09:08 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-09-2012

Arredor da confusión e menosprezo das palabras Politic@s e Política, tan potenciadas hoxe, e das consecuencias que isto produce

Polític@s, Política

Valorar (30)

LOIS DIÉGUEZ



De forma xeral, enténdese por política as directrices que rexen a actuación dunha persoa ou entidade nun campo determinado da vida. Quérese dicir, que o xeito que temos de arranxar as cousas para acadar unha vida mellor, chámase política, goberno de algo, da casa de cada un, das relacións cos outros, ou destas coa administración pública. Todos e todas administramos a nosa vida. Así que non se pode reducir o concepto á actividade, arte ou ciencia referida aos ou ás que gobernan unha nación ou un estado; aos polític@s profesionais, xa que logo, porque caeriamos nunha contradición e nunha negación de nós mesmos como persoas sociais e sociábeis, é dicir, como persoas políticas. Todos e todas somos polític@s.                                                        

Deste xeito, cando afirmamos que todos os políticos son iguais, ou corruptos, ou aproveitados... estamos a dicir, consciente ou inconscientemente, que nós somos iso tamén. Ou estamos a fuxir dunha obriga que temos para traballar por unha vida individual e colectiva que se achegue todo o posíbel ao que entendemos por benestar ou felicidade. Estamos a facer política dun xeito ou doutro, en positivo ou en negativo.                                                  
Por iso fico abraiado cando se lanzan con tanta xenreira e simpleza graves acusacións contra persoas que nada fixeron ao respecto. Sería máis correcto, pois, en todo caso, especificar as acusacións que consideremos a políticos, si, pero políticos profesionais, que son aqueles que viven de facer política, e dentro destes, exclusivamente a quen se aproveitan dos seus cargos, non á xeneralidade, do mesmo xeito que non podemos afirmar tampouco que todos os médicos, arquitectos, profesionais, funcionarios ou traballadores dos distintos ramos, obran igual.                                                  

Platón e Aristóteles en "A escola de Atenas" de Rafael (1510-1511)

Esta trampa introducida curiosamente con grande intensidade cando comezou, máis que unha  crise, o estoupido deste sistema capitalista inxusto e abusivo até o paroxismo,  está levando a unha anarquía e caos nas ideas que, ao final, acaban volvéndose contra quen padece a situación e non contra quen a creou, insaciábeis estes nas ganancias económicas, nos crimes e nos roubos que cometen segundo o país onde actúen. En Oriente matan para se facer coas riquezas dos pobos soberanos (en nome, ademais, da democracia, que sarcasmo); e en Occidente rouban e enganan sen medo xa ás consecuencias, porque non teñen problemas coa xustiza.                                                  
Só así podemos entender que cando os da rapina, políticos profesionais que apoian o estado capitalista puro e agresivo, lanzan mentiras e indignidades contra os conceptos de partido, solidariedade, organización social que vai contra os seus postulados, alternativas políticas contra o abuso e a inxusticia, ou nacionalismo, idea política de insubmisión que libera a persoa do asoballamento e do imperio, a xente en xeral, repita  como acertadas estas ideas que nos meten na involución do conquistado e na negación dun posíbel cambio.                                                      
Porque, controlando eles ese poder que todos odiamos, negan tamén a posibilidade que temos de debater a confusión e a mentira nos tan activados e xa dependentes medios de comunicación públicos ou privados, e por iso, o único xeito posíbel de contrastar ideas e aclarar obxectivos. Nestes momentos e desde hai anos xa, só poden falar os e as do PP e do PSOE. Só estes. E os demais que forman parte doutros partidos e organizacións, polo xeral máis honestos e con ideas de cambio real, non, porque o teñen negado polo propio sistema. Democracia... ula? Liberdade de ideas... quen a posúe? Consciencia política... quen pode tela? Liberdade de partidos... onde, na práctica da súa función social libre, variada e cos mesmos dereitos? Unha economía dirixida e controlada, anula a democracia e a posibilidade de poder distinguir entre o acertado ou o imposto, entre o verdadeiro ou o falso; anula, en fin, a capacidade de decidir calquera aspecto con coñecemento profundo do seu significado e consecuencias.                                              

Así non pode estrañar que porcentaxes elevadísimos de xente coiden que con menos deputados no noso parlamento podemos aforrar cartos, sen decatarse de que o problema non está aí, senón en como e con  que criterios económicos nos gobernan e con que sentido democrático real; ou teñan conciencia de que a administración do Estado está superposta á autonómica, ou de que a monarquía é un floreiro que custa moitos cartos e nega a igualdade das persoas, ou que as Deputacións ou o Senado son institucións mortas impostas politicamente para o control da xente e dos territorios, ou pensar que poida haber outra forma de organización social que non estea baseada nos partidos. Cal, que alternativa se ofrece?  Ou pida que alcaldes, concelleiros ou deputados cobren os mínimos, sen decatarse de que por esa vía, acabarán accedendo a esas resposabilidades só os ricos. É dicir, a volta á Idade Media e ao señoritismo franquista hoxe redivivo.                                                
Podemos afirmar hoxe sen titubeo que calquera elección de persoas para cargos políticos é realmente democrática? Todos os partidos e persoas ou colectivos teñen as mesmas posibilidades de expoñer programas e ideas? E xa que estamos na demagoxia infernal de aforrar (só o que custa calquera dereito social, claro), por que non se prohibe a inversión económica nas campañas e se substitúe pola presenza nos medios de comunicación e en calquera escenario público en plano de igualdade para quen  se presenten? Por que os resultados non se distribúen de forma directamente proporcional aos cargos a elixir? Por que non se elimina a barreira do 5 por cento para entrar no cómputo final? (son milleiros de persoas as que quedan discriminadas e anuladas na súa capacidade de decidir). Por que se permite comerciar coa papeleta de voto no canto de regular que se colla só nas cabinas?

Vítimas dun sistema que fai auga por todos os lados e que insiste nos tópicos dunha democracia falseada, as xentes populares (do pobo, evidentemente), debátense hoxe entre o medo e a incomprensión até das matemáticas que rexen as directrices económicas. E vítimas desa inxección de que as cousas son así e non se poden mudar e hai que apandar co que veña, o sentido da rebeldía, da mellora social ou da alternativa posíbel queda tamén secuestrado. Este é o panorama que pode afogar o futuro de millóns de seres, o panorama ante as próximas eleccións. Enfrontalo non parece precisamente doado hoxe; pero se non o facemos, a esperanza e a ilusión desaparecerán por moitos moitos moitos anos.


[18-09-2012 18:56] Xosé Manuel Rodríguez Rodríguez comentou:

grazas Lois, agora e tempo de espallalo.

[07-09-2012 20:49] Xosé Lois González Souto comentou:

Para que os ignorantes digan que os políticos son todos iguais, moi bó artigo Lois.

[07-09-2012 09:21] Manuel Martins comentou:

Excelente artigo, fazia falta.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña