Non hai mal que por ben non veña. Estou convencido que na intimidade dos auténticos despachos do poder (que non están en ningún Ministerio nin Parlamento) esta frase se ten repetido en múltiples ocasións nos últimos tempos. Para o poder económico real está crise, evidentemente, plantexa múltiples problemas, pero tamén resulta unha oportunidade. A crise é a coartada perfecta para a aplicación do seu "programa de máximos", a escusa permanente sobre a que facer recaer todos os cambios estruturais que unha minoría lle quer impor a unha inmensa maioría da poboación.
Fannos crer, mediante todos os medios ao seu alcance, -que non son poucos- que todo o que se está a facer é consecuencia desta crise económica e parte da única saída que existe á mesma. Cantas veces escoitamos nos últimos tempos: Non queremos, pero non queda outro remedio, Unha situación excepcional require de medidas excepcionais, Son medidas transitorias...? A versión máis católica implicitamente ven a dicirnos que “No pecado vai a penitencia”: pecamos (o famoso vivimos por riba das nosas posibilidades) e agora toca sufrir con resignación (o tamén famoso apertar o cinto).
Detrás desas frases de gabinete de prensa gobernamental, hai toda unha serie de medidas que noutro contexto económico e social serían impensábeis ou, cando menos, conlevarían, en ámbitos tan sensíbeis como o laboral, educativo ou sanitario un custe político e social moito maior. A aplicación desas políticas no estado español, son englobábeis, basicamente, en dous grandes paquetes: recentralización política e liberalización económica.
O españolismo ten unha oportunidade de ouro e tentará non desaproveitala. A crise é a escusa perfecta para resolver dun xeito máis acaído aos seus intereses o problema da configuración territorial do estado. O que na transición se saldaba cun café para todos, agora téntase converter en todo o café para Madrid, convertendo ao estado español nun estado aínda máis centralista e no que fique máis diluído o seu carácter plurinacional. A idea a inocular é clara: o modelo das Autonomías fracasou, pero non por non recoñecer o carácter plurinacional do estado, senón porque a descentralización é un despilfarro que España non se pode permitir. Desa idea forza, parten as voces que instan a re-asumir por parte do estado competencias transferidas, un modelo de plans de "rescate" ás CC.AA. que impoñen unha serie de medidas que, de facto, rematan coa xa de por si raquítica autonomía política e económica (unha versión á española do que fai a Troika con Grecia) ou unha revisión á alza das competencias das Deputacións Provinciais en vez de camiñar cara a súa supresión. Tampouco se escapa a esta lóxica a idea de reforzar o bipartidismo español mediante a redución do número de concelleiros/as e parlamentarios/as dificultando –aínda máis- a presenza nas institucións de forzas que defendan o carácter plurinacional do estado e visións económicas alternativas.
A outra grande liña de actuación é a "liberalización" económica. Todo está deseñado para que ao remate desta recesión vivamos nun estado español cun mercado laboral absolutamente precarizado e desregularizado, cun oligopolio financeiro (reflotado con cartos públicos e liquidada a competencia das caixas de aforro) controlando os aforros e os investimentos da inmensa maioría da cidadanía e coa paulatina privatización de servizos básicos (ensino, sanidade, servizos sociais, xustiza, pensións...). Todo o que sexa subceptíbel de ser privatizado será privatizado, incluso cousas que hoxe e, a pesar do que están a facer, aínda son impensábeis.
O resultado non o ve quen non o queira ver: máis paro e precariedade laboral, menos consumo e actividade económica, empobrecemento xeral da poboación e creación de bolsas de exclusión social sen precedentes nas últimas décadas, involución democrática, recorte de liberdades e dereitos conquistados tras moitos anos e moitas loitas. En definitiva, desde eses "escuros despachos" nos que resoa ese "non hai mal que por ben non veña" estanse a fixar os cimentos dunha sociedade infinitamente peor.
Aos que nos toca vivir este momento, tócanos tamén unha responsabilidade histórica: enfrontalo. Damos unha volta máis na espiral da historia, e como nas voltas anteriores, nunca ao pobo traballador se lle regalou nada, todo houbo que conquistalo. Desta volta, non será menos.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.