o BNG             

O pobo galego, a diferenza do vasco ou do catalán, non posúe resortes mínimos para se poder valer en caso de combate aberto. Como din na FPLP, é difícil competir con pedras contra os tanques israelís. O nacionalismo presentouse á batalla con moita dignidade, e con enorme vontade militante, mais o inimigo posuía armamento mediático e ideolóxico moi poderoso, e unha estratexia militar fundamentada na división, na confusión, na homologación (até con xuízas actuando como monicreques do PP) e até na contraespionaxe.             

E así xogaron con nós. Tomahawks contra palabras. Televisións contra volantinas. Utilización vergoñenta de antigos referentes nacionalistas coaligados cunha esquerda española que, non o esquezamos, é e sempre foi garante da unidade territorial. “Más vale una España roja que rota”. Todo no nome da indisolúbel unidade da patria española. E se a isto se lle soma un atractivo e sofisticado adobío de radicalidade verbal máis estética que real, agregada a unha evidente bipolarización do debate político, o resultado pode ser, como foi, do agrado do sistema. Galiza non pode ser un problema para España, como diría o noso ínclito Presidente da Xunta.             

Non nos enganemos. Tras da alternativa sinalada non hai radicalidade: só domesticación. Non hai rupturismo, senón asimilación española. Non hai dignidade nacional, senón claudicación histórica. Non foi unha aposta pola esquerda “plural” e “solidaria”, senón un intento de linchamento do nacionalismo galego de base popular en toda regra.    

3.- Loitar polo futuro           

Á marxe das imprescindíbeis medidas correctoras que cumpre adoptar no BNG, é tamén preciso aprender a lección. E pór en valor o imenso valor do nacionalismo galego, máis aínda nuns tempos nos que o poder económico e político mostra a súa face máis cruel e devastadora coa nosa nación. O pobo galego pode e debe valerse por si mesmo. E iso chámase tamén autoorganización nacional. A que sempre practicamos e defendimos. Ou é que alguén, cun mínimo de rigorosidade analítica e de coherencia política pode soster que a contradición nacionalismo/españolismo está superada nos tempos que corren? É posíbel acaso a construción do Socialismo, ou a xustiza social, nunha nación oprimida, agrilloada e colonizada?             

Calquera mellora construtiva no BNG deber ser benvida. Mais sempre fundamentando o seu valor no nacionalismo, na autoorganización política e popular, no combate sen complexos contra os poderosos, a pé de rúa, de tractor, de barco, de fábrica ou de liceo. E outra cousa tamén moi importante. O orgullo. De sermos nós. Do papel histórico que temos que cumprir. O orgullo de sermos do Bloque. O orgullo de sermos nacionalistas galegas e galegos consecuentes. Non queremos unha vida regalada. Non nacemos para ser cans.


1 2 3 seguinte

[19-11-2012 13:24] Eatoda comentou:

Por fin vexo xente que fala con sentido común e dicindo a verdade. Deixemos de chorar polos que marchan, de autoflaxelarnos polos resultados...no BNG hai proxecto, hai organización, hai xente patriota...que non falte a moral. O que non conseguiron os nosos inimigos non llo regalemos nós.

[17-11-2012 20:17] Pepa A Loba comentou:

Vexo á parroquia bloqueira alporizada polo éxito eleitoral do "Cayo-Beiras". Deixádeo estar fóra, noutra compaña, que non o precisamos. Para quen teña boa memoria: alá polo 2001, se non lembro mal, na noite eleitoral na que o PP voltou ter maioría fraguiana, o Beiras -eu estaba a pouco máis dun metro de el- arremeteu contra a xente, contra o pobo galego, afeándolle o comportamento eleitoral... só lle faltou dicir "fodédevos". Non son dos que fan politica de terra queimada, e Beiras será sempre na nosa historia alguén a reinvidicar porque non se pode xulgar a alguén só por erros que poda cometer, mais por toda a súa traxectoria, e o XM penso que ten un saldo moi positivo. Maistal -e as veces, cómpre decilo, moi útil para o colectivo- que decidiu retirar o chapeu da súa indumentariahabitual cando unha morea de "mitómanos irmandiños", corifeos desafinados, comezaron a acompañalo nos actos públicos cubertos por elegantes borcelinos. sempre el na súa dialectica persoal-colectiva, onde os seus ego-retos e ego-anceios non sempre lle permiten unha posición política coherente. Mais, coñecedes a alguén máis hábil que o Beiras en "reescreber" a historia e, cal envolvedorio pegañento, argumentar en chave histórica as súas decisións políticas, por moi erradas que señan?.

O seu ego é tal -e as veces, cómpre decilo, moi útil para o colectivo-, que abandonou o uso do chapeu na súa indumentaria habitual cando o grupo de "mitómanos irmandiños" que o acompañaban nos actos públicos, decidiron coronar as súas ideas de elegantes borsalinos. Até aí chega o senso da súa exclusividade. Non me pode resistir a comentar como algún destes elegantes, nun raptus kafkiano, mudou a estética de foular e chapeu, á de "ranger" con camiseta con lenda en inh'lés e pucha de "comando". Vai de "identitarismo". Os Irmandiños xa prometían cando tanta teima tiñan polo envoltorio.

Mais non quero caer en anécdotas, por moi significativas que señan. Eu xa fixen opinión na "cadro azul do T&T" de que o resultado das elecións non foran bos para o PP, nin debuxan un mal panorama para a Nazón. Agora ben, se o BNG quere seguir a lideran as loitas pola soberanía nacional e contra este modelo económico terá que entender o que "o pobo ordea".

[17-11-2012 16:37] Xosé Antón comentou:

Eu apúntome ao ORGULLO de ser do BNG. Ánimo e traballo, compañeiros/as !!, os maiores ÉXITOS están por chegar !!

[17-11-2012 12:53] Luis Sande comentou:

Parabéns polo texto. Precisamos claridade de ideas e transmitir a nosa ideoloxía sen complexos, non temos que recuar senón teimar en ir cara diante.
Daremos a batalla coas ferramentas que temos, mellor iso que collelas prestadas a quen nos quere facer desaparecer.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña