03:43 Luns, 23 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-04-2010

O 16 de abril de 1938 marcou un fito na historia da crueldade fascista na Galiza co asasinato de tres mulleres da mesma familia diante dos seus veciños no Concello de Ourol

O crime do Candedo

Valorar (31)

CIBRAO PONTE MOSQUEIRA


Placa de homenaxe ás vítimas colocada polo BNG


Se Xosé Temblás destacou polo seu liderado, como principal responsable da Terceira Agrupación Guerrilleira no noroeste de Lugo e secretario xeral do Partido Comunista na provincia de Lugo, o seu irmán Alexandro  non lle foi á zaga. Nos tempos da República foi o principal referente para a esquerda ourolense, aínda que as tráxicas circunstancias que rodearon o seu asasinato contribuíron a que a súa figura perdure na memoria colectiva. A súa persecución e posterior asasinato comezou no lugar de Candedo, onde se cometeu un dos crimes máis horribles da represión falanxista no norte galego, que tivo como vítimas a dúas mulleres e unha moza filla dunha delas. Chamábanse María Xosé, Felicitas e Encarna Casabella Fernández.

O 16 de abril de 1938 marcou un fito na historia da crueldade. A sombra da morte deixou marcado para sempre o agora abandonado lugar de Candedo. Era un día triste polo velorio dun dos seis fillos de Perfecta, na casa veciña á das Casabella. Alguén deu o chivatazo á Garda Civil ao ollar que Alexandro Temblás entraba por unha das ventas da vivenda das irmáns. Os falanxistas, entre os que se atopaban o alcalde, Antonio Ladra, e un dos seus xefes locais, Emilio Bouza, veciño de Mosende, cercaron a casa xunto varios gardas civís. Despois dun intercambio de disparos, Temblás caeu ferido cando saltou por unha ventá para caer sobre unha grada pero logrou fuxir, contan varios veciños que viviron de cerca de historia.

Durante o intercambio de disparos, as mulleres quedaron agochadas na corte, na parte baixa da vivenda. O tío Vicente do Requeixo, parente das infortunadas, estaba no velorio  do fillo de Perfecta e achegouse ao lugar para convéncelas de que saíran, coa promesa dos falanxistas de que non tomarían represalias. Esta palabra non se cumpriu e as dúas mulleres maiores foron fusiladas ao pe da casa, en presenza da súa filla e sobriña, que choraba abrazada a Vicente. "A min non me matarán, verdade tío Vicente", berraba a rapaza, pero un dos falanxistas deulle un disparo mortal nos brazos do seu parente, de quen se di que quedou co corazón maltreito por este terrible momento e morreu pouco tempo despois. "A rapaza era xa unha mociña, non unha nena, nin un bebé, como se leva dito e escrito", afirma unha testemuña.

A orxía de sangue non ficou aí. A cuadrilla de asasinos matou o gando a tiros e queimou a casa. De nada serviron os berros do tío Vicente, que lles dicía que os animais non tiña culpa. Os años foron sacrificados para unha cea que se organizou nunha taberna do lugar para celebrar tamaña barbarie.

O triste espectáculo, que quedou gravado na memoria popular, continuou polo antigo camiño que une Candedo co cemiterio do Chao de Ourol. Os falanxistas obrigaron a Francisco Soto Camba, "Farruco do Couce", a cargar cos cadáveres no seu carro, tirado por vacas. "Foron buscar a Farruco á súa casa. Non podía negarse, polo risco de que lle deran unha malleira ou lle pegasen un tiro", dí un veciño. O home botou palla no chan do carro e acomodou alí os corpos das mulleres, pero non puido evitar que quedase un regueiro de sangue polo camiño de Cendedo á igrexa do Chao de Ourol ante a mirada temerosa dos veciños. Co paso do tempo correu polo pobo a lenda que as manchas roxas sobre as pedras do camiño eran o sangue das mulleres, que foron enterradas xunto a porta do camposanto situado á beira da igrexa, que foi derrubado para construír outro novo fronte ao antigo. "O sangue escorríase entre a palla e quedaba polo camiño abaixo. Despois abriron unha fosa á porta do cemiterio e quedaron alí enterradas como se foran cas", relatou un veciño que presenciou o suceso.

O propio Farruco de Couce tamén foi vítima da brutalidade. Un garda civil golpeouno nas costelas cando estaba colocando ben a cabeza dunha das mulleres, que golpeaba contra a roda do carro. "O golpe afectoulle ao bazo e morreu uns meses despois, posibelmente por esa causa", subliña un familiar.

Outros veciños contan que na parede da casa quedaron cabelos pelirroxos da muller máis moza.

Así discorreu esa tráxica xornada á beira da casa de Perfecta, habitada ata hai poucos meses por un dos seus seis fillos Manuel Chao, o último veciño do Candedo. O BNG colocou recentemente unha placa na súa vivenda para que non caia no esquecemento a brutal morte que sufriron esas mulleres, que residían a poucos metros.

A historia desta infamia non quedou aí, xa que dende Ourol enviaron unha comunicación ao Exército Nacional para que elimínase a irmán varón das Casabella, pero o capitán da unidade na que servía negouse a executar semellante atropelo. Os descedentes deste home, que morreu poucos anos despois a causa dunha enfermidade e non regresou a Ourol, viven na República de Uruguai.

Alexandro  Temblás logrou fuxir, ferido nunha perna, e utilizou un vimbio para frear a hemorraxia. Escapou polo monte ata Xerdiz, nun percorrido duns dez kilómetros, coa axuda dalgunhas persoas. Finalmente foi localizado e asasinado no lugar de Balteiro dous ou tres días despois dos feitos. Un veciño lembra que a cabeza de Alexandro Temblás, "vivo ou morto", estaba valorada en cen mil pesetas, toda unha fortuna na época.

O temor a represalias dos guerrilleiros fixo que algún dirixentes da Falanxe ourolense optasen por cambiar a súa residencia para A Coruña pouco despois do crime. Alejandro Temblás xa fóra vítima doutro atentado antes de comezar a guerra. Alguén lle disparou a través da venta cando leia o xornal nunha habitación da súa casa, pero a bala incrustouse na cadeira, preto da súa cabeza.

Non botou anos na guerrilla, como o seu irmán Xosé, pero as terribles circunstancias do pasamento de Alexandro e das mulleres que lle deron acougo quedou gravado para a posteridade na memoria popular como un dos crimes máis crueis da posguerra. A mesma estratexia do terror, envolta en lume e coa matanza do gando, foi utilizada por falanxistas no resto de Galiza.

[16-04-2010 ] Dimitrov comentou:

Sen lugar a dúbida unha das maiores monstruosidades da represeción fascista no norte galego, pero aínda choca máis o seu nível de descoñecemento. Canto descoñecemos do pasado próximo, canto por descobrir. pero canto non descoñeceremos do Reino de Galiza ou da represión após a Revolución 46. Hai que porse.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal