12:20 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-08-2012

O Informe do Banco de España sobre o estado do sistema financeiro no primeiro semestre de 2012 apunta a un “corralito” xeneralizado para 2013

Non hai banco bo

Valorar (56)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Non hai máis orientación na política económica do Goberno do Estado que tentar de salvar a conta de resultados da banca. Quérennos convencer así das vantaxes dun segundo rescate, que xa anunciabamos nun artigo anterior e que seguro que non será o último, coñecedores de que o sistema financeiro é un furado sen fondo. Fálannos tamén das bondades dun “banco malo”, un sorte de entullo onde arrombar todo o lixo que atesouran as entidades de crédito, pola contra calan a contía da factura do mesmo para o pobo. Pretenden ao fin seguir mantendo con respiración asistida a un sector bancario catatónico, o burro rebentado ao que nos temos referido, á forza de deixarnos sen osíxeno.                

O pasado 16 de Agosto, o Banco de España facía público un informe no que analizaba a situación do sistema financeiro no primeiro semestre deste ano e do que curiosamente os medios de comunicación só informaron de xeito anecdótico, calando aqueles dados de máis relevo e por conseguinte máis esclarecedores. O xa famoso e tradicional “Informe semestral de conxuntura sobre o sistema financeiro”, a diferenza do acontecido nos anos das vacas gordas, non mereceu máis que unha atención colateral, precisamente por debuxar un panorama absolutamente desolador, no que destacaremos o volume de perdas, a distribución do crédito e o índice da morosidade. En definitiva uns dados para botarse a tremer.            

Era cuestión de tempo, porén non resta valor ao dado, o 30 de Xuño a taxa de morosidade bancaria acada os seus niveis máximos de toda a serie histórica, isto é, desde 1962, situándose no 9,42% do total do crédito concedido o que   representa unha cifra 164.360 millóns de euros e pulverizando a anterior marca que se achegaba o 9,15 da masa crediticia. Se preocupante é a taxa de morosidade ou que esta signifique arredor do 16% do PIB do Estado, máis grave é aínda a velocidade co que se están a deteriorar os balances das entidades. Reparemos que tan só nun mes, desde maio a xuño, os bancos tiveron que incluír como dubidosos, e polo tanto en mora, créditos por valor de case 8.400 millóns de euros, ou que a morosidade no último ano aumentou en máis dun 70%.        

Emilio Botín e Rodrigo Rato

Outro tanto acontece coa contracción do crédito, fenómeno que se dá pola vía do desenpancamento financeiro pero que ten un impacto distinto en función dos beneficiarios do mesmo. Se ben as grandes compañías na práctica non están a sufrir o feche da billa da liquidez sendo -iso si- obrigadas a aportar máis garantías e destinar os novos créditos a posibilitar o seu refinanciamento, pola contra os particulares e as PEMES vense imposibilitadas de acceder a financiamento bancaria o que explica tamén os comportamentos do mercado de traballo. Neste caso tamén os dados non poden ser máis clarificadores até o punto de que mentres entre os particulares e negocios que facturan menos de 50 millóns de Euros, o crédito descendeu desde 2009 nun 300%, na outra franxa, isto é, persoas físicas ou xurídicas cuxas rendas superan os 50 millóns, a porcentaxe do mesmo situase en niveis de 2008.

As perdas do sistema financeiro no primeiro semestre de 2012 tamén acadan máximos históricos ao situarse en 10.535 millóns de euros, unha contía que se deriva das novas esixencias de capital impostas polas reformas financeiras, e que te moito a ver coas provisións que realizou o sector no período e que se achegan a un monto de 18.574 millóns de euros. Xa no último semestre de 2011, as entidades de crédito tiveron que enfrontar perdas por un valor de 2.822 millóns de euros, contía que semella insignificante á vista dos números deste ano, e aínda máis na perspectiva do actual escenario económico até final de ano.

Á vista das condicións nas que se colocou aos particulares o capital subordinado, as preferentes non son outra cousa, e do disposto no memorando asinado polo Goberno do Estado e da Comisión Europea con motivo do primeiro rescate, ”serán os accionistas e os propietarios do capital subordinado quen se teñan que facer cargo das perdas dos bancos”, é evidente que estamos as portas dun “corralito” xeneralizado que afectará a práctica totalidade do sistema bancario.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña