09:33 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-04-2010

A querela contra Garzón que se dirime no Tribunal Supremo é unha fronte máis da batalla ente PSOE e PP por controlar a xustiza española

Daquela poeira esta lameira

Valorar (23)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Baltasar Garzón


Se fixéramos unha enquisa para saber cantos galegos e galegas están en contra do Franquismo, con toda seguridade obteríamos un resultado practicamente unánime de condena. Se preguntáramos á xente se hai que perseguir aos criminais da ditadura Franquista, tamén, con toda seguridade, a meirande parte da xente estaría de acordo en levar perante a xustiza aos criminais que en 1936 se "alzaron" contra a legalidade vixente, impoñendo unha ditadura de represión e brutalidade durante máis de 40 anos. Para rematar coa nosa enquisa: se preguntáramos se cre na xustiza e no estado de dereito, o resultado do inquérito sería abrumadoramente positivo.

Estas respostas que calquera persoa daría case sen pensar, no Estado Español  son, sen embargo, dunha difícil conciliación, porque choca de fronte coa -disque-  "exemplar" transición democrática do Estado, que impide, por exemplo, levar perante a xustiza aos asasinos de Alexandre Bóveda ou Moncho Reboiras, e aos verdugos fascistas de miles de galegos e galegas, porque así o indica o ordenamento xurídico de que se dotou o Estado Español, logo da ditadura de Franco. 

Por unha banda, a Lei 46/1977, de 15 de outubro, ou Lei de Amnistía, puxo á mesma altura a vítimas e verdugos, -a todas luces unha barbaridade-, e por outra, a Constitución de 1978 no seu artigo 25, que impide que ninguén poida ser "condenado ou sancionado por accións ou omisións que no momento de producírense non constitúan delito, falta ou infracción administrativa, segundo a lexislación vixente no momento". Estas dúas leis, vixente a primeira, e non modificada a segunda, son as que impiden que calquera xuíz poida sentar no banco dos acusados aos altos cargos do Franquismo, entre eles un ex-Presidente da Xunta de Galiza, responsábeis da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas.

Polo tanto, se non hai os cambios lexislativos pertinentes, a reparación penal aos represaliados é imposíbel co actual ordenamento xurídico, e eses cambios só os pode facer o parlamento, é dicir, os partidos políticos. Sen embargo, durante a transición "exemplar", sen vencedores nin vencidos, os políticos daquela, na súa meirande parte altos cargos do Franquismo, optaron, como dixo Il Gattopardo, facer algúns cambios para que todo siga igual, e hoxe, os herdeiros daqueles, que militan nos dous grandes partidos estatais, seguen presos do espírito da transición, que, ante a presión social que clama xustiza só é capaz de sacar adiante a Lei de Memoria Histórica, que, aínda que un grande paso, que custou 30 anos en dar, só serve de reparación moral dos represaliados pero, como dixen antes, non serve para a súa reparación penal.

"Daquela poeira esta lameira". Este dito popular reflicte á perfección o status xurídico, e tamén político, do Estado Español 35 anos após a Ditadura, o que é caldo de cultivo ideal para oportunistas, demagogos e hipócritas que tentan sacar proveito persoal, económico e tamén político, de miles de persoas  que reclaman xustiza desde as fosas comúns e as cunetas onde foron vilmente asasinados e represaliados os seus seres queridos, activistas políticos todos eles e elas que loitaron pola democracia e contra o fascismo.

E con este panorama o Estado Español non só exporta o seu modelo de transición política, senón que, malia non teren os deberes da casa feitos, imparte xustiza "urbi et orbi". Nesta tarefa tivo como alumno aplicado ao xuíz Garzón, sen dúbida o maxistrado máis coñecido non só dentro senón mesmo fóra do Estado, que mesmo soa como candidato a Premio Nóbel da Paz. Máis non só o único, outros tentaron seguir a estela deste super-xuíz da xustiza española.

Garzón fica lonxe da imaxe gris e aburrida do estereotipo de xuíz, el é sen dúbida o xuíz máis mediático de cantos maxistrados hai no Estado Español. Este xuíz "estrela", como adoitan alcumalo algúns, acaparou en moitas ocasións os titulares da meirande parte dos medios de comunicación. Do seu escritorio de xuíz saíron autos para procesar a ditadores como a Pinochet, instruíu casos como o da Nécora ou do entramado de ETA, que propiciou o peche de xornais como Egin; investigou a Jesús Gil; e máis recentemente iniciou o caso Gürtel, que salpica ao PP, e as desaparicións do Franquismo . Todos eles, como se pode ver, casos dunha notoriedade pública importante.

Mais non sempre esa notoriedade mediática e pública dos casos que levou Garzón remataron ben, xa que cometeu en reiteradas ocasións fallos imperdoábeis nun xuíz da "estrela" de Garzón, que o levaron a el, un xuíz, perante a xustiza. Por estas e por outras razóns se explican as tres causas que ten abertas no Tribunal Supremo. A primeira delas por ordenar escoitas ilegais a un implicado no caso Gürtel preso no cárcere e ao seu avogado (no camiño da fama e da notoriedade pública sí hai atallos, que llo digan a Garzón e aos concursantes do "Gran Hermano"). A segunda querela que ten pendente é por obter financiamento do Banco Santander para facer uns cursos nunha Universidade Americana, cuxo banco tiña causas pendente no seu xulgado e das que non se inhibiu no seu momento. E a terceira querela é a que lle presentou o partido fascista Falange e a asociación do mesmo cruño Manos Limpias polo procedemento aberto ao Franquismo.

Das tres querelas, esta última é a que está acaparando maior repercusión pública e mediática. Esta causa aberta no Tribunal Supremo, e que instrúe o galego Luciano Varela, é a que está sendo utilizada máis hipócrita e demagoxicamente pola progresía españolista, utilizando un discurso maniqueo, como José Blanco, que dixo textualmente que "No me gustaría que los falangistas ganaran de nuevo la batalla".

Efectivamente con este discurso é difícil estar en desacordo. Ninguén quere que gañen os falanxistas. O problema é que os falanxistas, os da extrema dereita, xa gañaron en 1977 coa Lei de Amnistía, o que permitiu que os mesmos que controlaban as estruturas do Estado seguiran como se nada, parapetados nestas, grazas a un ordenamento xurídico que é unha chapuza, que permite a aparición de super-xuíces que campan as súas anchas, empoleirados e controlados por un bipartidismo político impregnado tamén do espírito reaccionario e extremista da Transición Española.

Os dous grandes partidos estatais trasladan ao campo abonado da xustiza española a súa particular liorta polo poder. O que controle a xustiza, controlará en última instancia as leis que emanen do Congreso dos Deputados, por exemplo, a entrada en vigor do Estatut Catalán, que, malia ser  aprobado no Parlament, no Congreso e refrendado tamén pola sociedade catalana, desde 2006 segue atascado no Tribunal Constitucional por mor dun recurso presentado polo PP. E o caso Garzón é unha fronte máis da loita polo poder entre PSOE e PP.

Seguramente haberá motivos máis que suficientes para procesar a Garzón, xa que non sería a primeira vez que este se salta as leis, utilizando atallos dentro do estado de dereito coa única pretensión de saír nos medios e alcanzar notoriedade pública, o denominador común da súa traxectoria profesional. Seguramente. Mais algo pasa na xustiza, no ordenamento xurídico do Estado, cando unha cuestión amplamente demandada pola sociedade como é a de dirimir as responsabilidades penais dos altos cargos da ditadura franquista, é precisamente a que vai levar perante a xustiza ao único xuíz que iniciou un proceso contra a Ditadura.

Repito: "Daquela poeira esta lameira". 35 anos despois da morte do Ditador Franco, o Estado Español aínda non fixo a Transición, que segue a ser a súa signatura pendente; ten que exorcizar o espírito que rebule comodamente polas estruturas do estado, dotándose dunha separación de poderes real, non teórica; en particular, o dun poder xudicial, que estea sometido e que teña que aplicar leis democráticas, transformadoras e ao servizo do pobo. Entre elas, as reformas  lexislativas que se precisaren, para, entre outras cousas, levar perante a xustiza aos responsábeis da ditadura, e contemplar dunha vez por todas e sen complexos a todas as Nacións do Estado. Sen estas reformas a democracia española seguirá a ser unha lameira.

[12-02-2012 14:10] TINO comentou:

Estou en total acordo co contido e argumentario do teu artigo. Esta estratexia pactada polos "partidos decentes e leais á inexistente España única e desmemoriada", segue sendo un lastre que hipoteca a concencia social e o abandono definitivo de formas de facer política impunes e alonxadas da cidadanía, da obriga de respectar os seus dereitos e as reivindicacións xustas, cales son as de sentirse correspondidos por un dos poderes desta sociedade como é o poder xudicial. Sinto que unha das pequenas formas de facer algunha xustiza coa dignidade de tantas vítimas e familiares, como é a información, estea tamén en grande parte hipotecada por estes tempos de prumas compradas ou silenzos cómplices. Garzón ó final, independentemente de provocar o debate público na rúa, o que fixo foi embarrar o escenario máis do que xa estaba.

[14-04-2010 ] Carlos comentou:

Hai moita demagoxia con esta cuestión.

Garzón declárase competente para investigar os crimes do franquismo o 16 de outubro de 2008.
http://www.publico.es/espana/165317/garzon/declara/competente/investigar/crimenes/franquismo/guerra/civil

Un mes máis tarde inhíbese
http://www.elpais.com/articulo/espana/Garzon/inhibe/causa/investiga/franquismo/favor/juzgados/territoriales/elpepuesp/20081118elpepunac_2/Tes

Ninguén, ningún tribunal o aparta do caso, apártase el, porque sabe que co ordenamento xurídico español non se pode facer nada.

O Tribunal Supremo xuzgará a Garzón, non por investigar os crimes do Franquismo, senón porque é un xuíz nefasto.

O acto dos sindicatos é un brindis ao sol. Se queren, de verdade, que se investigue o xenocidio franquista, que propoña aos partidos políticos a derrogación da lei de amnistía e a modificación da Constitución. Mentres non se faga isto, os que morreron durante o franquismo e na Guerra Civil non terán xustiza.

[13-04-2010 ] Abelardo X del Caño comentou:

Bó artigo, clarexador da realidade que nos toca vivir de impunidade para quenes serviron e se serviron da dictadura.. Un chisco de esperanza é a lexislación internacional, que si ben ten difícil intervir no Estado non o ten imposibel. Quen sabe, o millor a algún ex-presidente autonómico e Senador do Estado chegalle a título póstumo unha medalla de verdade con número de rexistro, radiofrecuencia, conexión coa comisaría, etc para non sair de certas areas...

[13-04-2010 ] pedro comentou:

O xuiz garzón é expecialista en instruir procesos que logo non rematan en nada porque están mal instruidos, claro que como el xa levou a fama e as fotos, os xuizes que teñen que xuzgar son outros, el vaise safando. Así o do caso nécora rematou en nada, o de Pinochet, voltou para casa, o das vítimas do franquismo ao final inibiuse. Moita pose pero nada. Porque non instruiu un procedimento contra Manuel Fraga por ser ministro da dictadura e estar implicado en delitos de sangue, como os sucesos de Victoria?.
De todos xeitos concordo co autor nunha cousa: se non se perdoara aos verdugos no 77 isto non pasaria. Pero diso teñen a culpa todos os qu epactaron a reforma.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña