09:58 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-08-2012

Unha píllara papuda como metáfora de nós mesm@s, integrantes da patria galega

Patria

Valorar (17)

MARTA DACOSTA ALONSO



As píllaras corren por entre leiteiriñas e cardos. As súas patiñas fan carreiros que chegan moi lonxe do niño, son quen de atravesar os camiños feitos entre as dunas para que os turistas baixen á praia, e fano sen decatarse de que poñen en risco a súa vida. Elas simplemente camiñan polo territorio que as viu nacer.  

O niño está rodeado dunha tela de arame de buracos grandes. Puxéronlla para protexelas cando aínda non saíran dos ovos. A súa nai colocou o niño alí, no medio e medio da duna, xusto nunha da praia máis concorridas, e por que non, as dunas son o seu territorio, o lugar ao que pertencen. As dunas son a súa patria. As píllaras que desapareceran un día, hoxe, cando os novos tempos nos esixen consideración co hábitat que ocupamos, volven para recuperar o espazo ao que pertencen.  

Mais os mamíferos bípedes non son quen de entender que a súa ocupación do espazo natural é destrutiva. Por que non van tripar por riba da duna, unha persoa humana pode pasar por onde ela queira, só faltaría, non poder atravesar unha duna para chegar máis directo á praia, á auga do mar, emporcada pola nosa desconsideración. Por iso colocaron unha tea de arame ao redor do niño, por iso hai que colocar cinta da policía local facendo un perímetro para que persoas e animais non traspasen a zona de protección dos pitos da píllara papuda, tentando así que sobrevivan e que deixen de ser unha especie vulnerábel, e poidan recuperar o lugar que lles pertence.  

Mais a duna é a patria da píllara, toda a duna, non un pequeno lugar acoutado.  

E os pitos da píllara, inconscientes ou non, exploran a duna enteira e saen do recinto marcado, provocando as iras dos bípedes irrespectuosos que se negan a non pasar por onde eles queiran. Que é unha píllara e que lle importa a ese home acalorado de bañador até os xeonllos que se nega a escoitar as palabras dunha voluntaria porque, que indignación! fálalle en galego a el, que non é de fóra, que leva toda a vida aquí e que nunca falou galego, “ni consiente que se lo hablen porque eso es indignante”. O home acalorado é súbdito do rei que mata elefantes e osos.

As píllaras non son súbditas do rei cazador, non son españolas, a súa patria é a duna.  

Unha píllara papuda puxo o seu niño no medio da duna. A primavera camiñaba cara ao San Xoán. O niño e os ovos resistiron a noite desenfreada e naceron no verán, cando aínda a chuvia non nos abandonara. Houbo persoas que descubriron o niño e se preocuparon ao saber da vulnerabilidade das píllaras. Buscaron protección, recorreron ás institucións, fixeron carteliños en linguas diferentes, colocáronos pola praia ilustrados coas fotos dos pitiños nacidos. Pasan días e, algunha noite, tendo conta de que os pitos non morran debaixo dun pé ou dunha pouta. Ás veces reciben malas contestacións. Moitas veces a indiferenza.  

Os días pasan e dos dous pitos que naceron soamente vemos un. Os humanos tripan os territorios que consideran, sempre, da súa absoluta propiedade, sen importarlle que baixo o seu pé morra un ser vivo, unha especie. Mais a píllara insiste, resiste, avanza. A súa patria é a duna, desde antes que os humanos convertesen os areais en zonas de baño e veraneo, lugares a explotar e cos que especular.  

A píllara que resiste en Gaifar, o nome e as dunas que un día desapareceron baixo o alcatrán e o formigón, é unha alegoría de nós, nacionalistas que camiñamos pola nosa patria, rebordando o metafórico cordón policial que queren colocar todos os días os mesmos gobernos que enterran as dunas, que especulan co noso litoral, os nosos montes, o noso país, para coutarnos.  

Temos moito en común coa píllara de Gaifar. Coa súa teimosía en ocupar o espazo que lle pertence. Porque é noso.  

Porque é nosa.  

Porque é a nosa patria.


[03-08-2012 18:28] MIRTA LUZ comentou:

FERMOSO ARTIGO, MARTA.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña