04:52 Luns, 04 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-11-2012

“Mohamed xacía alí, deitado, cortado pola metade. Ahmed estaba en tres cachos; Wahid estaba totalmente abrasado, faltábanlle os ollos...

Drones, os robots asasinos (2): os ollos do grande irmán

Valorar (18)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


Drones


Rodeado da familia, Mounir Al-Jarah dispúñase a tomar o té no pequeno patio da súa casa cando ouviu o habitual zunido dun drone. Eran os últimos días da guerra de Gaza e a poboación da cidade, moi ao seu pesar, vivía afeita ao estrondo da batalla. Mounir entrou na vivenda por un momento e cando quixo regresar divisou no ceo unha bóla de lume abalanzándose cara el. A explosión foi metálica, instantánea, implacábel. Mounir caeu de costas e, polo que despois viu, máis lle valera non terse erguido xamais.     
“Mohamed xacía alí, deitado, cortado pola metade. Ahmed estaba en tres cachos; Wahid estaba totalmente abrasado, faltábanlle os ollos. O pai de Wahid estaba morto. Nour estaba decapitada e non fomos quen de atopar a súa cabeza por ningures. Un día despois aínda atopabamos partes dos corpos no tellado, pés e mans”. O drone israelí, un IAI Heron ou un Eitan, regresaba á súa base despois de ter ceibado un mísil Nimrod -un arma antitanque- sobre a familia palestina. Misión cumprida.  

O Masacre de Gaza, desenvolvido entre o 27 de decembro de 2008 e o 18 de xaneiro de 2009, é máis coñecido en occidente polo nome deseñado polos seus perpetradores: a Operación Chumbo Fundido. O primeiro golpe, inocentemente inesperado e brutal, foi o bombardeo da cerimonia de gradación dunha promoción da policía palestina a cargo da aviación israelí. Salvo contadas excepcións, este ataque tivo pouco relevo na prensa. Foi un episodio máis entre aquela orxía de morte e destrución.   

Porén, un certo rebumbio internacional ergueuse naquela altura encol dunha cuestión de interese para o código ético militar global: en contra dos tratados internacionais, poden ser nalgún caso as forzas policiais inimigas un obxectivo lexítimo en caso de guerra? Cunha prosa clara e precisa, case de agradecer pola súa descarnada transparencia, un portavoz xurídico-militar israelí sacou ao mundo de dúbidas.  

“Se fas algo por un período de tempo suficientemente longo, o mundo acabará aceptándoo. Nós inventamos a tese dos asasinatos (sic) selectivos e tivemos que darlle pulo”, afirma Daniel Reisner, ex-xefe dos servizos xurídicos do exercito do estado hebreo. “Tivemos problemas (…) pero oito anos máis tarde os asasinatos selectivos están claramente dentro dos límites da legalidade (internacional)”. Como guinda para o pastel, Reisner lanza a última bomba no medio da sala de prensa: “a lei internacional progresa a través das violacións”.  

Gaza é un inmenso campo de concentración onde sobreviven un millón setecentos mil seres humanos. En Gaza decenas de drones espreitan desde o ceo, e monitorizan até os máis pequenos detalles da vida cotiá. Non hai asasinatos sen un preciso labor de vixilancia previa: cunha mecánica orwelliana, un millón setecentos mil habitantes están suxeitos a seren observados, medidos, cuantificados e, se for o caso, sacrificados cun lene e preciso toque de joystick.  

Gaza é hoxe a granxa experimental do que mañá pode ser calquera parte da humanidade. O modelo Gaza, baseado na retirada militar e no posterior control das poboacións a base de drone, replícase aquí e alá. Un escenario semellante ao da franxa é o elixido polos EEUU no Iraq e no Afganistán posbélicos: os soldados marchan, os drones e os mercenarios quedan para manter a orde imperial, apoiados nunha tecnoloxía de trazos futuristas.  

Sesenta e dúas bases de manexo e pilotaxe de drones, tanto dentro como fóra dos EEUU, compoñen hoxe unha tupida rede planetaria que medra exponencialmente. A parte do león deste despregue tecnolóxico militar constitúena as operacións de vixilancia e intelixencia, sempre previas ao golpe final.  

A base de Langley, en Virginia, especialízase en interceptación de teléfonos móbiles, en fotografía a grande altitude e na revisión dos miles de horas de vídeo gravadas por drones noutros puntos do planeta. Desde a base de Beale, en California, manéxase o carísimo Global HawkFalcón Global, 218 millóns de dólares a peza-, fabricado polo xigante Northrop Grumman, que tivo unha destacada participación na guerra de Libia. O Global Hawk é un drone especialmente concibido para vixilancia e recoñecemento, cuxas fantásticas prestacións inclúen a capacidade de proporcionar detallada información diaria sobre unha área de territorio equivalente en superficie á de Portugal.    

Na base de Fort Benning, en Georgia, próbanse sistemas de drones completamente robotizados que, dotados de sistemas de recoñecemento facial, serán capaces de “localizar, identificar e matar ao inimigo en base a cálculos feitos por software”, sen intervención humana.  

Entre George Orwell e James Bond sitúanse as últimas realidades en micro ou nano vehículos aéreos non tripulados, cuxa eficacia real preséntase como unha incógnita inquietante. Na base aérea Wright-Patterson, en Ohio, trabállase con microdrones con forma de pequenos paxaros ou insectos grandes. AeroVironment, empresa dedicada á construción de varios drones lixeiros xa probados no campo de batalla, presentou hai un ano o Nano Hummingbird (‘colibrí’), un nanodrone cuantiosamente subvencionado polo Departamento de Defensa estadounidense.  

O Hummingbird está concibido para pousarse no peitoril da xanela ou nunha liña eléctrica e dar conta do que sucede ao redor. Tamén pode operar en interiores entrando sinxelamente pola porta. O Departamento de Defensa agarda que estas unidades sexan pronto capaces de “atopar, seguir e poñer no punto de mira a adversarios que operan en contextos urbanos complexos”. Un proxecto similar é o que desenvolven militares israelís para operar especificamente contra a poboación palestina.  

Contan as crónicas que Ahmed, fillo do mecánico Nabil Al-Amassi, é un rapaciño furafollas de tres anos que vive nunha rúa de Gaza moi batida polos drones. Cando Ahmed escoita o zunido, case sempre aló pola tardiña, colle medo e vense aconchegar no colo de seu pai. Mentres Ahmed treme, Nabil trata de tranquilizalo tratando de convencelo de que os estoupidos “son fogos artificiais”. Esta historia de Gaza parece sacada do filme A vida é bela, mais cos protagonistas cambiados e os nazis operando a través de pantallas.   

Cunha tecnoloxía desbordada até o grotesco e unha absoluta falta de escrúpulos para utilizala, cunha legalidade internacional vencida a base de violacións e un poder militar obsceno, descoñecido até agora na historia da humanidade, semella que pouca esperanza lle resta a millóns de nenos e nenas como Ahmed. Porén algo comeza a moverse, tamén en occidente, sustentado na extraordinaria capacidade humana de dicir non. Falaremos dentro dun mes da oposición organizada ao uso militar dos drones, que como un refacho de ar fresco érguese neste lado do mundo en contra do imperio e os seus métodos criminais. Porque aínda, a pesar de todo, seguimos estando vivos.  

NOTAS

1. Moitos dos datos fornecidos no artigo proveñen do libro Terminator Planet,: The First History of Drone Warfare, 2001-2050 (Dispatch Books, 2012), escrito polos xornalistas estadounidenses Nick Turse e Tom Engelhardt. Turse e Englehardt xestionan a páxina web TomDispatch.com, “un antídoto regular contra os medios de comunicación dominantes”.
2.
Sobre os asasinatos de persoas por drones durante o Masacre de Gaza a organización Human Rights Watch emitiu un informe detallado que levaba por título Precisamente errados. Como dato curioso, naquela altura de 2009 parte do informe dedicábase a explicar o que é un drone.
3.
Fotos e máis fotos daquel 27 de decembro en Gaza. Arrepiante.        


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña