08:12 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-10-2012

Entre España e Galiza, algúns optan sempre por España. Velaí a razón pola que é preciso o nacionalismo como alternativa política para o país

Os obreiros no mundo queren as patacas baratas, os labregos (galegos) queren a suba das patacas…

Valorar (39)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Historicamente, fronte a calquera problema económico do noso país, a esquerda española -chámese PSOE, PCE, IU ou Esquerda Unida-, sempre optou, por riba de todo, por defender o que era bo para España, por amparar os intereses xerais dese Estado español que Izquierda Unida define no seu documento político da súa X Asamblea como “país de paises” (!!!). Nunca o noso país e a nosa sociedade ocupou o epicentro da preocupación da esquerda española que opera en Galiza. Nunca. O que sucedeu co sector naval galego desde o inicio da década dos oitenta é un exemplo paradigmático de como a esquerda española xamais contemplou a Galiza como problema e como compromiso coa nosa sociedade. E todo iso en nome dun falso internacionalismo detrás do que se oculta algo moito máis simple: que a esquerda española non cre no noso país como realidade nacional, como unha comunidade humana que ten dereito a existir e a vivir como pobo soberano, como unha nación que debe ocupar o seu espazo propio no mundo. E de aí nace a contradición principal entre unha persoa que simplemente se define de esquerdas e unha persoa que asume desde unha visión de esquerdas a defensa da nación galega. De aí xorde a diferenza fundamental entre unha forza de ámbito estatal e unha forza política nacionalista. Iso mesmo explica, igualmente, que até que chegou o nacionalismo galego ás Cortes, en 1996, os estaleiros da Ría de Ferrol non existían no debate político da Carreira de San Xerome. Foi Francisco Rodríguez o primeiro deputado galego que falou no pleno do Parlamento español da grave situación de Astano. Aí están as actas do Congreso para verificalo.                      

Castelao xa o expresou maxistralmente moitos anos antes de escribir o Sempre en Galiza: “Os obreiros no mundo queren as patacas baratas, os labregos (galegos) queren a suba das patacas…” Nesta dialéctica, fronte a estes dous problemas, os partidos estatais nunca pensan nos intereses dos labregos e das labregas do noso país. E poden ser as patacas ou pode ser o leite, pode ser o sector naval ou a pesca, pode ser o sector enerxético ou a agricultura, pode ser a rede ferroviaria ou calquera outra infraestrutura necesaria para o desenvolvemento da nosa economía. Entre España e Galiza, algúns optan sempre por España. Velaí a razón pola que é preciso o nacionalismo como alternativa política para a nosa terra. Sen a existencia do nacionalismo como expresión política da defensa dos dereitos e dos intereses do país, non existiría Galiza como suxeito social, económico, cultural e político no Parlamento galego, nas Cortes do Estado ou en Europa. Galiza existe como realidade política viva porque fomos quen de construír organizacións nacionalistas como o Bloque Nacionalista Galego. Onde está o nacionalismo galego está Galiza. Onde non está o nacionalismo está España.


Cando unha cidadá galega ou un cidadán galego ten como proxecto político para o seu país unha Galiza dona das súas riquezas e dos seus destinos, só pensa no que debe facer para afortalar o nacionalismo, para facelo máis forte fronte á dereita e á esquerda española. Quen de verdade loita aquí e agora por unha Galiza liberada, non colabora xamais co fortalecemento organizativo da esquerda estatal, porque sabe que iso contribue a dificultar as posibilidades electorais do nacionalismo galego como alternativa política para o país. E iso sería o último que faría unha persoa que quere o mellor para Galiza e para o nacionalismo galego. A esta idea chegaron milleiros de persoas de todas as condicións sociais e académicas en diferentes etapas históricas, porque para alcanzar tal lucidez non fai falta ser intelectual nin catedrático, nin pasar polas aulas da Sorbona nin sequera ler a obra política de Castelao. Só cómpre amar o país co corazón, ter unha certa intelixencia e ser coherente coas propias ideas que un defende, xusto o que fan os homes e as mulleres que aquí e acolá, en toda a nosa xeografía, manteñen activo o seu compromiso político co nacionalismo galego en calquera transo persoal, mesmo no contexto social e político máis adverso. Porque cremos en Galiza como nación, na necesidade de autoorganizarnos e no dereito a gobernarmos nós a nosa terra. Porque Galiza é a nosa razón de ser.                    

Aran os bois e chove
, si, mais non por requerir paciencia e lentitude o traballo e non por estar a terra enlamada, enchoupada de auga, non por iso deixaremos de dicir agora e sempre: Viva Galiza Ceibe e Popular!, palabras estas, por certo, que nunca pronunciará ningún militante da esquerda española, porque a súa ideoloxía é a antítese do significado profundo de Galiza Ceibe. Hoxe, máis unha vez, volve ter plena vixencia o canto de Celso Emilio: Nunca virá de fóra / remedio ou esperanza… Ou como di o refrán portugués: “De Espanha nem bom vento nem bom casamento”.


[24-10-2012 18:03] Cesar comentou:

Sr. Foxo parece que é vostede o que está nas patacas, aínda que non viva do agro

[19-10-2012 15:37] lino comentou:

Foxo, cada día te pareces máis a algúns viños, que gañan co tempo. Parabéns por este pequeno exemplo tan ilustrativo e "comprometido" para dicir alto e claro que a convivencia tan dura e imposible con compañeiros nacionalistas pasa a ser permisiva coa esquerda tan cega nesas lides, ou sexa que as cesións que a xente fai vólvense látegos que arrincan as vergoñas ocultas a quen se cansou de falar da famosa asamblea do frontón da coruña, cadaquén é escravo dos seus feitos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña