09:04 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-10-2012

Que ninguén nos derrote mentalmente, que ninguén nos quebre a firmeza das ideas

Reafirmarnos no nacionalismo, reafirmarmos a nación

Valorar (87)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Alfonso Daniel Rodríguez Castelao


Nunca eu pensei, Claudia, se che digo a verdade, nunca o puiden imaxinar sequera, que a estas alturas da historia do nacionalismo galego, despois de tantos anos de combate, teríamos que defender aínda entre persoas de pensamento nacionalista, formadas xa na súa lonxana adolescencia no Arredor de si e no Sempre en Galiza, a necesidade do nacionalismo como alternativa política para o país, a necesidade de contarmos con forzas políticas propias, soberanas, que camiñen polos seus propios pés e que así se presenten á cidadanía, tamén no plano electoral. Porque iso é o que está no fondo desta enorme decepción que agora me invade e que só este sol do marmelo logra adozar mentres releo nestas últimas horas da tarde Deus sentado nun sillón azul.                                          

Que ninguén nos derrote mentalmente, Claudia. Firmeza e valentía, sempre! Para reafirmarmos a nación galega, a lingua de nós, a cultura, a base da nosa economía, en definitiva, un outro futuro para o pobo galego, é necesario reafirmarnos no nacionalismo, e desde o nacionalismo traballar con intelixencia para gañarmos o apoio da nosa sociedade, sabendo en todo momento en que país estamos e que tamén aquí a pedagoxía é fundamental. Non hai outra opción para chegarmos a onde Castelao e Bóveda non puideron chegar. E a partir de aí podemos falar do que sexa: de fórmulas organizativas, de ferramentas e métodos de traballo, de estratexias, de mensaxes, de persoas, de reorganización  e refundación, da xenerosidade imprescindíbel. O que non é posíbel é avanzarmos no camiño da emancipación nacional renunciando á autoorganización política, dinamitando unha idea que fomos quen de enraizar nun sector importante da nosa sociedade ao longo do tempo, con moito esforzo individual e colectivo, e ti, Claudia, sábelo ben, e sempre nun contexto adverso. Quen neste momento dinamite esa liña de traballo, estará a dinamitar a existencia do propio nacionalismo galego e a posibilidade real dunha Galiza soberana para as futuras xeracións. E o que é aínda máis duro e doloroso, Claudia, quen así actúe estará a demostrar que no fondo non lle importan nada as persoas que coma ti defenderon este país co corazón desde a primeira mocidade. E mira que non dedicaches horas e días enteiros da túa vida a crear organización e conciencia de país no seo da nosa sociedade, mira que non pegaches carteis unha e outra vez desde o Día da Patria de 1976, mira que non participaches en canta rebelión cívica houbo nos últimos trinta anos, mira que non deches a cara día tras día polo nacionalismo enfrontándote a todo o españolismo, o de dereitas e o de esquerdas! Anos e anos de durísimo combate para agora, despois de tanta entrega, contemplar con verdadeira estupefacción como nós mesmos lle axudamos á esquerda española a situarse institucionalmente por riba do propio nacionalismo galego. Isto si que afecta máis que a derrota electoral máis amarga. Estabamos preparados para caer e erguernos, para subirmos o enorme pedrón de Sísifo pola aba do monte arriba unha e mil veces, mais non estabamos preparados para esta decepción, e ti, Claudia, menos aínda. Eu ao fin e ao cabo xa sabía o que doe que quen ti máis admiras destrúa o soño que máis amas. Contoumo no manicomio, unha tarde de inverno, en Castro de Rei, o bo de Antón Moreda.                                

Neste momento, Claudia, o que máis me preocupa é que a desilusión e o desalento se apoderen de varias xeracións de galegos e galegas que traballaron sempre arreo para que Galiza sexa a nación que todos e todas nós soñamos, porque se esas persoas dimiten do seu compromiso político co nacionalismo, ten a seguridade de que quen máis perde é este noso país que tanto amamos. Creme, Claudia, nada hai máis valioso para construír o porvir da nación que a lucidez e a entrega de todas e todos vós, dos milleiros de cidadáns e cidadás que levan a Galiza no corazón e no pensamento. Grazas a todas esas mulleres e a todos eses homes erguemos unha esperanza para o país. E non foi onte nin antonte nin cunha marea de votos. Aí estamos desde os tempos de Antolín Faraldo. Se de verdade pensamos no futuro das xeracións que han de vir tras de nós, non nos podemos permitir o luxo de perder as persoas máis capaces e máis dispostas a loitar por Galiza, aquelas que levan na frente unha estrela e que teñen conciencia clara e firme de país. Estou agora vendo os seus rostros emocionados na Praza da Quintana baixo un sol de lume. 25 de xullo de 1984. Son os imprescindíbeis de Bertolt Brecht. Que ninguén nos mate os soños, Claudia, que ninguén nos quebre a firmeza das ideas. Fronte ao pesimismo da razón, exerzamos sempre o optimismo da vontade.


1 2 seguinte

[01-11-2012 18:16] Manuel Blanco comentou:

Gustoume o artigo, segues coma sempre e xa temos a cachola chea de neve fría.
A Rocha

[01-11-2012 11:21] Xosé Antón comentou:

Precisamos potenciar a militancia activa en tódolos eidos sociais: político, sindical, xuvenil, cultural, cidadá, etc. Precisamos mellorar a nosa capacidade (pedagoxía e intelixencia) para chegar á nosa base social, o Pobo galego asoballado, pois necesitan de nós, e nós deles. Opino que non temos outra solución: Ilusión, ánimo e sobre todo, mellorarmos as canles que empregamos para transmitir as nosas alternativas políticas, porque o contexto é moito máis difícil con este tsunami españolista, europeísta e imperialista.

[01-11-2012 03:29] Xosé Lois González Souto comentou:

Eu sumei o reves en Galiza PP+PSOE =66,23%, en Euskadi 30,8%, esta é a realidade ( españoleamos demasiado ). Estamos a anos luz dos vascos, por iso queda tanto traballo por diante, ainda así non nós podemos render.

[31-10-2012 19:34] Carme F. comentou:

Emocionoume, Foxo, o teu artigo !

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña