11:42 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2012

O Código penal de 1995, actualmente en vigor, e as súas posteriores reformas converteron o español no sistema máis severo de Europa

A golpe de Código penal

Valorar (15)

EDUARDO ÁLVAREZ



O Estado español presenta un dos índices máis baixos de criminalidade da Unión Europea. O índice de homicidios acada o 1,02 por 100.000 habitantes, fronte a países como Lituania (8,75), Estonia (6.60), Finlandia (2.34), Bulgaria (2.27), Bélxica (1.97), Francia (1.37)… Tan só Alemaña e Austria ofrecen resultados de menor criminalidade. Pola contra, a ratio da poboación reclusa española é das máis elevadas do seu contorno: os seus 149 presos por 100.000 habitantes contrastan cos 63 de Eslovenia, os 65 de Finlandia, os 67 de Irlanda, os 82 de Italia, os 91 de Alemaña ou os 96 de Francia. No mes de agosto do presente ano, segundo os datos achegados pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias na súa páxina web, a poboación reclusa ascendía a 70.094 internos. Como se pode explicar esta situación aparentemente contraditoria? Por que a unha baixa criminalidade se corresponden índices tan elevados de poboación reclusa? A resposta está na lexislación penal, no rigorismo con que se castigan os delitos e na rutina dos xuíces en ditar en moitos casos prisión provisional sen motivos que xustifiquen esta tan grave e desproporcionada resolución.                      
Cada vez que os medios de comunicación se recrean interminabelmente na presentación dun delito de grande repercusión social, o goberno respectivo aproba una nova reforma penal agravando penas que antes xa eran suficientemente elevadas. Deste xeito, o endurecemento punitivo realízase a golpe das noticias sensacionalistas con que se alimenta a opinión pública que está, á súa vez, subordinada, nunha espiral que se retroalimenta, aos medios de comunicación. Malia teren diminuído os delitos graves nos últimos corenta anos ¾prodúcense menos da metade de violacións, homicidios e asasinatos que daquela¾, agora, a cada un destes crimes dedícanselles páxinas enteiras dos diarios e programas completos de televisión durante semanas, provocando unha alarma social que, cada pouco tempo, reclama o endurecemento das penas.                        
O Código penal de 1995, actualmente en vigor, e as súas posteriores reformas converteron o español no sistema máis severo de Europa. Para o castigo dalgúns delitos contémplanse nel penas de até 40 anos de prisión, instaurando materialmente a cadea perpetua para estes condenados, que ademais terán que cumprir practicamente todo o seu castigo dentro do cárcere ao quedaren reducidos drasticamente os beneficios penitenciarios que se contemplaban na lexislación anterior. Outra das causas que contribúen tamén a este elevado número de reclusos encóntrase no pouco uso que fan os xuíces das penas alternativas e na falta de aplicación de mecanismos de reinserción social como a liberdade condicional, que xa desde 1995 resultaba difícil obter e que na reforma operada no ano 2003 aínda se obstaculizou máis, pois tan só se pode acadar unha vez cumpridas as tres cuartas partes da condena previa comprobación da reinserción. Finalmente, outra das causas da alta taxa de presos nos cárceres débese ao abuso que os xuíces realizan da prisión provisoria, isto é, daquela que manteñen na cadea, a veces inxustificadamente, a persoas que se ven privadas da liberdade mentres dura a instrución da súa causa violando o dereito á presunción de inocencia. Neste eido, o Estado español figura tamén á cabeza dos europeos con maior número de presos preventivos. Baixo a pretendida xustificación da alarma social, son numerosas as resolucións xudiciais que manteñen privadas da súa liberdade antes de seren xulgadas a persoas sobre as que non existe risco de fuga nin a menor perigosidade social na súa conduta. Que xustificación legal existe, por exemplo, para que siga en prisión provisional o presunto autor do furto do Códice calixtino?

Nos dez primeiros anos da implantación do actual Código penal, isto é, desde o ano 1996 ao 2006, a poboación reclusa incrementouse nun 43% e non porque se aumentase a criminalidade senón polo endurecemento das penas e mais pola abolición dos beneficios que podían obter os reclusos. Resulta paradoxal que países da nosa contorna como Alemaña, Francia, Reino Unido, Italia ou os Países Baixos, que nominalmente manteñen nos seus ordenamentos xurídicos a cadea perpetua, presenten na práctica un sistema penitenciario máis flexíbel e cun índice menor de reclusos.                      

Pois ben, outra vez máis, o Goberno, a iniciativa do ministro Ruiz Gallardón, emprende unha nova reforma do Código penal introducindo, entre outras mediadas, a denominada prisión permanente revisábel, eufemismo da crúa cadea perpetua. Deste xeito, o preso castigado por determinados delitos terá que cumprir en primeiro lugar a pena íntegra con que sexan tipificados os feitos e logo poderá ser revisada a súa condena en función da súa reinserción. Isto é, a un Código penal xa moi severo váiselle engadir tamén a posibilidade da cadea perpetua.                              

Cada goberno que se sucedeu no poder veu recorrendo sistematicamente á errada idea de considerar que a solución dos conflitos sociais radica na utilización do sistema penal e na reclusión dos delincuentes en cárceres, que en lugar de seren centros de reinserción operan como escolas da delincuencia. Que se convocan e se celebran protestas masivas nos arredores dun parlamento, pena de cárcere. Que se realiza unha concentración que non se comunicou á autoridade, pena de cárcere. Que desde un goberno autónomo se pretende unha consulta popular para que os cidadáns expresen a súa opinión, pena de cárcere. Que se realizan xestións tendentes a solucionar o problema da violencia en Euskadi, pena de cárcere. Que arden os montes aínda que non se descubran os incendiarios, pena de cárcere, pena de cárcere, pena de cárcere…


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña