07:37 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-10-2012

Supoño que facendo un repaso por consellerías o resultado da austeridade de Feijóo daría o mesmo resultado, ¡Nada!

E que fixeron?

Valorar (11)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Teño unha curmá moi do PP que en vésperas das anteriores eleccións ao Parlamento de Galicia, para descualificar con rotundidade o labor do bipartito espetoume: “E ¿que fixeron? A mesma pregunta xurdiu de Alfredo Sánchez Carro, un alto cargo nos gobernos de Fraga, cando nun faladoiro sobre o aniversario da declaración da muralla de Lugo con Patrimonio da Humanidade, pouco despois das eleccións que deron o goberno a Núñez Feijóo, tamén fixo a mesma pregunta: “E ¿que fixeron?”, engadindo que “o pobo era moi sabio”, supoño que pola decisión que tomara. Porque para a dereita só ela sabe facer ben as cousas. O que está ocorrendo con Rajoy e o seu goberno afórranos facer máis comentarios sobre as súas supostas bondades e capacidades.                

Tal coincidencia na tendenciosa pregunta resulta sospeitosa, sendo moi probable que fose unha máis desas que envían como prontuario aos cargos do partido e militantes, para que todos canten a mesma letra. Na casa da miña curmá, seu pai sempre criticaba para descualificar a Touriño e Quintana. Desde que o PP recuperou a Xunta nunca máis se volveu a falar de política, a excepción do que despectivamente chamaba Zapatitos, ao que tamén facía culpable de que non fose festivo o 18 de Xullo.                

O incongruente da pregunta está no feito de que, segundo se dixo, o PP ía centrar a súa campaña no suposto “despilfarro del bipartito”, porque supondo que fose certo, entón quere dicir que houbo investimento e que se fixeron moitas cousas, como así foi, pero resulta un insulto á cidadanía que a estas alturas se volva a xulgar o traballo dun goberno que terminou a súa xestión fai máis de tres anos.            

O que no fixeron                

A min encantaríame que a miña curmá me preguntásese agora “E ¿que fixeron?” os seus. Eu se podo dicir o que non fixeron na miña cidade, Lugo. O denostado bipartito, desenvolveu unha política coordinada entre as consellerías de Cultura, Industria e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, para recuperar os altos valores patrimoniais dunha cidade de orixe romana, con máis de dous mil anos de historia e cun casco medieval digno de ser recuperado.              
A Sociedade Ánonima de Xestión do Plan Xacobeao, dentro do seu programa de revitalización do Camiño Primitivo, iniciou a recuperación da Fonte da Porta Miñá, de orixe medieval, con fábrica renacentista e barroca. O goberno de Feijóo paralizou as obras, que retomaron agora, seguramente pensando que as eleccións eran para a primavera do 2013 e que se poderían anotar un tanto coa súa inauguración.                    

A Casa do Mitreo, un xacemento arqueolóxico que quedaba preparado para ser musealizado, tres anos despois segue pechado, como pechado está, o Centro Arqueolóxico de San Roque porque a consellería, a pesar do ofrecemento de colaboración do Concello de Lugo, non dispuxo o arranxo das deficiencias que apareceron no edificio.      

Segue no máis absoluto abandono a iluminación do adarve da muralla, cuxas luminarias foron roubadas e esnaquizadas hai varios anos, como abandonada estivo a limpeza das herbas ata hai poucos meses.                

O Instituto Galego de Vivenda e Solo, non só paralizou as obras de recuperación de edificios iniciadas no ano 2000, senón que renunciou a que se desenvolvese o proxecto premiado por concurso da unidade de intervención número 8, chamada Pazo de dona Urraca e a súa contorna. Tampouco fixo nada con este edificio nin coa casa torre medieval que adquiriu o Xacobeo para convertelo nun centro relacionado co Camiño Primitivo que pasa ao seu lado.              
O importantísimo xacemento arqueolóxico das inmediacións de Porta Miñá foi cuberto cun téxtil e area, e as obras de recuperación desta emblemática porta romana continúan paralizadas.        

Que dicir do Cuartel de San Fernando destinado a Centro da Romanización, que se cae a cachos e que eu aventurei que non habería tal museo ata polo menos o 2020.            

Supoño que facendo un repaso por consellerías o resultado da austeridade de Feijóo daría o mesmo resultado, de maneira que á pregunta “E ¿que fixeron?”, ten unha resposta moi obxectiva é fácil. ¡Nada!. Aínda que para ser xustos direi que o único que fixeron en Lugo foi iniciar a construción do Auditorio que prometeron abrir no 2013, e que aínda está na cimentación. Pero tampouco era sen tempo, porque estamos esperando por esta infraestrutura que ten calquera vila galega desde 1998, hai catorce anos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña