00:30 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-08-2012

O resume que se podería facer a día de hoxe desta exposición é moitas pedras, moitos cartos, pouca información e poucos visitantes

Gallaecia Petrea, outro despropósito

Valorar (11)

ADOLFO DE ABEL VILELA



O resume que se podería facer a día de hoxe desta exposición é moitas pedras, moitos cartos, pouca información e poucos visitantes. Un fracaso que o conselleiro de Educación e Cultura non quere admitir.      

A pesar de contar cun plan estratéxico, logo de estar esperando dous anos por un documento que agora resulta que nun cincuenta por cento é copia literal doutros informes, os responsables políticos, dígase presidente da Xunta e conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, seguen sen ter claro que facer coa Cidade da Cultura, o cal é triste. Unha boa proba é a exposición Gallaecia Petrea, que se inaugurou o pasado 15 de xuño, e que vén ser un despropósito máis que engadir á historia deste nonato, pretendido e xa fracasado complexo cultural.

Desgraciadamente non se da atopado o camiño para facer algo coherente e viable nesta mostra do delirio de grandeza da época de Fraga que consome todo, e máis, do que se debería de investir, por exemplo, en atender e salvar o noso rico e variado patrimonio, en lugar de investilo nun pozo sen fondo que está hipotecando por moitos anos a atención que a Xunta ten obrigación de dispensar aos diversos sectores da cultura deste país.      

Vicente Todoli, exdirector da Tate Modern de Londres e doutros importantes museos de arte contemporánea, acaba de dicir en Santiago referíndose á Cidade da Cultura que “para justificar un error se comete otro y se continua invirtiendo en algo que no tiene ningún sentido y, si los centros culturales no tienen sentido, lo mejor sería dedicarlos a otro uso” ( La Voz de Galicia, 3-07-2012. p. 44).  

Unha exposición temporal en lugar dun museo
 

Para xustificar un erro, cometese outro. En primeiro lugar chama a atención que se inaugure cunha exposición nun edificio que se denomina oficialmente “Museo de Galicia”, cando en realidade nace como unha sala de exposicións temporais. Porque Gallaecia Petrea é iso, unha exposición temporal que se abriu o 15 de xuño e que ten previsto pechar o 15 de decembro.    

Sorprende que nun momento de grave crise económica, en que se están reducindo servizos asistenciais básicos, despedindo persoal contratado, rebaixando o soldo aos funcionarios, aumentando a xornada laboral, todo iso como consecuencia do descontrol do gasto público dos que os cidadáns non somos responsables directos, pero si consentidores dos políticos que en cada momento tiveron o  goberno, se gaste nunha exposición que vai estar aberta seis meses un millón e medio de euros.    

Con ese diñeiro podíase montar un auténtico “Museo de Galicia”, que mostrase ao visitante o que foi a nosa historia e a nosa cultura, ou un museo de arte contemporánea galega coas coleccións de arte de Caixa Nova e Caixa Galicia.    

“Pasou o día e pasou a romaría”, así que despois deste evento o impropiamente chamado “Museo de Galicia”, volverá quedar baleiro, como o estivo aberto ao público desde o mes de novembro do ano pasado para que o público vexa, o que en palabras de Todoli é, un espazo tautolóxico que funciona “como un espejo de su autor, un homenaje que el arquitecto se hace a sí mismo”, ao que hai que engadir, a soberbia do poder que pagamos todos.    

Unha decepción    

O esforzo económico e persoal despregado neste evento, na miña opinión, non está á altura do resultado final. O visitante atópase cunha montaxe confusa, perralleira, sobre pales, por outra banda nada novo nin orixinal, que  nos fai pensar que estamos nun almacén de materiais de construción. Moitas pedras, algunhas con pegadas de rozaduras e roturas producidas no traslado ou na montaxe, e para ser benévolo, moi escasa información de tipo xeral.    

Aínda que cada unha das seis seccións en que se organiza a exposición, Prehistoria e Roma na planta primeira: Medieval na segunda; Moderna na terceira, e Xeoloxía e escultura Contemporánea, na planta -1, hai un panel cun texto de introdución, que non excede da media ducia de liñas. Os vídeos que se proxectan son mudos, nin sequera se identifican con letra as fotografías do que aparece.    

Menos mal que cada peza ten unha ficha, algunha con erros notables, como é o caso dun escudo indebidamente atribuído ao Cabido da catedral de Lugo procedente do Museo Diocesano, ou unha das catro bocas da fonte do Obelisco ou da Alcachofa, tamén de Lugo, que din que é do século XVIII, ao que lle atribúen dous autores, cando en realidade é a peza dunha fonte deseñada polo enxeñeiro provincial Marcelo Sánchez Movellán, que se inaugurou o 19 de novembro de 1853. Os comisarios de recoñecido prestixio, tamén se equivocan, porque hai o malo costume de copiar todo canto está escrito sen antes encomendarse a Deus ou ao demo, pois moitos destes profesionais que imparten docencia na universidade deberían ter en conta, e advertir aos seus alumnos, que “O papel terma do que lle poñen”.    

Dá a impresión de que foi unha exposición feita ás carreiras, con erratas nalgunhas cartelas que evidencian que non se revisaron, soportes baleiros que se supón que estaban destinados a albergar pezas, algunha reprodución innecesaria e a distribución aos medios de fotografías de pezas que finalmente non están na exposición. O esforzo e o traballo dos sete comisarios, e dos 76 profesionais e investigadores que din que participaron na montaxe, non se corresponde co resultado final. Mais ben fanse partícipes   dunha exposición aparentemente chapuceira.      

”¡que cara é a nada!”
     

Sobre a valoración do contido remítome ao dito por José Carlos Bermejo Barrera, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela, (“Gallaecia Petrea: ¡que cara é a nada!.”. La Voz de Galicia, 25-06-2012. p. 14): 

“A exposición carece de sentido histórico, histórico-artístico ou estético”.
“A secuencia cronolóxica que se ofrece non ten valor, pois non se explica que clases de obxectos corresponden a cada época e por que”.
“Todo serve se sabemos apreciar a idea do valor en si mesmo da pedra pura. Se non non se entende nada”.
“Nada se di dos canteiros, dos albaneis, dos escultores. Nin sequera dos privilexiados destinatarios dos das lápidas funerarias. Non se explica como se pasa dun guerreiro castrexo a unha virxe para rematar nuns sarcófagos baleiros da época contemporánea”.
“Exaltación da pedra nunha casca de pedra, a exposición Gallaecia petrea, cun custe conxunto dun millón e medio de euros nun país que lle regatea as medicinas aos seus pensionistas, é todo un símbolo das palabras baleiras, da pomposidade e da vaidade coa que naceu e coa que morrerá a Cidade da Cultura”.    

Para terminar dicir que cando fixen a visita o sábado, 30 de xuño, cara ás 11,30 da mañá, as salas das plantas altas estaban baleiras, só ocupadas polos vixiantes dunha empresa de seguridade que para matar o tempo falaban das súas cousas. Tampouco había catálogo que se presentou o día 2 de xuño. Esperemos que durante o verán aumentase a concorrencia e que o prezo da entrada, 4 euros, non sexa un motivo disuasorio para a visita. Na XVII edición de “Las Edades del Hombre”, que co título de Monacatus, ten como sede o mosteiro de Oña (Burgos), cóbrase 2 euros por ver unha exposición ben montada e cun discurso debidamente explicado.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña