10:48 Domingo, 20 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2010

O papel dado á muller pola igrexa católica

De como ser muller e non morrer no intento

Valorar (20)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


Resulta moi sinxelo falar do papel desenvolto ao longo da historia pola muller cando se é home. Non tiña pensado eu tocar este tema nun principio e se o fago debémosllo ao alcalde do meu pobo natal, home, que a semellanza de Xesús de Nazaret, emprega a parábola para ilustrarnos. Coma tódolos anos, o día 8 de marzo, celebrouse o día da muller traballadora e na emisora local preguntáronlle ao noso alcalde que opinaba da situación da muller actualmente e el, pozo de sabeduría, respostou ca seguinte frase “o outro día pasei por diante dunha obra e vin a unha muller botando formigón armado e facíao moi ben”. Eu pregunteime ¿por que non o ía facer ben?, ¿acaso faltáballe algunha das extremidades? Imaxineina, por un intre, sen pernas arrastrándose polos tablóns mentres os seus poderosos brazos sostiñan a mangueira do formigón, ou, tal vez, sen brazos, ca mangueira atada á cintura.

Bromas aparte, enseguida me din conta de que esa afirmación respondía a unha educación machista na que a frase “muller tiñas que ser” se converte en dogma de fe. Nós, homes e mulleres de hoxe en día, somos o produto da educación que nos deron e dos cambios que nós mesmos introducimos na educación recibida.
A frase deste alcalde é entendida soamente como produto dunha educación no que o papel da muller queda completamente sometido ao do home. Esta labor de sometemento non é algo que se faga dun ano para outro, os homes levamos moito tempo sometendo e relegando a un segundo plano á muller.

Sabemos, que os libros sagrados do catolicismo culpan á muller (Eva) da perda do Edén, o sentimento de culpabilidade non é propio da relixión católica, pensemos na situación que a relixión musulmán lle outorga á muller ou o caso de Pandora, que pola súa curiosidade, atributo propio da muller na mitoloxía grega, provoca que tódolos males existentes anden polo mundo.
A figura da muller ao longo da Idade Media é entendida de dúas maneiras, como berce inmaculado ou ben como portadora e provocadora de males. A Virxe María é representación máxima do ideal da muller perfecta, nai pura, que da a luz sen perder a súa virxindade e sen coñecer marido (summun da pureza), muller abnegada, respectuosa cun marido ao que non ama, calada, servizal e nai que sufre en silencio. Por outra banda existe a concepción da muller como causa de tódolos males, curiosa, irrespectuosa co marido, lasciva e mala nai. Lembremos que os prostíbulos recibían o nome de lupanares (lugares de lobas). O termo lupa (loba) empregábase para a prostituta, pois os clásicos pensaban que estas mulleres eran como as lobas e que non coidaban aos seus fillos.
A muller lasciva, casquivana, amiga dos devaneos e adúltera é, xunto co inferno, un dos grandes medos que fan tremer ao home do medievo. Na portada da praza de praterías temos representada unha muller que, por adúltera, foi condenada a abrazar a cabeza degolada do seu amante. En moitas igrexas románicas galegas podemos ver a representación da luxuria, encarnada nunha muller espida á que dúas ras lle están mamando dos peitos.

Exemplos de como a Igrexa foi reducindo o papel da muller dentro do seu organigrama vémolo xa dende o século X. Lembremos os ataques furibundos e a loita continua que mantivo San Rosendo contra os mosteiros dúplices (de homes e mulleres, aínda que separados) polo indecoroso da situación, xerme de lascivias.

Os mosteiros femininos sufrirán tamén a presión dos mosteiros masculinos e dos cabidos catedralicios, ávidos ambos de facerse cas propiedades destes lugares, razón pola cal irán desaparecendo do mapa galego.

A muller é a responsable de case tódolos actos punitivos que comete o home. ¿Quen é culpable do delito de amancebamento? Se hoxe en día fose delito, ao meu entender, son ambos os culpábeis, en partes iguais por suposto. Aínda que non sempre foi así, e senón que llo expliquen a Catalina Bispa. Esta muller, veciña de Celeiro de Mariñaos (Concello de Barreiros) vivía amancebada con Pedro Fernández, zapateiro da parroquia de Vilaronte (Foz). Cando esta situación foi coñecida ela foi condenada a ingresar na cárcere, aínda que por petición de varios veciños sacárona da cárcere episcopal de Mondoñedo e pasou a una situación de arresto domiciliario, momento que ela aproveitou para escapar e non volver máis. Nada se nos di do zapateiro, que non entrou na cadea en ningún momento (Arquivo da Catedral de Mondoñedo, protocolos nº 15, fol. 40, 11 agosto 1590). O día 24 de agosto de 1593 o alcalde de Mondoñedo mete na cárcere a Inés de Outeiro, aínda que despois lle conmuta a pena polo pago dun marco de prata. O delito, vivir amancebada, mentres que Xoán da Lanza, foi absolto do citado delito, sendo, como era, a outra metade do amancebamento.

A presenza da muller próxima a do home provoca neste grande turbación. De aí que se procure manter a ambos sexos sempre separados. Nas visitas pastorais realizadas polos bispos aos distintos hospitais existentes na Mariña, faise constante fincapé en que non se permita a ningún camiñante, pobre ou peregrino, que veña acompañado de muller, durmir con ela sen primeiro presentar os papeis que confirmen que están casados.

Como non podía ser doutra maneira a Igrexa, casa de Deus, será o lugar elixido para levar a cabo a separación física de ámbolos sexos. As igrexas mariñáns, e galegas, por suposto, aparecen pintadas cunha raia, trala cal se situaba ás femias. Esta raia, pintada pola metade da construción convértese en fronteira, que, cada vez que podían, as mulleres intentan traspasar. Así vemos que nunha visita pastoral xirada polo bispo Miguel Quijada, no ano 1693, á parroquia de San Pedro de Muras, o cura párroco queixase de que as mulleres traspasan a raia para “oir misa y asistir a mas oficios divinos”, o roce físico de ámbolos sexos provoca “algaçara e inquistando a los que estan oyendo misa para que no la oigan con atención”.

Claro que outras mulleres traspasaban a raia por motivos menos frívolos, como é o caso dunha muller de Neira de Rei, que cruzaba esta invisible fronteira para sentarse sobre a tumba do seu marido, ata que o cura, no ano 1685, a ameaza, publicamente, con desenterrarlle ao defunto marido e tirarllo fora da igrexa se volvía a cruzala raia.

E é que a presenza da muller provoca lascivos desexos en todo tipo de homes, lembremos que será despois do Concilio de Trento (1545-63) cando se empece a tratar o tema das mulleres que viven nas casas dos curas, as coñecidas como “barraganas” (queridas) e que despois pasaron a chamarse “sobriñas”. Destas mulleres naceron fillos, que aparecen na documentación deses anos como un feito normal. O pano de tafetán negro que cubría os cadaleitos na parroquia de San Martiño, en 1540, fora doado por Diego Pillado, quen na documentación aparece como “hijo del actual prior”. Non é un caso aillado, está constatada, polos testamentos, a existencia de fillos ilexítimos de varios chantres e cóengos mindonienses. Non era de estrañar que o fillo dun cura seguise a carreira do pai, razón pola cal o bispo Quijada ordena (século XVII) que cando se realice unha procesión os curas, fillos de curas, non estean próximos a seu pai, polo escándalo que esa situación provoca.

Como levamos visto a Igrexa reduce á muller a un papel secundario, que aínda
hoxe ocupa, lembremos que non existen mulleres sacerdotes, non porque non sirvan, senón porque o Vaticano non lles permite dar ningún tipo de sacramento.

Se a situación da muller, no mundo eclesiástico, era mala non mellor era no mundo civil, convertida en mercadoría ca que as familias fidalgas negociaron. Pero iso xa é outra historia.

Continuará?

[13-04-2010 ] Luisa comentou:

Interesante e moi certo. O papel da Igrexa respecto ao mantemento do papel secundario, e sumiso das mulleres foi e segue a ser fundamental, xa que sen ir atrás, podemos ver o que están montando desde que se escomezou a falar do proxecto para a lei do aborto, até hoxe en dia que siguen tentando eliminalo. De todas formas, queda moito por descubrir da hipocresía e dobre moral da Igrexa católica de antonte e de hoxe. Parabéns polo artigo!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña