09:03 Domingo, 22 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-09-2012

Varios camiños tiñamos encetado para obter una explicación coherente cando reparamos no estudio do nome dunha pranta que vai ser a responsável dunha chea de topónimos galegos

O Courel dos tesos cumes e aínda a orixe dos apelidos Lojo e Soliño

Valorar (22)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Vexamos por qué :          

Un lisboeta cando non ten un “tostao” no bolso, di : “Estou têso”.          

O mesmo fala un gaditano cando di: “Estoy tieso” e non se refire á rixidez, senón a que non ten un pataco.          

Pensamos que todo sae do verbo latino “tonsurare” e no noso caso xeográfico, estámonos referindo a montes “rapados” ou “rozados”, ou sexa, “tonsos” ou “têsos”; de aí procede tamén a ferramenta axeitada para “tonsurare” que é a “tesoura”.          

Topónimos populares como TESOURO ou TESOUREIRA pouco deben ter a ver co ouro ou a prata e moito co costume, antigamente cotiá, de rozar, rapar, facer estibadas e demais “tonsoriadas” nos montes galegos.        

O significado do nome do COUREL apareceunos claro ao matinar no nome de COIRO, parroquia de Cangas do Morrazo.        

Varios camiños tiñamos encetado para obter una explicación coherente cando reparamos no estudio do nome dunha pranta que vai ser a responsável dunha chea de topónimos galegos, algúns deles obvios e outros un pouco máis agochados.        

Trátase do AQUIS FOLLIUS, ou pranta das follas pontudas, que é curmá do loureiro e que no galego de hoxe chamamos ACIVO.        

O nome deste arbusto produce topónimos tan evidentes como ACIBEIRO ou ACEVEDO, e outros non tan claros como o dos montes do CEBREIRO que seguramente proceden dun antigo ACEVEREIRO onde ocurríu a perda do A- inicial como acontece en moitos topónimos galegos. Se pensamos que o apelido QUEVEDO na realidade procede dun AQUEVEDO, ilústranos a posibilidade evolutiva do AQUIS para ser pronunciado como AÇE ou como AQUE, e xurden polo tanto moitas opcións para explicar outros topónimos.          

Mais para proseguir na nosa pesquisa cómprenos sacar á tona outra ferramenta evolutiva, velaí:          

É sabido que o grupo “EU” pode dar  en “O” no seu camiño evolutivo do latín ao galego; conforme de EULALIA saiu OLAIA, pensamos que EULOXIO deu en OLOXO e daí o apelido LOXO castelanizado en LOJO.            

Vaiamos un pouco máis adiante: sábese que a letra -v- amolece moitas veces e pasa a comportarse como -u- e por tanto arriscamos aquí,  que o grupo -EV- pode terse comportado evolutivamente como o grupo –EU-.        

De aquí que un suposto MONTE AQUEVORIO > QUEVORIO >QU(EV)OIRO > QUOOIRO e de aí o noso COIRO actual.          

Un amigo residente na vila portuguesa de PAREDES DE COURA faloume da loita que levan os ecoloxistas do lugar para defender un enorme bosque de acevos que alí hai e que o nome do lugar xa anuncia.        

Con todo este material xa estamos en condicións de dar conta da explición do nome dos montes lugueses que encabeza o noso traballo.        

MONTE AQUEVORIELI > QU(EV)ORIEL > QUOORIEL > QUOIREL e dai o COUREL actual que sería o “monte do acevo “.        

O nome do acevo seguiría un camino paralelo ao da outra planta da que é curmá, o loureiro:        

Se de “louro” vén “lourel”            

Por que non  saír de “couro”, “courel”?      

Sería así o xeito de probar que na verdade os  míticos montes galegos como O CEBREIRO e O COUREL deben os seus nomes á abundancia da mesma planta de follas agudas que é o acevo.        

Mais a aventura que temos iniciado aínda ha ter moitas consecuencias; velaí una delas:      

Reparemos nesta evolución:      

MONTE AÇEVIDO > Ç(EV)IDO > ÇOIDO > ÇUIDO e chegamos a SUIDO, que é o nome dun sonado monte entre as partes de Ourense e Pontevedra.        

E aínda máis; armados da mesma ferramenta teórica, vexamos se somos quen de lle fincar o dente á orixe do poético apelido de SOLIÑO.      

O -L- non debe ser etimolóxico pois non resistiría moito tempo na posición intervocálica orixinal.      

Partamos dun antropónimo latino como SEVERINO e apliquemos as regras da evolución.      

S(EV)ERINO > SOERIÑO > SORIÑO e chegados aquí o nome pasou ao SOLIÑO de hoxe por atracción na fala popular.      

O tema aínda ten trascendencia fóra das fronteiras da Galiza actual pois os nomes da cidade castelá de SORIA e da extremeña CORIA, sáibano ou non, deberían o seu apelativo orixinal á abundancia do pontudo vexetal; velaí as evolucións:      

AÇEVORIA > Ç(EV)ORIA > ÇOORIA e de aí a SORIA actual  co seu sonado acebal de Garagüeta.      

Claro que o mesmo ocurriría para CORIA :        

AQUEVORIA > Q(EV)ORIA > QOORIA > CORIA          

Evolucións semellantes ás dos topónimos galegos e portugueses; non en van até eses confíns chegaba a antiga GALLAECIA.          

E finalmente a toponímia pode ser quen de darnos una alternativa aos incendios forestais, pois xa que esta ciencia confirma o abondoso que foi o acivo na paisaxe montesía galega e dado que dita planta ten un poder ignífugo, ou sexa o lume non é quen de lle entrar; seica non sería mais intelixente devolver os espazos forestais do País aos seus antigos posesores, que foron os acivos e dar así cabo á queima do monte?          

Valeu!  


[03-10-2012 19:18] Jl. comentou:

Si non e vero e bene trovato.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña