12:09 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-09-2012

Ten que se vencellar a economía política cunha acción política que procure a transformación social, para que non fique nun simple coñecemento de gabinete sen utilidade práctica

Leccións de economía política

Valorar (14)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Día tras día asistimos a aulas aceleradas e casos prácticos desta disciplina afectando directamente as nosas vidas                               

Enténdase como se entender a economía política é innegábel a vixencia e necesidade desta ciencia social para comprender e explicar o que estamos vivindo a nivel socioeconómico na actualidade. O estudo do traballo como fonte de valor, das relacións da economía e o poder político nos estados e noutras institucións supraestatais, a análise das crises e os ciclos económicos como fundamento da crise xeral do Capitalismo, ou da evolución do capital financeiro e dos procesos de acumulación, entre tantas outras materias, faise totalmente necesario e esclarecedor. A realidade padecida agora polas periferias europeas desmente calquera proceso de enterramento das ideoloxías ou de que chegou a fin da historia, que nunca fora tal para a imensa maioría da humanidade. Máis ben o que chegara era o neoliberalismo tentando impór o seu pensamento único, que máis ben habería que chamar pensamento cero.                                   

Diariamente se están a producir unha manchea de novas de carácter económico con consecuencias directas e moi fondas a nivel laboral, de dereitos sociais ou sobre a dispoñibilidade de renda por parte das persoas. Porén, o fluxo desa información está subtilmente controlado e dirixido por esa ideoloxía neoliberal que procura orientar o mundo cara os seus intereses, contrarios ás maiorías sociais. A desinformación e a saturación desas novas negativas busca producir medo nos pobos e, polo tanto, inacción. En calquera caso, a realidade vivida por cada persoa imponse en moitas ocasións sobre a propaganda e a mentira. Hoxe por hoxe a xente fala de economía, e tamén de política malia que diga renegar da mesma. É unha boa base de partida para fomentar a discusión e para contrastar proxectos e alternativas, o cal nos poida levar ao obxectivo de superar o confusionismo das persoas, a aumentar a toma de conciencia e a acadar unha praxe de acordo cos seus intereses nacionais e de clase, que en Galiza representa o nacionalismo. A economía política é pois unha ferramenta de análise e interpretación especialmente válida nestes intres, tanto pola súa dimensión teórica como polas consecuencias prácticas que se derivan.                                

Ducias de exemplos temos de cote. Nas últimas xornadas a liquidación das caixas e as fusións bancarias dannos pé a falar da concentración do capital ou da drenaxe do excedente –léase aquí do aforro galego- cara a fóra; a estafa das preferentes suxire reflexionarmos verbo da inviabilidade do capitalismo popular ou da apropiación –indebida- polo sistema financeiro; as medidas do Estado Español e da Unión Europea invitan a pensar na función de clase destas institucións; e da especulación coa débeda pública nos mercados podemos tirar conclusións sobre cales son os mecanismos e finalidades do actual sistema económico.                                     

Unha outra nova deste tipo xurdiu antonte nos xornais. A troika quere que en Grecia se traballe seis días á semana e unha desregulación aínda maior do mercado laboral. Máis unha medida regresiva contra a clase traballadora. Para alén da perda de dereitos que non han volver –se non é con moito esforzo e anos de loitas- estamos ante un afondamento da transferencia de rendas do traballo ao capital, e da periferia europea ao centro do sistema, á banca alemá en derradeira instancia. O que se vai conseguir con isto é aumentar as horas de traballo, algo que xa se viña facendo a través de xornadas máis longas e vidas laborais máis estensas ao se atrasar a idade de xubilación. Ao tempo, nun contexto de salarios que diminúen, a acaparación capitalista da plusvalía dese traballo excedente vén sumarse á xa existente ao comezo, empobrecendo aínda máis ás clases populares. Estamos ante unha proba que con seguridade se ha estender a outros países do sul de Europa de conseguir implantala en Grecia. En Galiza debemos tomar boa nota disto, e de cara a onde nos levan este tipo de propostas.                                           

A análise e explicación da realidade inmediata e das propostas sistémicas nesta crise permítenos esclarecer moitos procesos que noutras ocasións pasaban máis desapercibidas para a maioría das persoas. Os postulados estremistas por parte do capital no vixente contexto facilitan facer máis evidentes os seus mecanismos fondamente inxustos. En consecuencia, a aplicación do coñecemento científico á interpretación destes fenómenos debe levarnos a incidir na politización da sociedade. Ten que se vencellar, xa que logo, a economía política cunha acción política que procure a transformación social, para que non fique nun simple coñecemento de gabinete sen utilidade práctica.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña