13:57 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-08-2012

Hai que ter un corsé ideolóxico ben ríxido para non ver en semellante cúmulo de medidas unha política que en palabras de hoxe só se pode definir como colonial

Castración e doma

Valorar (79)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA


                   

No outono de 1486 os Reis Católicos estaban en Santiago. Había máis de cen anos que os monarcas casteláns non visitaban Galicia. A decisión de facelo agora tiña un evidente significado práctico e simbólico.                          

O cronista Vasco da Ponte utiliza varias veces a expresión «entrada [dos reis en Galicia]» para referirse a esta viaxe, palabra que indica o seu carácter de expedición militar. De feito, a documentación da época testemuña que a visita ao Apóstolo facíase con intención de «castigar las cosas (...) del Reyno de Galicia». Por iso a data reviste unha enorme trascendencia na Historia de Galicia. Representa o remate da nosa Idade Media e, con ela, o da propia existencia do Reino de Galicia, por máis que este formalmente seguise existindo ata o ano 1833.                          

As disposicións dos Reis Católicos foron en extremo contundentes. Naturalmente, a personificación do proceso histórico constitúe unha simplificación, pero a Historia ten que simplificar para facer comprensible, e por outra parte determinadas figuras históricas, pola súa posición no entramado social, fanse albo de responsabilidades colectivas. Nos anos 80 do século XV o Reino de Galicia foi sometido a unha auténtica ocupación militar que eliminou de maneira calculada e sistemática todos os referentes políticos propios, convertendo o país nun territorio politicamente desarticulado e enteirametne dependente de Castela. É verdade que a desnacionalización de Galicia iniciárase con anterioridade, pero a partir deses momentos acelerouse bruscamente e provocou os longos séculos escuros que habían de durar ata o século XIX.                        

O cúmulo de medidas adoptadas polos Reis Católicos e as consecuencias que tiveron foron designadas coa coñecida expresión de castración e doma de Galicia. A atribución da frase ao cronista aragonés Gerónimo Zurita serviu logo de motivo para esgrimir a utilización dun mito historiográfico por parte dunha suposta historiografía nacionalista; concretamente contra Castelao, ao que se considera culpable da “manipulación”.                          

Dicir que o da castración e doma é un invento de Castelao parece certo, mais non se trata de ningunha manipulación, posto que Castelao non dí que autor fose Zurita.              

Por primeira vez a leo no Cap. XIII do Libro Terceiro de Sempre en Galiza. Con ela Castelao quere ilustrar as consecuencias da política de Isabel a Católica, e aínda que na edición impresa se utiliza a cursiva, en cambio non vai entre comiñas, tal como correspondería a unha reprodución textual. No Cap. XXV do mesmo Lib. Terceiro xa nin sequera vai en cursiva, e a continuación, no Cap. XXVI explica o que el quere dicir con semellantes palabras: «os Reis Católicos domaron a nobreza e castraron ao pobo».                          

Cando Castelao cita a Zurita (no mesmo Cap. XXVI) faino correctamente: «En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia, porque no solo los señores y caballeros de ella, pero toda la gente de aquella nación, eran unos contra otros muy arriscados y guerreros», tal como efectivamente aparece nos Anales de la Corona de Aragón (Lib. XX, Cap. 69).                        

O caso foi que a partir do texto de Castelao creouse a atribución a Zurita, o cal fixo pensar nunha manipulación da fonte. Na Historia de Galicia, publicada pola AN-PG en 1979 eu mesmo, como autor da parte correspondente á Idade Media, reproducía a frase como se fose do cronista (p. 92). Sen embargo, cando posteriormente percorrín a súa obra, comprobei que o da dolorosa castración non era cousa del. Por se o erro radicaba na autoría, procureina tamén minuciosamente noutro autor da época, Hernando del Pulgar, con mesmo resultado. Así pois, noutra Historia de Galicia, publicada por A Nosa Terra en  1991, procedín a eliminar a discutida frase e reproducín o texto tal cal é.                        

A pesar de todo, a expresión castración e doma continúa en uso. Recoñezo o pleno dereito a valerse dela, mais sempre que non se fomente o equívoco de facela pasar por texto histórico e fique ben clara a autoría de Castelao. Aínda mellor coido que sería desterrala, porque ademais o da castración é forte e irreversible.                        

E non é que non exprese de maneira moi plástica o acontecido naquelas datas. O propio Zurita asegura que a actuación dos Reis Católicos en Galicia produciu «terror e espanto», e Vasco da Ponte concreta aínda o temor infundido a toda a nobreza galega: «cortaron la cabeça a Pedro Pardo o mariscal. Y todos los señores se reçelaban» (Relación, § 443).                        

Non era para menos. Cando os ditos reis se presentaron en Compostela, xa fora executado Pardo de Cela e derrotados militarmente os máis activos condes opositores á súa política: o de Soutomaior (Pedro Álvarez, logo asasinado) e os dous sucesivos de Lemos (Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo Enríquez de Castro).                          

Para o completo dominio de Galicia, os Reis Católicos erradicaron do país á nobreza autóctona (baixo ameaza de pena de morte), e colocaron casteláns en todas as institucións con capacidade executiva: todos os oficiais da Audiencia, da Santa Hermandad e da Inquisición. O primeiro Gobernador e Capitán Xeneral (cargo máximo de control do Reino) foi o castelán Fernando de Acuña (por certo, cuñado do máximo adversario de Pardo de Cela e responsable directo da súa execución), e o seu sucesor o andaluz Diego López de Haro, ambos dotados de atribucións para procedementos sumarísimos. Como Alcalde Maior nomearon a García López de Chinchilla, manchego. Os Concellos foron intervidos por medio de correxedores tamén foráneos. E os mosteiros, coa escusa dunha reforma, absorbidos por congregacións de Castela, impoñéndose (non sen oposición) priores vidos de fóra, co respaldo da Coroa castelá e servidores dela.                          

Hai que ter un corsé ideolóxico ben ríxido para non ver en semellante cúmulo de medidas unha política que en palabras de hoxe só se pode definir como colonial, e para querer negar a decisiva influencia disto na inevitable desnacionalización forzosa e violenta de Galicia.


1 2 seguinte

[25-09-2012 17:31] Marcos comentou:

Algunha recomendación bibliográfica (historiográfica, libre de ideoloxías) para poder profundar nesta época concreta da historia do Reino de Galicia? Moitas grazas!

[21-08-2012 21:06] AntonioGil comentou:

Quer dizer, Fernando interveio como "consorte" mas não como titular. Porém, anos depois, já morta Isabel, sim interveio como regente de Castela na conquista e anexação do reino de Nafarroa à coroa de Castela e não à de Aragão, de que ele era monarca titular. *** O labor (?) dos reis, que tanto montavam, com os nobres galegos foi, penso, duplo: erradicar as casas nobres que puderem (continuar a) ser cabeça do Povo e, erradicando, promover que contribuíssem (a maioria delas) no fortalecimento da coroa de Castela e, de rebotalho, da coroa de Aragão. *** De facto, penso que se pode afirmar que a Castela, "madre de españa", é em grande medida feitura dessas casas nobres galegas. N'é?

[20-08-2012 14:34] A. López Carreira comentou:

A AntonioGil:
Debo repetir que iso de "castración y doma" (que dito así, en castellano, parece cita textual) é frase inexistente nas crónicas da época.
O rei Fernando si que interveu en Galicia: el en persoa acudiu contra o conde de Lemos, e en 1486 ven a Compostela. "Tanto monta, monta tanto": ambos monarca$s podían actuar na Coroa do consorte, se ben en cada unha delas rexían as súas propias leis e tiñan xurisdición os oficiais correspondentes. Malia a intervención persoal de Fernando en Galicia, no séc. XV este reino pertencía á Coroa de Castela.

[17-08-2012 19:02] AntonioGil comentou:

Uma pergunta: A "castración y doma" foi obra - mandato - dos reis Isabel e Fernando ou, antes, de Isabel, aconselhada por Fernando. Porque no que eu entendo, a soberana do "reino de Galicia" (que diz o autor) era só Isabel. E pelo que leio vejo que os citados e outros mais são todos súbditos da "reina católica"; penso que na "castración e doma" não interveio nenhum aragonês nem qualquer outro súbdito do Fernando. Estou no certo? Obrigado!

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña