08:36 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-09-2012

Foi isto acaso, Xosé Manuel, o que ti defendiches durante toda a túa vida, o que nós aprendemos unha e outra vez de ti, do teu maxisterio?

Carta aberta a Xosé Manuel Beiras

Valorar (266)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Meu benquerido Xosé Manuel:                                    


Aínda hoxe conservo entre as páxinas dun teu libro, A nación incesante, por min mil veces lido, aquela vella volantina do PSG, editada en Gráficas Bemposta, que por unha cara traía a candidatura dos pexegos ao Congreso dos Deputados, que encabezaba un Xosé Manuel Beiras Torrado de 41 anos, e pola outra, a seguinte mensaxe: “Para que os teus votos non emigren, vota PSG, Partido Socialista Galego”. E debaixo da estrela vermella de cinco puntas coa folla de carballo no medio, outra mensaxe xa ben necesaria naquel momento no que afloraba un PSOE até entón inexistente en Tagen Ata no longo combate contra a ditadura: “Os socialistas galegos somos nós”. Lembras, verdade, Xosé Manuel? Aquela folliña foi toda a propaganda do PSG que chegou ás miñas mans no 77. Non tivera ocasión de asistir a ningún mitin do teu partido, nin a ti te escoitara falar nunca nin sequera lera aínda O atraso económico de Galicia. Só sabía da túa personalidade pola lectura da conversa que viña no libro Unha ducia de galegos, libro ao que eu regresaba unha e outra vez. Pouco máis coñecía da túa biografía: que eras catedrático de economía da Universidade de Santiago, que te formaras na Sorbona e que viñas de ser elixido membro numerario da Real Academia Galega. Mais aquela simple volantina que collín un día á tarde nunha cuneta da estrada de Ortigueira, perto da miña casa, foi suficiente para que eu tivera claro a diferenza entre unha forza de carácter estatal e unha forza propia. Certamente, díxome moito máis o slogan que alí estaba escrito que o que viña de escoitar no primeiro mitin que dou o PCG en Ferrol nada máis saír da clandestinidade ou que o que lle escoitei a Santiago Carrillo nun multitudinario acto que tivo lugar no campo de fútbol “Manuel Rivera”. E foi así, aos meus dezasete anos, como empecei a facer campaña entre os meus familiares e os meus amigos a prol de Xosé Manuel Beiras. Aí comecei a ser beirista, mesmo antes de ter dereito a exercer o voto. E xa nunca deixei de ser beirista, nin cando ao pouco tempo, despois das eleccións de xuño do 77, entrei na AN-PG, nin nos anos todos de militancia no BNG desde a asemblea de Riazor nin cando un día solicitei a alta na UPG. Si, Xosé Manuel, fuches a figura política que eu máis admirei e máis quixen ao longo desta longa travesía, desde cando nos coñecemos en Ortigueira no outono de 1983 até a última Asemblea de Amio, onde aínda eu soñei que un mestre de nós coma ti, nacionalista desde a adolescencia, criado no colo de Otero Pedrayo e firme toda a súa vida ás ideas de Castelao, ía darnos a mesma lección que don Ramón lles deu en Compostela en 1935 aos militantes do Partido Galeguista cando, tras defender de forma afervoada as súas ideas, lles dixo que sucedese o que sucedese el non ía marchar do Partido Galeguista e acataría as determinacións da Asemblea, someténdose á disciplina do partido. Que che vou dicir eu a ti do señor de Trasalba que ti non saibas!                                        
Sei que a nosa amizade quebrouse nos últimos tempos polas palabras que eu che dirixín en varias ocasións no Consello Nacional e que feriron o teu corazón, porque o que menos esperabas de min é que eu me pronunciara dese xeito. O que nunca chegaches a comprender, Xosé Manuel, é que cada vez que realicei esas intervencións fíxeno desde o fondo afecto que che teño e porque sempre me preocupou que a túa figura deixara de ser unha referencia fundamental para todos e todas nós. Sabes ben que eu non faría nunca como aquel teu compañeiro que te colleu do brazo no Congreso do PSG de Lugo e te animou a defender unha certa estratexia para despois deixarte só naquel naufraxio mentres el e outros pexegos se embarcaban de inmediato noutro barco, xusto no momento no que ti descendías a un inferno persoal, nin podería ser eu tampouco como todos eses que te animaron a dar combates dentro do propio BNG para logo deixarte co sabor amargo da derrota en todas as asembleas comarcais. Nunca te preguntaches, Xosé Manuel, se os que así actúan contigo che teñen verdadeiro afecto? Eu podo dicirche aquí que alguén que moito te apreciaba e que xa non está entre nós, despois dunha miña intervención nun Consello Nacional, achegouse a min e díxome: “Foxo, o que ti acabas de dicirlle a Xosé Manuel, teriámosllo que dicir todos”.          

Que foi do Xosé Manuel Beiras que tanto admiramos todos e todas nós? Non te recoñezo, Xosé Manuel, de verdade. Regreso aos teus libros, ás Prosas de combate e maldicer, a Por unha Galicia liberada, aos teus libros de conversas, aos teus discursos no Parlamento galego, ás túas intervencións nas clausuras das asembleas nacionais do BNG, á memoria das miñas conversas contigo… e dígocho con profunda dor: non te recoñezo. Non te recoñezo no teu comportamento político actual, no teu comportamento ético co BNG, no teu compromiso de agora coa esquerda española, no teu discurso destes días… Nin Ramón Piñeiro chegou tan lonxe! El, ao fin e ao cabo, nunca se definiu nacionalista, nunca acreditou en Galiza como nación, nunca defendeu a necesidade de forzas políticas propias, nunca ergueu esta bandeira. E ninguén mellor que ti coñece o pensamento de Piñeiro, co que compartiches a mesa-braseiro de Xelmírez até o 77. Mais ti, Xosé Manuel, que desde que tiveches uso de razón bebiches nas ideas de Castelao, que a primeira arte que contemplaron os teus ollos foron as estampas de Castelao nas paredes da túa casa, que aínda cando non eras adolescente viches as fotos do corpo morto de Daniel envolto na bandeira galega e que liches o Sempre en Galiza na primeira edición que chegou clandestina no peto dalgún emigrado ou exiliado amigo do teu pai; ti, Xosé Manuel, que erguiches a bandeira do nacionalismo, primeiro na clandestinidade, logo no mesmo ventre do piñeirismo e máis tarde na encrucillada da transición, ti que a volviches erguer incluso despois da túa estancia no inferno; ti, que nutriches de ciencia e de lucidez o noso pensamento para que defenderamos con firmeza un proxecto común para unha Galiza soberana; ti, que lle dixeches máis dunha vez a Anxo Guerreiro que os da “aguerrida esquerda española que reclama unha alternativa galega de esquerdas non se dan enteirado de que esa alternativa xa existe e chámase BNG”; ti, meu querido Beiras, que escribiches que “Galiza non é un tubo de ensaio nin un campo operatorio de quen queira experimentar mil mesturas de reactivos diversos ou técnicas cirúrxicas ou quimioterapéuticas produto da inventiva de cada quen”; dime, Xosé Manuel, como queres que comprenda eu agora a túa última traxectoria política, para min tan incomprensíbel como o foi para ti a marcha dos teus compañeiros do PSG para o PSOE, e pouco importa que uns foran para ingresar formalmente nun partido español e outros o fagades neste momento para lexitimar perante a sociedade galega unha opción estatal e para favorecer a representación institucional dunha alternativa española como é Esquerda Unida. O resultado é o mesmo: o abandono  do nacionalismo como alternativa para o país. Foi isto acaso, Xosé Manuel, o que ti defendiches durante toda a túa vida, o que nós aprendemos unha e outra vez de ti, do teu maxisterio? De verdade, non recoñezo a este Xosé Manuel Beiras. E ben que me doe, porque o corazón segue aberto a quen un tanto admirou e a quen tanto lle debe. E eu, ademais, non sei querer mal a ninguén, e menos a quen considero mestre.                                  

Soster hoxe que o futuro da defensa do noso país e o futuro dunha alternativa nacionalista para Galiza pasa necesariamente por concorrer aos procesos electorais en coalición coa esquerda española sería, Xosé Manuel, aceptar que toda a nosa traxectoria política foi equivocada, que o nacionalismo galego leva máis dun século errando o seu discurso e a súa praxe, que Ramón Piñeiro, en fin, tiña razón: Galiza non precisa forzas políticas propias. Actuando así, defendendo hoxe unha coalición electoral con EU, a conclusión á que podemos chegar é que foi un erro histórico crear a UPG, o PSG, a AN-PG, o Consello de Forzas Políticas Galegas e o Bloque Nacionalista Galego. E sería grave, moi grave, que Xosé Manuel Beiras chegase a esa conclusión.                                            

E, por favor, Xosé Manuel, dille aos teus que non utilicen a figura de Castelao nin o ingreso do PG na Fronte Popular en 1936 para xustificar a participación de organizacións nacionalistas nunha candidatura electoral coa esquerda española ao Parlamento galego no ano 2012. Que ten a ver aquel contexto histórico, no que nin sequera había marco autonómico, co contexto político de hoxe? Que ten a ver a realidade do nacionalismo galego actual coa febleza organizativa do PG en 1936, un partido que acababa, por outra parte, de perder a súa representación nas Cortes nas eleccións de 1933? Que ten a ver facilitar a entrada de Esquerda Unida nun Parlamento galego onde xa está o nacionalismo co obxectivo estratéxico da consecución do Estatuto de Autonomía nos anos trinta, nun panorama político no que só unha organización minoritaria como o PG era o motor dese obxectivo e no que, ademais, o Estatuto debería ser aprobado, non o esquezamos, polos dous terzos do censo electoral? Lembra as palabras de Castelao no Sempre en Galiza: “…a nosa misión non era discutir postos en Madrid. O noso anceio estaba concentrado en Galiza e tiña unha finalidade próisima: gañar o plebiscito”. Mais incluso se falamos da importancia de contar con persoas que traballen na defensa da nosa nación nos foros parlamentares, que ten a ver actuar con pragmatismo para garantir a presenza do nacionalismo nas Cortes republicanas a través de Castelao, Suárez Picallo e Antón Vilar Ponte con promover unha coalición electoral para sentar a Yolanda Díaz e a opción que ela representa na cámara galega? Que ten a ver, en definitiva, Xosé Manuel, integrarse neste momento histórico nun pacto con organizacións marxinais no mapa político galego con sumarse en 1936 á Fronte Popular na que estaban os socialistas, os comunistas e os nacionalistas republicanos cataláns de ERC, todos eles preocupados pola vitoria das forzas da dereita nun momento no que estaban a avanzar en Europa as ideas de Hitler e Mussolini? E non che teño que lembrar a ti, ben o sei, que Castelao e Bóveda se integraron naquela Fronte Popular sen abandonar a súa militancia no Partido Galeguista, sen poñer en perigo a existencia do nacionalismo organizado. Sabes mellor ca min que precisamente a estratexia do PG era facer a alianza cos partidos estatais para dese xeito acadar a posta en vigor do Estatuto, o marco xurídico-político que os nacionalistas consideraban preciso á altura daquel tempo para favorecer un sistema de forzas políticas propias e, xa que logo, unha maior implantación do nacionalismo galego e a súa consolidación definitiva na sociedade. Xusto o contrario do que agora acabades de facer os de Anova promovendo a coalición con EU, un paso importante, desde logo, para que a esquerda española ocupe un espazo que por ela soa tiña difícil, e un paso moi valioso tamén para que unha forza política como o BNG, con trinta anos de historia a prol da defensa do noso país, teña aínda que concorrer nun escenario máis confuso e máis adverso. Esta é a miña lectura, Xosé Manuel, e seguramente a lectura que estes días están a facer milleiros de mulleres e homes que sempre te admiraron e que traballaron anos a anos para facer do BNG a esperanza dun outro futuro para a nosa patria. E quero lembrarche que cando todos e todas nós chegamos ao nacionalismo, ti xa estabas alí, agardándonos para proseguir o combate por unha Galiza soberana, proxectando en nós ilusión e luminosidade.                                  
Unha miña veciña, a señora María de Mouriños, moi velliña ela, pasou toda unha semana, mañá e tarde, podando na parra que tiña diante do alboio, de uvas ben saborosas, por certo, e ao cabo da semana cortou a parra polo pé.                                            

Saúde e unha fonda aperta, Xosé Manuel.   


1 2 3 4 5 6 7 8 9 seguinte

[19-09-2014 01:26] XOSÉ MANUEL LÓPEZ TRELLES comentou:

gústame

[24-10-2012 14:28] Cesar comentou:

Parece que a lectura que fixeron milleiros de galegos e galegas non concorda coa opinión que o autor do artigo ten sobre Beiras

[23-10-2012 18:49] fendecroios comentou:

Leirachá: De onde saíu Rodriguez e cando tivo humildade

[10-10-2012 00:33] o fouceelas comentou:

O BNG está claro que opta por seguir coas suas directrices estrictas e inmóbiles a pesar de continuar a perder votos. En todo caso, é a súa decisión. O que está claro é que os que votaremos alternativa galega de esquerdas, tamén temos cerebro e sabemos perfectamente o que eliximos.

1 2 3 4 5 6 7 8 9 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña