08:21 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-10-2012

Con Camilo Nogueira berramos ben alto máis unha vez: Gobernemos nós a nosa Terra!

Voilà Camilo!

Valorar (40)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Velaí Camilo Nogueira, dedicando as horas que non ten o día a investigar o reino de Gallaecia, o tempo político dos trobadores, a memoria da nación, porque el si sabe que é imprescindíbel coñecermos o que fomos para sabermos o que podemos ser.                          

Velaí o Camilo, iluminando para nós unha etapa histórica de esplendor, desmontando falsidade a falsidade a historiografía española, descubríndonos a importancia do reino de Gallaecia, o tempo no que Santiago tiña xurisdición eclesiástica sobre as dioceses de Lisboa, Évora, Zamora, Salamanca, Ávila e Mérida; o tempo da Escola de Santiago como primeira institución académica da península; o tempo da presenza de profesores e alumnos galaicos nas universidades de París e Boloña e da fundación da Universidade de Salamanca polo rei galego Afonso IX e polo arcebispo de Compostela; o tempo no que na cidade de Toledo o propio rei Afonso VI chora en lingua galega a morte do seu fillo: ¡Ay meu fillo, ay meu fillo! ¡Alegría do meu coraçon e lume dos meus ollos, solaz de mia velheze!                     

Velaí o Camilo, coa ilusión de sempre, co optimismo dos anos mozos, abríndonos á autoestima, á confianza en nós mesmos, ao que nos dá firmeza e nutre a raíz do noso pensamento, ao amor a esta nosa lingua universal que se fala de Fisterra ao Brasil, dos Oscos a Moçambique.

Velaí o Camilo, contemplando cada día a alba de gloria da nación, soñando un país próspero que se apoia na industria transformadora e nos seus sectores primarios, unha terra plantada de viñedos, maceiras, nogueiras e cerdeiras en flor, a Galiza posíbel que cómpre construír e que os ollos de Albertito Núñez Feijóo nunca poderán imaxinar.                            

Con Camilo Nogueira soubemos que non hai motivo para o desalento, que tras cada derrota hai que volver a empezar, que está aínda todo por gañar, que non somos maioría, mais seremos. Por iso o Camilo vai e ponlle estas dúas citas a un seu libro: Ánimo, compañeiros, / Tod`a terra é d`os homes. Xa sabedes, Rosalía de Castro. E esta outra de Mia Couto: Máis alá do loito está a loita.                              

Con Camilo Nogueira preguntámonos en alto: por que non Galiza nación con Estado propio, unha nación no mundo, como Finlandia, Dinamarca, Irlanda, Lituania, Letonia, Estonia, Chipre ou Malta, como Eslovaquia ou Croacia? Con Camilo Nogueira sabemos que os soños son verdade.

Camilo Nogueira

Con Camilo Nogueira gaña plena rotundidade a idea de que Galiza ten capacidade económica para vivir por si mesma, para emprender o camiño da súa soberanía, e creríamos firmemente na súa palabra aínda que Pepe Díaz non nolo demostrara unha e outra vez fronte a un mundo académico que ignora ou nega a realidade dos números, igual que ocultan e negan a nosa historia de nación en marcha.

Con Camilo Nogueira partillamos combates e derrotas, tamén temos discrepado profundamente e percorrido camiños paralelos cara á patria soñada, témonos distanciado e reencontrado, tense quedado só, erguendo unha bandeira nunha batalla na que ninguén o seguía, mais nunca, nunca deixou de cultivar a cordialidade e a amizade que nace do corazón. Camilo non esquece as palabras de Eclesiastés: Un amigo fiel, amigo seguro / quen o atopa, encontra un tesouro. Para el a fraternidade non é unha flor nos labios.                        

Con Camilo Nogueira prendemos o lume da rebelión e a xustiza nas fábricas de Vigo, na parroquia das Encrobas ou na praia de Baldaio. Con Camilo Nogueira fixemos posíbel que a patria floreza como un camelio nos fríos días de inverno.

Con Camilo Nogueira escribimos de novo Por unha Galiza liberada. Con Camilo Nogueira berramos ben alto máis unha vez: Gobernemos nós a nosa terra! O mesmiño que o Camilo nos dicía no 77 nun mitin en Vigo, lembrades, verdade? E é que a nosa terra cada vez é menos nosa. Ai dos que agora non poden xa dicir Gobernemos nós a nosa terra! Xusto nesta hora, cando Galiza máis o precisa!                        

Voilà
Camilo!  


[06-10-2012 11:52] Álfredo Bergueiro comentou:

Olla meu irmán honrado o que acontece co Camilo, os que o tiñan desterrado agora falan ben del!!

[05-10-2012 14:20] Jeanne Pereira comentou:

Grande Camilo Nogueira!!

Tive o imenso privilégio de escutá-lo e participar em conferências sobre política e melhor ainda, escutar tudo no nosso idioma em comum. Parabéns pelo excelente artigo!

Um abraço desde o nosso Brasil!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña