05:17 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-04-2010

Un espírito libre que non se afastou o longo do seu camiño de ser quen era, un home garboso do seu oficio, que o longo dos moitos anos da súa vida sígueu a defender o que xa defendera de sempre

Carpinteiro de praia

Valorar (24)

XOSÉ PLÁCIDO BETANZOS GARCÍA



As súas lembranzas dende sempre, dende que tivera acordo, xiraban arredor da carpinteira de praia, e acompañárono  ata o derradeiro día, cecas por eso mesmo endexamais deixou de martelar nas dornas.

Un espírito libre que non se afastou o longo do seu camiño de ser quen era, un home garboso do seu oficio, que o longo dos moitos anos da súa vida  sígueu a defender o que xa defendera de sempre.

Os novos tempos non o fixeron mudar das ideas. O seu carácter debeu medrar e afortalarse cos arrecendores da madeira secándose o ar da primavera, do almagre, o xofre e a brea quecendo no pote.

De noviño, traballaban debaixo dun pendello que os libraba das choivas e tamén do soles do vran, aló aprendéronlle o oficio. Encomezaba a dorna sempre partindo dos patróns, xa que, neles, estaban marcadas as proporcións con tanta firmeza e exactitude coma un trisquel nunha pedra milenaria que nin o paso do tempo foi quen de desborrar.

Sabía facer a escala co compas. Aplicaba técnicas gardadas de pais a fillos para saber os efectos da carga, do traslado de pesos abordo, así coma tamén do calado, a escora, e a estabilidade, aló nada quedaba o antollo das olas das longas invernías dos nosos mares.

Non sabia de onde procedía esa sabedoría, e a súa resposta a cada pergunta sempre era a mesma:

-Aprendéronme deste xeito, eu non sei de onde chegou ou se naceu eiqui, sempre foi así.

Ninguén soubo de certo de onde viñan, nin os millores mestres que había daquela nin os antergos sabían dar unha resposta da construcción.

Mamou os sons dos serróns, de punta e de cota, fendendo as táboas. Tamén os dos martelos empurrando con forza os cravos ata as entrañas da madeira  que nin os mais bravíos temporais foron quen de descravar.     

No chan, a carón del, sempre, a caixa dos cravos con moitos departamentos para telos ordeados por tamaños, e a ferramenta pequena, compás, barrenos, botadores, martelos.

Sete cuartas para unha polbeira e de doce a dezaseis para unha xeiteira e daló partían as varengas. As medidas da quilla dependendo do oficio a que se ía a adiar era de pao de carballo fresco e co machado íase desbastando para darlle a forma axeitada deixando uns rebaixes a cada lado para acoller as táboas deixando sempre a vista o medio para o bitoque.

O gramil marcando o groso que non debía rebaixar a aixola. Traballábanse  as partes curvas da roda e do cuaño por dentro e por fora ata darlle a forma requirida que o medio codo lle marcara, antes de pasarlle os cepillos que adoitaban as formas curva para traballar por dentro e a convexa por fora. E para as táboas  mais estreitas usábase a xunteira.

Subíase ao tóro a mula e quitábaselle a tona cunha machadiña para logo cun cordello mollado en almagre marcar o camiño por onde debía discorrer a folla de serra.

Un home por riba e outro por baixo manexaban aquela enorme artiluxio sacando táboas unha detrás de outra.

As táboas de cubrir, as de virar, as do plan, as da primeira e segunda quilla, a rabeira e a estampa de popa, os corredores e así todas.

Pasarlle a garlopa e o garlopín para deixar a madeira sen croques e encomezar a tarefa de cubrir partindo da quilla, montándoas xusto no remate, unhas por riba das outras. As varengas para afortalar a estructura e aumentarlle a  resistencia, sempre eran doce coma os apóstolos.

No remate o banco do traste coa súa fura, banco de meo, o panel do meo, o de couso, a aparella, o banco do cofiño  e os corredores cos invornais.

Os tempos foron mudando pouca pouco e as dornas de madeira xa pouco se facían, e este oficio ía desaparecendo, e el debía conformarse con botar algunha táboa nunha embarcación vella, as veces unha remadoira damura de couso ou a caverna do meo, remendar un corredor ou o que fixera falla.

Aínda así seguía coas súas ferramentas facendo o seu traballo a diario ata os derradeiros días do pasamento.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña