00:40 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-09-2012

Nada que ver coa nosa Cidade da Cultura

O Centro Cultural de Óscar Niemeyer de Avilés

Valorar (8)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Avilés é unha cidade exemplo de recuperación despois da crise do sector siderúrxico. A imaxe actual ten pouco que ver coa dos tempos desta potente e contaminante industria. O seu casco histórico está excelentemente recuperado, con moito coidado e gusto gañando para o público unha ampla zona verde, que pertenceu ao Palacio de Ferrera.                

Desde a Praza de España vese o  Centro Cultural Internacional, destinado a albergar diversas manifestacións artísticas e culturais, como exposicións, música, teatro, danza, cine ou gastronomía entre outras, pode ser un exemplo sostible dunha instalación desta natureza, construído nun tempo record, menos de tres anos, a primeira pedra púxose o 12 de abril de 2008 e inaugurouse o 26 de marzo de 2011, e cun orzamento asumible, uns 26 millóns de euros. Nada que ver coa nosa Cidade da Cultura.                

En 2008 creouse unha fundación encargada da programación de actividades do centro, a Fundación Centro Cultural Internacional Óscar Niemeyer, presidida pola conselleira ou conselleiro de Cultura do Goberno do Principado de Asturias, e dirixida por Natalio Groso, que foi o comisario xeral dos actos para o XXV Aniversario da Fundación Príncipe de Asturias, que deixou o posto para pór en marcha o complexo e deseñar a súa actividade cultural.          

Ao chegar Francisco Álvarez-Cascos á presidencia de Asturias enfrontouse á Fundación, o que deu lugar á separación da Fundación da xestión do centro. O goberno da comunidade anunciou que mantería a actividade cultural nos edificios, que lle pertencen, pero con todo a propiedade intelectual do Centro Niemeyer é da Fundación, polo que non poden ser utilizados polo goberno rexional, co nome de Centro Cultural Internacional Avilés.                              

Pero afortunadamente os políticos e as súas polítiquerías pasan de maneira que a pesar da súa accidentada apertura, parece que o novo goberno presidido polo socialista Javier Fernández, vai solucionar o conflito.                                    

Orixe do proxecto
                     

Situado na chamada “Isla de la Innovación”, o conxunto arquitectónico forma parte dun proxecto para a rexeneración urbana de Avilés, que ten como finalidade paliar a degradación que sufriu durante a industrialización dos anos 50 e a súa posterior reconversión.                            

Para empezar o proxecto no custou un euro, pois foi un agasallo do arquitecto brasileiro Oscar Niemeyer, premio Príncipe de Asturias das Artes 1989. A Fundación que outorga os premios, con motivo do seu XXV aniversario, pediu a cada uns dos galardoados unha colaboración dentro do seu ámbito e das súas posibilidades, e Niemeyer fixo un proxecto para un centro cultural con tres edificios, coa condición de que tería que estar rodeado de auga. O Goberno de Asturias decidiu facer a construción en Avilés, á beira da ría, por ser a cidade que tiña menos infraestruturas deste tipo. Converteuse así na única obra deste arquitecto brasileiro en España, un prodixio de vitalidade xa que aos 104 anos aínda segue traballando.                      

O conxunto completouse cun cuarto edificio de planta baixa destinado a recepción e información de visitantes, oficinas e cafetería, inspirado na marquesiña que conecta os dous edificios máis importantes, o auditorio e a cúpula.                       Situado nun lugar bastante degradado, entre o porto e a vía férrea, con todo a contorna mellorouse, estando en proxecto soterrar as vías e completar cunha canle de auga por un dos lados, a concepción que da contorna ideou o arquitecto brasileiro.                            

Un edificio da autoridade portuaria, cambiou o seu aspecto exterior con cadrados de diversas cores coma se fose un cadro minimalista de Doesburg. Os edificios de vivendas máis próximos están pintados, ata se rehabilitou o edificio dunha pequena estación dotándoa dunha pasarela de ferro oxidado para poder pasar a vía do tren ata a entrada do complexo cultural.              

A praza e o Auditorio
                         

Niemeyer é o arquitecto da curva e do formigón, ata o auditorio o decora co debuxo dunha garochiña, de novo as curvas, das que el ve na praia desde a súa casa de Río de Janeiro. Os edificios son brancos, con algunhas superficies coas cores primarias, o amarelo, o vermello e o azul. A praza obedece á concepción que o arquitecto ten dos espazos públicos e da cultura: "Unha praza aberta a todo o mundo, un lugar para a educación, a cultura e a paz". Por iso este espazo está unido ao Auditorio, pois a parte posterior do gran escenario pódese abrir ao exterior, permitindo concertos para 10.000 persoas.                

O Centro Cultural de Óscar Niemeyer de Avilés

No interior, a capacidade é de 900 butacas, 6 destinadas a minusválidos. Non hai plateas, nin palcos, nin anfiteatros. Un único espazo para todos, non hai clases, nin prezos diferentes para as entradas, a cultura debe estar ao alcance de todos. Esta é a filosofía de Niemeyer. A acústica é excepcional.                                

No soto ten unha sala máis reducida para pequenas actuacións, salas de ensaio, camerinos e outras instalacións, e o vestíbulo, enmoquetado de vermello, é unha gran sala de exposicións.                          

A Cúpula
                                       

Amante do formigón armado, que moldea inspirándose nas formas da natureza, a súa construción foi realizada pola empresa madrileña Estruturas DOMO. Mide 55 metros de diámetro e 18 de alto, e levantouse en apenas dous meses traballando desde o interior.                                  

A construción comeza cun produto téxtil, unha tea presurizada de PVC de gran resistencia que ocupa todo o perímetro da construción. Esta operación fíxose o 2 de febreiro de 2009. Unha vez ancorada a estrutura de cimentación, insuflase aire no seu interior mediante equipos mecánicos ata lograr que a membrana adquira a xeometría final da cúpula.                            

Despois fórmanse as capas de formigón en diferentes fases mediante a técnica de proxección e armaduras de aceiro ata alcanzar o espesor requirido.                                
O exterior pode quedar recuberto polo PVC, como foi o caso dado que así protexe o formigón. Aínda que hai unha ampla gama de cores, a cúpula de Avilés é branca. Tamén se pode retirar a membrana e deixar o formigón á vista.                              
O chan interior está cuberto de moqueta vermella e as paredes pintadas de branco. Este edificio estás dedicado a sala de exposicións cunha superficie duns 4.000 m2. A acústica é excelente. Dúas persoas situadas nos extremos do diámetro, e dicir, nas paredes opostas da planta alta, poden escoitarse con nitidez sen ter que elevar a voz. A planta baixa e a alta comunícanse cunha escaleira en curva.                                    

A Torre
                                   

É un miradoiro sobre a ría e a cidade, de 20 metros de altura, onde se situará o restaurante e a cocktelería. É como un cogomelo, pero a primeira vista dá a impresión de ser a torre de control dun aeroporto ou a torre de transmisión dunha emisora de televisión. A rampla de acceso vai envolvendo e abrazando ao mesmo tempo a columna que serve de soporte á plataforma acristalada do miradoiro, coma se fose o gancho dunha planta trepadora.    


[12-09-2012 11:53] Mormentelos comentou:

O artigo é moi bo pero o de \"casco histórico\" a estas alturas...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña